Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O celeiro do Camiño

Hórreo e igrexa de San Martiño de Ozón, Muxía

Panorámica exterior da igrexa de San Martiño de Ozón.

San Martiño de Ozón aparece a sete quilómetros de Muxía, entre verdes prados onde houbo un mosteiro do século XII. O Camiño de Santiago percorre esta parte da Costa da Morte que, entre subidas e baixadas, prosegue deica outra magnífica igrexa, a de San Xiao de Moraime, expoñente do mellor románico galego. Á parte do seu templo, a parroquia de Ozón alberga un xigante pétreo, un hórreo de gran tamaño –máis de vinte e sete metros de lonxitude e vinte e dous pares de pés- que o sitúan como un dos de maiores dimensións de Galicia. Pode presumir de estar no top-ten dos celeiros da terra, moi preto doutros colosos como o de Araño, Lira, Carnota ou Poio.

Hórreo de Ozón, un dos máis grandes do país galego.

O conxunto que aglutina a igrexa de San Martiño de Ozón, a casa reitoral e mais o enorme hórreo conforma un lugar de gran beleza e de forza pétrea, realzada polo templo do século XII, do que conserva a súa planta románica e dúas das ábsidas. Diversas reformas posteriores déronlle o seu aspecto actual, no que destaca o seu campanario de estilo barroco. A cabeceira, de interesante valor arquitectónico, mantén elementos de pureza románica como a xanela con dúas columnas acobadadas e unha variada colección de canzorros que sosteñen as cornixas das ábsidas semicirculares. Como era costume, no seu interior foron enterradas as outrora poderosas familias da nobreza local, moitas veces mecenas e protectores deste tipo de abadías e posesións monacais. Neste caso xacen varios membros da familia dos Lema, entre eles Alonso de Lema de Quintáns, que repousa desde o século XVI.

Interior do templo de San Martiño de Ozón.

A reitoral ocupa parte do que puido ser edificio monástico, con transformacións ao longo do tempo. Está rodeada de construcións auxiliares -un pombal, alpendres e fonte- entre as que destaca o hórreo erguido a principios do século XVII. Realizado totalmente en granito, está asentado sobre pés e tornarratos circulares, en perfecto estado de conservación. A súa factura é toda de perpiaño, con corenta e catro pares de fiadas de pedra. Remata con dous pequenos pináculos nos extremos.

Do que foi primitivo mosteiro de Ozón queda algún vestixio, pois entre o muro sur da actual igrexa e o muro que fai de cerco da horta da casa reitoral hai un pasadizo que remata nun fermoso arco oxival onde estaba a entrada da antiga abadía, quizais levantada sobre un santuario anterior prerrománico. Crese que os seus primeiros ocupantes poderían ser frades procedentes de Santa Mariña de Tosto, en Camariñas, máis próximos ao mar e máis expostos aos saqueos.

O enclave é un lugar sacro cheo de arte en granito, e non só o do conxunto arquitectónico. Xunto ao hórreo transcorre un camiño empedrado que conduce, xunto a varios cruceiros monumentais, ao núcleo da aldea de Ozón. Esta parroquia conta con outro patrimonio artístico como as capelas de San Isidro de Quintáns do século XVII e da Virxe do Pilar de Suxo de 1902. Máis arquitectura románica no concello de Muxía está en Frixe, onde se levanta a igrexa de Santa Leocadia, do século XII, aínda que con reformas posteriores. Consta dunha soa nave, con ábsida cadrada e arco de entrada de medio punto. Exemplo deste estilo arquitectónico é tamén o templo de Leis, construción relixiosa de reducidas dimensións e fermosas vistas.

"O enclave é un lugar sacro cheo de arte en granito, e non só o do conxunto arquitectónico"

decoration

Por este territorio pasa o Camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, o que continúan moitos peregrinos cando, despois de chegar aos pés do Apóstolo, deciden coñecer a fin do mundo e volven poñerse en marcha uns días máis para chegar a estas localidades. O maxestoso santuario da Barca, monumento pétreo aberto ao mar, garda a tradición de que a Virxe acudiu ao lugar nunha embarcación de pedra para alentar a Santiago na súa predicación polo noroeste peninsular.

Esplendor románico

Camiño da Costa por Fisterra e Muxía está cheo de testemuños románicos. E un dos máis esplendorosos é, sen dúbida, o de San Xiao de Moraime, antigo cenobio do que queda a igrexa, declarada conxunto histórico-artístico. As doazóns de reis axudaron a levantala no mesmo lugar onde existía unha antiga ermida, varias veces arrasada, primeiro polos normandos e máis tarde polos sarracenos. Moraime foi lugar crave nas loitas dinásticas que se viviron no século XII, especialmente en torno ao que despois sería Afonso VII. Foi o enclave escollido polo conde de Traba para agachar o pequeno Afonso Raimúndez, futuro monarca, dos xogos de poder propiciados polo segundo casamento da súa nai, Urraca. Doazóns e privilexios contribuíron á riqueza patrimonial do mosteiro e a súa igrexa.

O templo conserva unha fermosa portada na que os estudosos observan similitudes co Pórtico da Gloria. Non é o único tesouro de Moraime, que loce novas cores tras a restauración das súas pinturas murais. Nos anos setenta descubríronse uns valiosos frescos con diferentes representacións, desde os pecados capitais á morte. Estímase que datan do século XVI e que eran utilizados polos monxes para reforzar a súa mensaxe de fe. A elaboración tamén sería consecuencia dos intercambios culturais propiciados polo Camiño de Santiago, xa que os expertos identificaron nos murais a influencia do estilo gótico flamenco.

Compartir el artículo

stats