Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Made in Compostela

Amable e realista

Made in Compostela

Xosé Luís Bernal, Farruco, vén de publicar en Galaxia Eles e mais eu, libro no que con prosa retranqueira amosa ao lector unha galería de retratos senlleiros, á que acompaña unha pequena autobiografía. Trátase dun texto escrito pero no que un sente que todo pasa pola voz do narrador e polo oído do receptor, como na literatura oral. Texto, tamén, fondamente popular, que o autor combina cun bo repertorio de fotografías. O resultado é un libro amable, realista a pesar de que semella surrealista nalgunha descrición, que non exclúe a crítica dun pasado autoritario e inxusto, e que provoca a risa de xeito intermitente.

O subtítulo do libro, Compostelaneando, sitúa o centro do mundo na capital de Galicia e lévanos de paseo por unha cidade fermosa, ás veces, tráxica e sentimental. Da man de Farruco viaxamos no tempo polos templos nos que se anestesiaban santos bebedores como O Cabanas, o pintor Villafínez, o poeta da Mahía ou Ricardiño Noche. Fala de taberneiros revirados, limpabotas que esperan unha chamada de Hollywood, internos de Conxo que nunca estiveron tolos e que interpretan as penas da vida cunha vasoira. Fraga, o cardeal Quiroga Palacios ou o editor Luís Mariño comparten escenario coas Marías e con Franco del Carro, ao que os máis vellos recordarán digno e excitado cun repetitivo “¡Cómete los cuernos, cabrón!”, que tanto sorprendía os composteláns dos anos da transición. Farruco conta con bo pulso, manexa ben a intriga e mais os elementos verbais para entregarnos un monllo de relatos con chispa e oficio que adoitan rematar cun final piadoso.

BERNAL Xosé Luís, Farruco, Eles e mais eu, Compostelaneando, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 22 €

Compartir el artículo

stats