Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Urbanismo e vilas galegas

Unha ollada aos núcleos históricos menores

Vista do conxunto histórico de A Guarda. ARQUIVO FARO DE VIGO

O Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente vén de publicar A paisaxe no tempo. Marco urbano e ambiental dos núcleos históricos menores en Galicia, de José González-Cebrián Tello e Miguel Ferreira Villar, unha interesante obra tanto para especialistas na materia como para o público en xeral onde fai un repaso da morfoloxía urbanística de trinta vilas galegas de tamaño medio, desde o seu punto de partida histórico ata a súa configuración actual. A obra, que pretende abarcar máis aló do plano histórico, ábrese a maiores a un estudo das posibilidades de futuro destas vilas, falando ademais dos diferentes plans de ordenación e protección dos cascos históricos galegos e dunha importante análise sobre os problemas comúns a todos eles xunto cunha serie de exemplos de intervencións para solucionalos.

Panorámica aérea de Betanzos

A propósito do urbanismo das vilas galegas, resulta especialmente esclarecedora a división en diversas tipoloxías en función da súa morfoloxía urbana, xa que nos axuda a entender o porqué da estrutura destas vilas en función dos aconteceres históricos e xeográficos. Deste xeito, os autores falan de catro tipos básicos: dunha banda temos a estrutura pechada de orixe medieval, onde atopamos vilas como Betanzos, Manzaneda, Pontedeume, Allariz..., que manteñen a feitura defensiva medieval cuns asentamentos en perímetro case que circular e unha evolución en aneis concéntricos extramuros. Interesante neste caso ter en conta o sistema de enclaves urbanos que aparece en Galicia a partir do século XI, fortalecido polo auxe das peregrinacións xacobeas. En segundo lugar estarían as vilas itinerarias, caracterizadas pola agregación lineal das edificacións, e que aparecen ao longo das diversas rutas de peregrinación, primeiro, e xa a finais do século XVIII e ao longo do XIX por mor do trazado das diversas estradas de comunicación. Neste caso estamos a referirnos a vilas como Sarria, Samos, Celanova, O Barco, Redondela... Será ao longo do século XVIII cando apareza unha nova técnica de fortificación, que dará lugar á terceira das tipoloxías: os enclaves defensivos en forma de baluarte, que terán especial importancia en relación á defensa do litoral, as principais rutas do comercio marítimo e á defensa fronteiriza. No caso do tamaño de vilas que nos ocupa, estarán presentes en Baiona, Tui, Salvaterra... E coma non, a cuarta das tipoloxías serán os núcleos mariñeiros, divididos en dúas categorías. Dunha banda, as vilas-ponte de fondo de ría, de orixe medieval, tomando como liña directriz a ponte de paso, de forma pechada medieval, áss veces con castelo, en vilas coma Viveiro, Noia, Padrón, Pontedeume... E doutra banda os portos fondeadoiro, que comezan a destacar a partir do século XVI e que traen ventaxes con respecto aos anteriores en relación ás necesidades de calado. Nesta tipoloxía están portos como Muros, A Pobra, Rianxo, A Guarda, Cambados, Corcubión...), vilas que se desenvolven en sentido lonxitudinal ao límite litoral e que precisan sempre dalgún acubillo para o abrigo das embarcacións.

Sen lugar a dúbidas, a estrutura dun poboamento é un reflexo da súa historia, da funcionalidade do territorio no devir do tempo. Perdernos nas rúas medievais de Ribadavia e entender a puxanza económica que se amosa nas súas edificacións; pasear polo sinuoso casco vello de Combarro, desfrutar de cruceiros e hórreos que non só albergaron gran senón tamén exerceron de secadoiro dos peixes da Ría e valorar como as casas están construídas sobre as rochas graníticas co fin de sacar un maior partido das terras fértiles; rodear a fortaleza de Monterreal de Baiona e revivir as sensacións daquel porto testemuña da primeira noticia da chegada ao Novo Mundo; meternos baixo os soportais de Muros, vila mariñeira medieval, antano un dos portos máis importantes de Galicia... Achegarnos a estas vilas de tamaño medio fainos revivir o que foron e responsabilizarnos no modo en que llo imos pasar ás seguintes xeracións. Comprender o urbanismo histórico para que poida ser desfrutado tamén polas xeracións que están por vir.

Compartir el artículo

stats