Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Das Redeiras de Darío Basso

A trama que organiza o espazo

Mural do artista para a exposición. | FOTOS: @ELIREGUEIRA

Das Redeiras de Darío Basso

Das Redeiras de Darío Basso

Das Redeiras de Darío Basso

A obra máis recente do pintor Darío Basso (Caracas, 1966), que se pode contemplar na Sala de Exposicións do Edificio da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo, está intimamente unida á intervención mural realizada no mesmo edificio, que leva por título Redeiras (2020) e foi elaborada a partir dunha redución xeométrica da estrutura dunha rede de pesca, alusión formal coa que o artista quere ligar o espazo onde se encontra o edificio á tradicional actividade pesqueira do Berbés. Trátase do segundo mural que o artista realiza en Vigo, o anterior, sito na Avenida do Areal é de 2015.

Darío Basso segue nestas obras as indagacións dunha parte das correntes abstractas das últimas décadas, mantendo un equilibrio entre as tendencias puramente formalistas da abstracción xeométrica e as máis viradas cara a posicións máis expresivas e expansivas, afíns ao chamado expresionismo abstracto. Opta no seu traballo por unha abstracción executada con forte rigor plástico e por profundar nos procesos de elaboración formal mais a partir dunha idea, no seu caso a homenaxe ás redeiras, obra mural á que remiten as pinturas de variados soportes presentes na sala. O tema do traballo feminino ligado ao espazo do barrio mariñeiro da cidade é, de seu, toda unha toma de posición estética que serve para unha procura na cal a modulación de liñas e cores é o vehículo para a transmisión dunha pulsión interior, non unha inclinación de carácter expresivo, como frecuentemente se interpreta o termo aplicado á obra pictórica, mais si entendida a pulsión como intensa busca interior. Non esta, polo tanto, ao servizo dunha captación inmediata da realidade, ben pola contra, o artista, por medio da pintura, tentaría sintetizar un estado de captación e, ao tempo, unha análise conceptual, como froito do estudo da realidade espacial e cultural en que se sitúa a obra. O resultado, no que atinxe ao mural, reforza a ligazón singular co edificio-soporte e constrúe unha relación específica coa arquitectura do edificio.

É o de Darío Basso un labor pictórico en que a trama ten un papel sobranceiro, unha trama que nos evoca, neste caso concreto, as redes porque procede dunha redución xeométrica da estrutura dun aparello de pesca. De aí que nos transporte a momentos da arte do pasado, sempre lonxe do clásico, a esas épocas de indeterminada cronoloxías en que o labirinto, a espiral e a liña elemental eran o vehículo de expresión das máis fondas vivencias. Mais é tamén a súa unha pintura moi interesada na investigación sobre a cor e a percepción visual, que experimenta coa luz e os reflexos e sobre todo interesada na captación dos ritmos e as tramas. O pintor leva adiante un proceso de deconstrución da cor, non nun sentido xeometrizante –aínda que a lembranza de procuras xeométricas fica como sinalamos no fondo da súa concepción plástica– senón baseado en ritmos máis sutís, como se estivésemos perante unha rima interna, por usarmos un termo poético moi adecuado para o sentido profundo da pintura do noso artista.

Títulos: Redeiras e Peche aberto. Autor: Darío Basso

Locais: Sede da Deputación Provincial de Pontevedra, Rúa Eduardo Chao, 17, Vigo e Galería Dua 2, Marqués de Valladares, 35, baixo, Vigo.

Peche aberto (Galería Dua 2)

A proposta de Darío Basso, concretada no mural que envolve o edificio da Deputación, e as pinturas expostas no interior vinculadas ao proceso de elaboración da obra exterior, están fortemente unidas, mesmo algunhas das obras expostas, con orixinais soportes como mantas ou sofás, serviron para a elaboración do mural, utilizadas como base para a realización de arrastres, auténticos instrumentos do traballo mural.Este labor comparte intensas semellanzas na intención e nos procesos de creación, con traballos anteriores do mesmo artista, como os realizados en 1999 na selva venezolana, inspirados no traballo do botánico Humboldt ou o Algoritmi dixit.., presentado no ano 2007 na Fundación Luís Seoane da Coruña, xa que nos tres casos fan referencia ao espazo físico e cultural, mais tamén teñen moito en común no tratamento da cor, no sentido envolvente e na vontade de mergullarse nunha realidade de intensa suxestión.

Todos estes proxectos inciden nalgunhas das preocupacións constantes do artista galego, que propende a concentrarse en contextos xeográficos ben desemellantes para captar deles aspectos vitais e culturais nucleares e proxectalos plasticamente por medio dunha pintura en que o expresivo e o sígnico teñen un papel fundamental

Finalmente, cómpre destacar que, ao mesmo tempo que expón o traballo ligado ao mural Redeiras, Darío Basso presenta, tamén en Vigo, na galería Dua 2, na rúa Marques de Valladares, as súas últimas pinturas realizadas durante o confinamento. As obras, en xeral sobre papel e en formatos pequenos, con debuxos de constelacións, fondos mariños e paisaxes, líganse ás vivencias do artista durante eses meses en que se refuxiou no traballo, de aí o título de Peche Aberto.

Compartir el artículo

stats