Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Proxecto completo

Luminosidades para o amor

Proxecto completo

Esta é xa a décima entrega poética de Medos Romero. Nesta ocasión o seu poemario fala do amor. O amor no ámbito do erótico, sexual e afectivo. Peixes que esvaran... non é unha obra pensada para un amante ou namorado. Moi pola contra toca diversos aspectos da vida sexual das persoas. Atopamos poemas da iniciación de homes e mulleres, poemas da paixón incontrolable, da mestura desta coa tenrura... É unha poética da exploración e a reflexión expresada nun estoupido lingüístico de quen lle sabe e aprecia todo aquilo do que xa falaba Ovidio no seu Ars amandi. Mais aínda combinando nos seus versos o explícito co sutil e metafórico, non pense o lector que é unha simple manifestación do que puideran ser as diferentes manifestacións amatorias. Lendo a poesía de Medos Romero víñame a mente José Ángel Valente que no seu Variaciones sobre el pájaro y la red expoñía cuestións fundamentais que se deben ter en conta á hora de ler este tipo de poesía: o misticismo, o espiritual como elemento indisociable do eros. Así poderemos achegarnos mellor a Peixes....

A expresión poética é a mellor das posibilidades para poder expresar esta conxunción entre o corpóreo e o místico. A separación do eros do misticismo (mesmo cristián) non se debe á tradición –Santa Teresa de Ávila deixouno claro–, débese a elementos culturais evidentes que hai que superar. A carnalidade como manifestación da sensibilidade, do espiritual está na cerna do misticismo, pois a través do que sentimos, a través do noso corpo están as maiores das posibilidades. E neste poemario percibimos todo iso. No que atinxe ao conceptual, ten moito sentido, un plan claro que presenta ao lector. As imaxes son concibidas con delicadeza e transparencia. Non hai escurantismo nas palabras de Romero. Son luminosidade para unha poesía do amar.

A forma non prende na mensaxe. Hai ritmo interno para un versolibrismo inzado de encabalgamentos ao servizo da mensaxe. Imaxes poderosas e diáfanas, achados interesantes para unha poesía envolvente. Como no espiritual e o carnal, poñamos por caso, o contido e a forma son un. Proxecto completo para unha nova achega interesante para ir facendo unha obra.

ROMERO, Medos, Peixes que esvaraban ao unísono, Caldeirón, Malpica, 2020, PVP. 12 €

Proxecto completo

Proxecto completo

Compartir el artículo

stats