Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viño de príncipes

Un libro feliz e ameno

Viño de príncipes

O tostado, o máis aristocrático dos viños galegos, permanece case no esquecemento. Como dicía Fausto Galdo é unha das nosas glorias case desaparecidas, despois de ter sido o noso caldo máis nobre. Hoxendía dúas adegas no ribeiro recuperaron esta alfaia louvada por escritores como Otero, Cunqueiro, Blanco Amor ou Pardo Bazán. E Xavier Castro, autor de libros como A rosa do viño, procura na súa última publicación a descuberta deste tesouro esquecido polos propios galegos. Este libro recopila artigos de prensa aparecidos na nosa lingua, que agora saen en castelán á conquista de novos lectores máis alá do Padornelo, na editorial Acuarela Comunicación, á procura tamén de espallar as excelencias deste viño que induce a cálidas levitacións.

O autor parte de fontes variadas: entrevistas, estudos etnográficos, literatura costumista ou realista… Con erudita e amable pluma lembra que o tostado -probablemente xa se coñecía na Idade Media- foi apreciado nos Pazos e reservado para as grandes celebracións; que está emparentado con outros viños ilustres de Hungría e de Francia; e que o seu alto prezo está xustificado pola lentitude na elaboración. Viño doce e robusto, elaborado adoito cos mellores racimos de treixadura, admite maridaxes diversas, pero namora o padal de xeito especial cando acompaña a repostería.

Estamos diante dun volume feliz e ameno, que trata acerca dun dos viños máis senlleiros e extraordinarios de Europa, que fai visible un patrimonio cultural imponderable, e que está escrito con acreditada solvencia e gozosa intelixencia por Castro. Sen dúbida, é unha lectura moi recomendable.

CASTRO, Xavier, Tostado. El vino noble de Galicia, Acuarela Comunicación, Moaña, 18 €

Compartir el artículo

stats