Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Populares comuneiros

Representación pictórica da batalla de Villalar (1521). Nas imaxes pequenas: Carlos I (1500-1558); o líder comuneiro Juan Bravo (1483-1521)

A concepción da monarquía española coma un ente alleo á transcendencia do tempo, e negador da diversidade dos seus súbditos, comezou cando a unión dinástica dos Trastámara converxeu cos Habsburgo: Filipe o Fermoso casou, entón, con Xoana -filla de Isabel de Castela e Fernando de Aragón-;o descendente da nova parella real veu herdar as dúas coroas hispánicas, que foi engadir á súa condición de emperador xermánico. Así con Carlos V de Alemaña e I de España nacía a monarquía teocrática e absoluta, con absoluto desprezo dos dereitos que os súbditos –especialmente os das cidades- gañaran a cambio de prestaren fidelidade á coroa.

Coa reclusión de Xoana, un tempo despois da morte do seu marido, Castela viviu un baleiro de poder que foi aproveitado por diversos sectores, desde o seu propio pai, Fernando, ata os conselleiros flamencos que chegaran con Filipe. De feito, a autoproclamación en Bruxelas de Carlos coma rei das posesións hispánicas, aínda en vida da súa nai, podería asimilarse a un golpe de estado. Estes señoríos –especialmente a Castela que comezaba a dominar América- eran a reserva que lle podían permitir o seu ascenso á coroa imperial. Semellante visión de goberno dinástico unipersoal chocaba con esoutra, baseada na tradición castelá de cidades e vilas autónomas, que tiña o rexente, o cardeal Cisneros, sucedido á súa morte polo flamenco Guillerme de Croy coma arcebispo de Toledo en detrimento de Alonso III de Fonseca.

Para iso, tan logo como chegou á península Ibérica en 1517, Carlos comezou a aplicar unha presión fiscal que lle permitise financiar os subornos necesarios (adiantados por banqueiros alemáns) para suceder ao seu avó Maximiliano no trono imperial. Esa chegada de novos conselleiros flamencos e mais o aumento da esixencia fiscal ás cidades representadas nas Cortes, puña en moito risco o futuro das elites castelás. A petición efectiva de impostos para financiar a súa elección imperial, feita nas cortes celebradas en Compostela e A Coruña en decembro de 1520, non fixo senón aumentar a intensidade da revolta das cidades, iniciada uns meses antes contra o poder real, que tiña o apoio da alta nobreza e dos territorios periféricos casteláns. Entre eles, Galicia, unha parte de cuxos sectores dominantes quixeron negociar co emperador diversas concesións a cambio do seu apoio. Tratábase,pois, dunha situación que se engadía a problemas internos tanto na agricultura coma no comercio, como as trabas que supuña o monopolio burgalés da lá. A revolta comezou en Toledo, cando a multitude impediu a Juan de Padilla que acudise á convocatoria en Compostela, ocupando o goberno local e constituíndose en comunidade. Esta propuxo ao resto de cidades con voto en cortes unha xuntanza con cinco puntos a esixir: anulación do acordo tomado na Coruña; volver ao sistema anterior (encabezamentos) de cobro de impostos; que os cargos públicos civís e eclesiásticos fosen ocupados por casteláns: prohibición que os diñeiros do reino saísen fóra; que o rexente –en ausencia do rei- fose asemade castelán.

A actuación do alcalde de Segovia contra os seus concidadáns provocou que a cidade se unise á revolta, que gañou o apoio de máis urbes despois de que o delegado do rexente Adriano de Utrecht ordenase o incendio de Medina del Campo. Tras diversas batallas e de que o emperador condenase a morte a máis de douscentos líderes comuneiros, as tropas reais derrotaron o exército rebelde en Villalar, en cuxa praza maior foron decapitados Juan de Padilla, Juan Bravo e Francisco Maldonado. Malia diversos actos de resistencia, a represión seguiu durante uns anos (calcúlase que cen comuneiros foron executados) ata impoñer o poder imperial. A pesar do perdón real decretado en 1522, Castela perdeu a súa condición territorial, subsumida na coroa española, que comezou a drenar os seus recursos a prol da nova capital, Madrid.

Tres séculos despois, o goberno liberal reivindicou a memoria dos líderes executados e organizou unha expedición a Villalar, comandada por Juan Martín Díez El Empecinado, para exhumar os restos dos comuneiros executados.

Memoria no pobo

A revolta dos comuneiros ficou publicamente silenciada pero viva na memoria popular. Con todo, Cervantes fixo unha mención no Quixote e Quevedo empregou a palabra comunero coma sinónimo de rebelde.

Foi coa emerxencia da ideoloxía liberal cando a lembranza da revolta colleu unha dimensión pública como símbolo contrario á coroa. Xa en 1821 creouse en Madrid unha Sociedad de Caballeros Comuneros, de estrutura filomasónica e inspiración carbonaria, organizada en diversas torres (loxias). En 1871 fundouse, tamén en Madrid, a loxia masónica Comuneros que en 1886 pasou a chamarse Comuneros de Castilla nº 289. A Primeira República incorporou a cor morada (a que supostamente tiña o pendón comuneiro despois de Villalar) para a franxa inferior da bandeira española.

Unha memoria que se mantivo, impregnando incluso a política oficial, como evidencia o feito de que no cuarto centenario de Villalar o goberno de Antonio Maura autorizou que esta vila incorporase “de los Comuneros” á súa denominación. E xa na Guerra Civil, o Centro Abulense de Madrid promoveu un batallón “Comuneros de Castilla” para combater a sublevación. En fin, no ámbito deportivo, o Real Madrid CF empregou unha banda morada no seu escudo entre 1925 e 1998. E franxas moradas locen aínda o escudo e mais a camiseta do Real Valladolid.

Compartir el artículo

stats