Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Feitura de conto clásico

Solidariedade, empatía e amizade

Motivo central da cuberta de "Velloucas & Minchas".

No 2018 o Concello de Pontevedra instaurou o Premio María Victoria Moreno de Literatura Infantil e Xuvenil. Pois ben, na súa terceira edición o xurado considerou gañadora a obra Velloucas & Minchas, de Lorena Grande e como sucedeu nas dúas anteriores, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa de Antonio Manuel Fraga e Ardora de Andrea Maceiras, destacouse que a historia é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que dá nome ao certame literario.

Sofía debe pasar o verán coa súa avoa despois dun comportamento nada axeitado e tamén para que a súa nai teña tempo de organizar as ideas sobre a relación que mantén co seu home. A partir deste momento maniféstanse os problemas que teñen a avoa e a neta preocupadas e que co paso dos días verán resoltos, non sen antes atravesar algún que outro atranco en forma de metedura de zoca ou acerto.

A sucesión de acontecementos apenas dura un mes e o final feliz para o bando dos “bos” dá idea de que valores como a solidariedade, a empatía ou a amizade son os mellores aliados na loita contra a especulación, o vandalismo e a falta de escrúpulos. Polo camiño amósase tamén que a mocidade e a ancianidade, lonxe de afastarse, poden chegar a complementarse: a espontaneidade da imprudencia fréase coa sensatez e o espíritu crítico que outorgan o tempo e os anos e que aquí veñen representados polas velloucas, tres vellas que viven no mesmo edificio e que xuntas plantan cara ao agresor, e as minchas, dúas adolescentes pechadas nelas mesmas coma caramuxos e que perciben que a mellor opción é abrazar a voz da experiencia.

Estamos, pois, diante dun traballo que reflicte os coñecidos esquemas dun conto clásico, con presentación, nó e desenlace e círculo pechado como afirma a flamante gañadora do Premio ao relacionar as clases/festas que recibiu de Mª Victoria Moreno coa súa afección de escritora.

GRANDE, Lorena, Velloucas & Minchas, Cuarto de inverno, Arzúa 2020, PVP. 12, 83 €

Compartir el artículo

stats