Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O estado moderno e a teoría política

Historia do pensamento (XV)

Monumento a Niccolò Machiavelli (1429-1527).

A finais do ano 1513 ou inicios do ano 1514, Niccolò Machiavelli escribe e dá a coñecer de xeito privado un texto que tras a súa edición póstuma (1532) pasa ser coñecido co título d’O príncipe, un texto fundamental da filosofía política. Ora ben, que fixo dese texto -que en ocasións se ten comparado cun tratado do tipo das ‘instrucións de príncipes’, entre os que se podería incluír o Speculum principis (1501), escrito por John Skelton para quen ía ser o rei Henrique VIII de Inglaterra, ou a Educación dun príncipe cristián (1516), escrito en latín por Erassmus van Rotterdam para o príncipe Carlos, futuro emperador romano-xermano e rei de Castela e Aragón- un texto tan especial? A resposta non é sinxela, de feito, ao longo dos últimos séculos leuse de xeitos moi diversos: primeiro prestando atención á cuestión da autoridade, o conflito e a orixe do Estado e, despois, á cuestión do nacionalismo, a loita de clases e o imperialismo, pero ten que ver co contexto político en que interviu Machiavelli, o xurdimento dos estados modernos, e a forma en que o fixo: un ‘manifesto’ no que se sitúa no lugar do pobo.

Erasmus van Rotterdam (1466-1536).

O xurdimento do estado moderno

Finalizada a longa crise do século XIV, atravesada por violentos conflitos armados, como a Guerra dos 100 anos (1337-1453), que foron o marco de numerosas guerras civís, como as guerras en Castela, Portugal, Aragón ou Bretaña, e a causa doutros conflitos, como a Guerra das Dúas Rosas (1455-1487) ou o católico Cisma de Occidente (1377-1417), xurdiu un novo modelo de estado: o estado moderno, cuxa constitución pódese rastrexar en todos os estados europeos a partir do ano 1475. Velaí está Castela, da man de Isabel I (1474-1504), e Aragón, con Fernando II (1479-1516), así como co sucesor de ambos, Carlos I (1516-1556) -quen tamén ostentou o título imperial-; Inglaterra, fundamentalmente baixo o reinado de Henrique VIII (1509-1547); o imperio romano-xermano, sobre todo da man de Maximiliano I (1508-1519) e o seu sucesor, Carlos V (1519-1556); Francia, sobre todo baixo o reinado de Francisco I (1515-1547); os Estados Pontificios, fundamentalmente baixo o papado de Xulio II (1503-1513); e Rusia, onde Iván IV (1533-1584) fundou o tsarato de Rusia, outorgándolle a Moscovo o título de terceira Roma. En todos eses territorios comezaron desenvolverse novas institucións políticas para garantir o goberno da ‘nación’ (por exemplo, no caso de Castela, o Consello de Castela), a administración de xustiza (as audiencias, como a establecida en Galicia no ano 1480), o control e o mantemento da orde (por exemplo a ‘Santa Hermandad’ de Castela, a recadación de impostos e a política fiscal e mais un exército permanente e un corpo diplomático.

Carlos I de España (1500-1558).

É nese contexto, no que a partir de 1494 as repúblicas italianas se vén inmersas nun continuo de guerras -as guerras italianas (1494-1559)-, que enfrontan a todos os estados europeos con intereses no control no control de Italia, no que intervén Machiavelli cun proxecto político para a construción dun estado italiano.

Un manifesto para o futuro

Malia estar dedicado a un príncipe, concretamente Lourenzo de Médici. O príncipe, o libro está escrito para o pobo, a quen lle encomenda unha decidida tarefa histórica: construír un estado ‘nacional’ moderno, situándose baixo o mando dun príncipe, que habería de actuar como catalizador histórico dese suxeito popular, polo que Machiavelli é un pensador das orixes do absolutismo. Porén, non estamos diante dun pensador absolutista: polo contrario, o seu pensamento é democrático na medida en que outorga ao pobo o papel de control do poder. Velaí a forza e actualidade do pensamento de Machiavelli, que tanto inspirou a Gramsci e a Althusser.

Thomas Morus (1478-1535).

Do Príncipe á Utopía

O príncipe é, xa que logo, un libro de combate: un libro para pensar o presente e construír o futuro; neste sentido, como ten sinalado Filippo del Lucchese no seu libro The political philosophy of Niccolò Machiavelli (2015), ‘para Machiavelli, o mesmo que para Marx, non se trataba só de interpretar o mundo, senón de transformalo’.

Ora ben, Machiavelli non foi o único autor que abriu un novo camiño para transitar cara o futuro. Efectivamente, o humanista Thomas Morus, logo de describir as condicións de vida e as desigualdades sociais de Inglaterra e criticar a propiedade privada e as formas tiránicas de goberno, propón en Utopía (1516) un proxecto político para unha ‘mellor república’. Esta nova república construiríase sobre unha orde social máis xusta e igualitaria, que consideraba que era a mellor garantía de benestar para o maior número de persoas, posible grazas a unha organización política democrática e unha organización social igualitaria asentada sobre a libre asociación de produtores.

Neste sentido, nun momento no que se están a sentar as bases do capitalismo e do imperialismo europeo e no que se están a organizar novas formas de control e de administración, Machiavelli, Morus ou De las Casas, toman a posición do pobo para construír o futuro, velaí a súa vixencia no mundo actual.

Compartir el artículo

stats