Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nomadland de Chloé Zhao

Un iate no medio do deserto

A directora de cinema chineso-norteamericana Chloé Zhao.

“Aquel non era o meu lugar, para que me servía atoparme alí cando podía estar igualmente en calquera outra parte? As posibilidades semellábanseme infinitas, sabía que detrás daquel muro de montañas había outros lugares descoñecidos e que, non obstante, non me eran máis estraños que este: entre a paisaxe e eu instalárase ese xénero de indiferenza capaz de se transformar en intolerancia ou en algo peor.” Witold Gombrowicz.

Resulta difícil crer -sobre todo tendo en conta a súa exquisita educación e filmografía- que alguén tan apegado á errancia como a cineasta Chloé Zhao (Beijin, 1982) non tivese en conta este pequeno extracto da novela Kosmos para a elaboración da súa última produción, Nomadland (2020) que, se as circunstancias da COVID o permiten, se estreará nalgunhas salas do Estado español o vindeiro 19 de febreiro.

Con apenas trinta e oito anos de idade, esta xove exploradora de imaxes leva xa percorrido unha grande parte do territorio dos Estados Unidos, na procura dunha explicación á súa verdadeira identidade nacional. O seu traballo -tal e como ela mesma o describe- consiste en observar as súas xentes, sen interferencias nen preconceptos, deixando que se movan libremente diante do seu visor. E o certo é que en todos os filmes de Zhao existe a vontade poética de introducir a voz dos silenciados, daqueles que até hai pouco aparecían unicamente ouveando, montados a cabalo cun penacho de plumas, ou daqueles outros que a sociedade expulsou e que deambulan dun lado a outro do país levando o fogar sobre catro rodas. As súas obras sitúanse deste xeito nunha especie de territorio equidistante entre a ollada pura e a interpretación histórica, herdada do western, mantendo en todo momento unha actitude remisa aos excesos tanto da mitificación como da desmitificación deste xénero cinematográfico. Os seus traballos, por conseguinte, son unha mestura de ficción e documentario, onde os avatares das persoas reais conviven en harmonía co relato imaxinario.

Nomadland entraría por méritos proprios na categoria de “filmes de estrada”, coa singularidade de que os periplos dos seus protagonistas están rexidos por decisións completamente arbitrarias. En ningún momento se explican os motivos das súas itinerancias, aínda que en algunha escena aparezan os nómadas falando do que os levou a residir nunha caravana: “Meu amigo Bill morreu tres semanas despois da súa xubilación sen que puidese usar sequera unha vez o iate para o que aforrara toda a súa vida. Eu decidín vivir co meu no medio do deserto”. O film retrata así eres deambulantes, desorientados, que son incapaces de manter unha querenza coa paisaxe que os rexeita. Non estamos diante dunha visión estritamente documental dos indignados de América, aínda que as personaxes que se mostran na pantalla sexan verdadeiros transhumantes (exceptuando Fern, a protagonista interpretada por Frances McDormand). A historia -segundo a directora- partiu dun feito acontecido o día 31 de xaneiro de 2011, cando a fábrica de contrachapados de Empel en Nevada fechou a súa planta despois de oitenta e oito anos deixando sen código postal e sumidas na impotencia e desesperación a un sobrecolledor número de familias.

Houbo un tempo en que os encargados de escenificar o mundo daban sempre unha explicación ao final da fita. Era un modo de aliviar a tensión do espectador ante feitos incomprensíbeis para el. Non había sutilezas e, polo tanto, tampouco preocupacións. No interior de Nomadland non hai idearios nen alternativas mellores ou peores, tan só a viaxe sen destino dun grupo de persoas que non entenden o que pasa ao seu redor. Un tenue detalle que fala da fortaleza do ser humano para abrirse camiño en medio das súas proprias adversidades.

Oscar buzz

Era a primeira vez que Chloé Zhao sentenciaba o putrefacto ar da ignominia humana cun golpe de claqueta. Corría o ano de 2013 e facíao desde Wazí Aháŋhaŋ Oyáŋke, a reserva do pobo Iakota, que naquel momento superaba nun 150 % a taxa de suicidios de todos os adolescentes de EEUU. Songs my brothers taught me (2015), estreado no Festival de Sundance, collía por sorpresa a todos os que non esperaban que unha chinesa escandalosamente rica (formada nunha das universidades para mulleres máis elitistas do mundo) puidese comprometerse até ese punto co universo dos desventurados americanos.

Oito anos despois daquela estimulante experiencia, que puxera en alerta inmediata aos cazatalentos das Majors (os cinco maiores estudos de cinema de Hollywood), a cineasta continúa a facer gala dunha humildade impropia dos orzamentos que manexa. Favorita entre as favoritas para alzarse co Oscar ao mellor filme deste ano, a directora acaba de recibir o encargo de dirixir Eternals, baseada nunha das sagas máis emblemáticas de Marvel Comics, e que contará coa “incalculábel” colaboración de Angeline Jolie, Salma Hayek e Richard Madden, entre outros.

De agora en adiante non nos vai quedar outra opción que vixiar atentamente cada un dos futuros traballos desta artista que tanto nos emocionou, non vaia ser que as promesas da alfombra vermella e o cheque de Disney convertan a Zhao noutra directora fantasma.

Frances McDormand nun fotograma de Nomadland (2020).

Compartir el artículo

stats