Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Industrias de antano

Na lembranza dun pasado (case) perdido

Traballadoras na fábrica de conservas Massó, en Cangas.

Nos últimos tempos son varios os traballos que están a agromar loitando por manter vivos na memoria anacos do que foi un rico tecido preindustrial galego nos séculos XVIII e primeira metade do XIX, ferido de morte na segunda metade desa última centuria e, finalmente, desaparecido a partir de 1900. Hoxe en día poucos vestixios quedan dos importantes curtidoiros de coiro, das fábricas de salga, do traballo do liño, das ferrarías, etc... Resulta sinal significativo da época que estamos a vivir, que cando buscas na internet calquera deses termos, ao primeiro que te ves dirixido é a unha casa rural: paradoxal, patético ou desesperanzador (ou ben todo o contrario, segundo se mire), pero ese é o destino dos poucos restos que quedan en pé das vellas industrias na nosa Galicia. De aí que obras coma A industria galega dos curtumes, de Claudio Otero Eiriz, resulten alentadoras como recuperadoras dunha parte do que fomos e que non deberiamos deixar caer no esquecemento.

O decorrer do século XVIII e os comezos do XIX marcaban sinais de esperanza para unhas incipientes industrias que, nalgúns casos, pasaron de ser pequenos talleres artesanais a medrar e que, noutros, xurdiron grazas ao investimento de capital foráneo: vasco, pero fundamentalmente catalán. Burgueses alleos, entón, que viron en Galicia unha terra rica en recursos e materias primas e asemade un lugar oportuno onde facer medrar os seus negocios. Se falamos de cataláns, por estas terras nosas véñennos a cabeza, cómo non, non as conserveiras, mais tamén as fábricas de salga, os curtidoiros, as ferrarías... Foi época de prosperidade; as industrias non tiñan excesivos elementos mecánicos pero si que pouco a pouco se ían introducindo innovacións técnicas; as producións medraban, tanto que como nos lembra Otero Eiriz, un de cada catro coiros fabricados no estado español saía dos nosos curtidoiros, e que dicirmos dos sectores pesqueiro e conserveiro... Mais os tempos mudaron e a evolución destes sectores (excepto a conserva) seguiu un patrón moi similar: a aparición de avances técnicos supuxo o comezo da decadencia. Galicia non soubo, ou non quixo, ou non lle deixaron as sucesivas leis manter a súa competitividade; quedarmos fóra, nun primeiro momento, da implantación do camiño de ferro e ao mesmo tempo non ter unha boa rede eléctrica fixo que aqueles que chegaran con intención de elaborar aquí as nosas materias primas decidiran que lles era mellor transportalas e elaboralas nas súas terras. Deste modo, como perfectamente se analiza no libro de Otero, os cataláns marcharon a curtir para o Levante, e así ocorreu con outros sectores: tampouco as ferrarías puideron competir cos altos fornos de Biscaia; o tecido de liño deu paso aos tecidos de algodón, e co paso do tempo os sistemas de frío remataron coa salga...(aínda que neste sector, como no da conserva, non era doado manexar a materia prima sen estragala, e quedaron nestas terras). As consecuencias foron devastadoras para a nosa poboación e a emigración masiva foi a única saída posible.

Lembro o meu primeiro traballo na Universidade, titúlase “O proceso de salazón da sardiña en Vilanova de Arousa.” Gárdoo con cariño por ser a miña pequena primeira investigación antropolóxica. Aínda loce as letras da vella máquina de escribir da casa; ao relelo, fala dunha industria en vías de desaparición nun momento no cal unicamente quedaban vivas dúas empresas adicadas á salga nesa vila das vinte e seis que houbera no pasado. Aínda a finais do século XX, o proceso de elaboración era totalmente manual e artesanal, mesmo as caixas e tabais de madeira de piñeiro empregados se creaban na propia fábrica. Recoñecían naquel momento que estaban en extinción, que era un proceso imparable.

A crónica do noso tecido preindustrial é unha historia que lamentablemente non rematou ben, pero da que nos quedan pegadas no patrimonio cultural, tanto material coma inmaterial. Podemos laiarnos do que non foi, das oportunidades perdidas, das leis que nos perxudicaron... pero debemos rescatar do esquecemento o que aínda queda, e as voces dos que aínda o poden contextualizar co fin de non esquecermos de onde vimos.

A ferrería, un dos últimos labores da artesanía  de noso.

A ferrería, un dos últimos labores da artesanía de noso.

Compartir el artículo

stats