Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paz para o espírito

No mosteiro de Armenteira (Meis)

Corredores do claustro. | FOTOS: GUSTAVO SANTOS

O concello pontevedrés de Meis é unha fértil veiga do val do Salnés que ascende desde o río Umia ata os cumes do monte Castrove. Está cheo de lugares de interese e, entre todos, destaca o mosteiro de Armenteira, vinculado desde sempre á figura de San Ero, coñecido por ser un dos personaxes medievais relacionados coa lenda do monxe visionario. E é que relata a tradición que vén ser ao cabaleiro don Ero a quen se debe a fundación da abadía cisterciense, cuxas obras iniciaron no século XII e remataron nos albores do XIII. O que foi primeiro abade do mosteiro recibe os visitantes perpetuado en pedra e cun paxaro no ombreiro na entrada deste magnífico conxunto histórico-artístico.

Do pasado do cenobio e dos seus monxes sábese case todo a través dos documentos escritos. A lenda de San Ero coñécese principalmente porque foi recollida polo rei Afonso X “O Sabio” na cantiga de Santa María 103, a que di: “Quen a Virgen ben servirá, a Paraiso irá”. A historia popular reza que o bo cabaleiro tiña un pazo en Armenteira e, casado con exemplar muller, non lograban ter descendencia. Devoto e piadoso, xunto coa súa esposa pediu a intervención divina para traer fillos ao mundo. Deus escoitou os seus preces e prometeulles herdeiros pero estes non serían biolóxicos, senón espirituais, e ademais numerosos.

O Señor transmitiullo aos esposos a través dun soño e ambos decidiron entón fundar cada un un mosteiro. Ero fíxoo nun dos seus pazos, e o nobre solicitou monxes cistercienses a San Bernardo de Claraval, quen enviou catro para comezar a fundación. O bo cabaleiro desexaba coñecer o significado da eternidade e rezaba a miúdo á Virxe para atopar resposta. Un día, meditando polas paraxes que rodean a abadía, quedou cativado polos trinos harmónicos dun paxaro, hai quen di que un merlo. Cando espertou do seu embeleso, e tras recuperar a conciencia, Ero non puido recoñecer ningún dos seus monxes toda vez que pasaran trescentos anos. Foi entón como comprendeu a transcencia do que acontecer, pois estivera todo ese tempo vivindo no Edén. Xa que logo, agradeculle á virxe o milagre e desde entón celébrase na explanada do cenobio a Festa de San Ero no mes de agosto e mais a romaría das Cabezas, de propiedades milagrosas para curar a hemicrania. Trátase, pois, dunha lenda medieval que fala da procura do Paraíso, escrita en pedra sobre o dintel da entrada ao recinto de Armenteira

Ao mosteiro accédese atravesando un arco que desemboca nunha praza con cruceiro. A xoia do conxunto é a igrexa, rematada de construír cara a 1225. Destaca pola súa sinxeleza e austeridade. Dirixida cara ao oriente, busca sempre a primeira luz, agardando a chegada do sol nacente, metáfora de Cristo. O rosetón da fachada é dunha beleza singular, caracterizado por un labor calado a base de formas lobuladas e cambiantes, dispostas en aneis. Baixo un macizo baldaquino de granito do templo atópase a imaxe da nosa Señora, que aquí leva o título de Virxe da Cabeza.

Ademais do mosteiro, Armenteira forma parte do coñecido Roteiro da Auga e a Pedra, a antiga senda que percorrían os veciños de Ribadumia para chegaren ao cenobio os luns de Pascua. Fervenzas, ríos, muíños e frondas envolven esta coñecida contorna, que ben podería ser un recuncho do edén buscado por San Ero. En fin, do esplendoroso pasado artístico de Meis dan testemuño outras construcións: a igrexa de Mosteiro, onde houbo un antigo cenobio benedictino; parroquial de San Martiño ou a de San Salvador, coa súa nave románica baixo a cuberta abovedada. Da súa parte, a arquitectura civil devén igualmente significativa, ligada ás liñaxes que habitaron as casas soarengas, como os pazos de Pompeán, en Paradela ou o de Quintáns.

Vista do claustro e torre da igrexa. | FOTOS: GUSTAVO SANTOS

Vista do rosetón. | FOTOS: GUSTAVO SANTOS

No monte Castrove

Nesta zona é obrigado subir ao monte Castrove para observar a panorámica que se contempla desde arriba. A vista abarca, desde Poio deica O Grove, as rías de Pontevedra, Arousa e mais o val do Salnés. Na parte alta atópase un interesante petróglifo denominado Pedra do Cribo. O Castrove garda outros monumentos, xa no municipio de Poio, de orixe vexetal. “O Bosque de Colón” alberga a maior concentración de secuoias de Europa, plantadas en 1992 con motivo do 500 aniversario do Descubrimento de América. Son cincocentos os exemplares que aquí medran, xa exceden os vinte metros, seguen crecendo e o que lles queda aínda, porque poden durar centos ou miles de anos. Con tres décadas, as secuoias de Poio teñen moito por vivir.

Preto do bosque está outro recuncho máxico, rodeado de fronda, cun río que nace nos montes de Castrove e desemboca na praia de Campelo. É o Pereiro, que curso abaixo vai deixando muíños, rápidos, caídas de auga e remansos entre granitos, que quizais extasiaron a San Ero. Non secuoia pero si ciprés de Monterrey é o que habita no pazo de Quintáns, en Paradela, que probablemente non sería o mesmo sen este monumento verde. A edificación, do século XVIII e preto do río Umia, cumpre á perfección o refrán: “Casa grande con capela, pombal e ciprés... pazo é”. A árbore foi plantada no último terzo do século XIX e excede os trinta e cinco metros de altura.

Compartir el artículo

stats