Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Escaleiras ao Ceo

No Santuario dos Remedios (Lamego)

Vista da fachada do santuario da Nossa Senhora dos Remédios (Lamego, Portugal).

Vista da fachada do santuario da Nossa Senhora dos Remédios (Lamego, Portugal).

En pleno centro da rexión do Douro Vinhateiro eríxese Lamego, cidade do país irmán chea de monumentos e dunha paisaxe onde se atopan as vides que producen un dos mellores viños do mundo, o porto. Neste marco álzase unha das xoias do municipio, o santuario de Nossa Senhora dos Remédios, situado no cume do monte Santo Estevão, todo un emblema da rexión e unha das basílicas barrocas máis fermosas do país. Unha escaleira de case setecentos banzos ornamentados con diferentes motivos –que parte do mesmo centro da urbe- sobe ata o templo, un dos centros de peregrinación máis importantes de Portugal.

O santuario empezou a construírse en 1750 para ser concluído en 1905, ocupando o lugar onde existira unha ermida en honra a Santo Estevo. No século XVI a capela estaba en ruínas e o bispo da cidade, Manuel de Noronha, autorizou levantar outra nova baixo a advocación de Nossa Senhora dos Remédios, que daría lugar ao santuario actual. Así, o templo é unha construción de estilo barroco, traballada en granito, que destaca pola elegancia do seu estilo e pola creatividade do autor do proxecto, atribuído a Nicolau Nasoni. O interior, de estética rococó, está dedicado por completo á imaxinería mariana: no altar maior de madeira dourada, nos retablos consagrados aos pais da Virxe, nas tres vidreiras con imaxes de Nossa Senhora da Conceição, o Sacro Corazón de Xesús e a Anunciación e nos azulexos do artista de Coimbra Miguel Costa, que representan os principais momentos da vida de María.

O exterior do edificio é igualmente admirable, co granito esculpido polo xenio de Nasoni. No adro existe unha harmoniosa fonte de 1738, deseñada igualmente polo grande arquitecto e pintor italiano. Fronte ao templo pode verse a cruz monolítica, de finos ornamentos. As dúas torres que flanquean a construción son posteriores. A do lado sur comezou levantarse en 1880, mentres que a do lado norte concluiu en 1905.

A gran escalinata –deseñada por Nasoni, que non chegou a ver rematada, pois faleceu en 1773- comezou en 1777 e finalizou xa no século XX. En harmonía coa arquitectura do templo, desenvólvese en zigzag simétrico a través da elevación do terreo con nove terrazas salpicadas de elementos escultóricos, como as estatuas dos reis, as fontes, capelas e representacións alegóricas. Nun dos niveis está o coñecido como Pátio dos Reis, coa Fonte dos Xigantes e un magnífico obelisco de quince metros de altura. Este patio está rodeado de varias imaxes que representan os últimos dezaoito nomes da casa de David. Polo demais, toda a escalinata está adornada con pasamanos de granito con pequenas columnas e azulexos. Desde unha das avenidas centrais de Lamego (Dr. Alfredo de Sousa) ascéndese ata o alto a través de seiscentos oitenta e seis banzos que rematan no santuario barroco. É un deses lugares aos que hai que subir –ou baixar- unha vez na vida. Ademais da recompensa das vistas, o parque de Santo Estavão é un lugar apracible rodeado de arboleda na que descansar despois de gozar do monumento e o seu conxunto.

O bosque, a gruta, así como o lago e a ponte, foron encargados pola Irmandade de Nossa Senhora dos Remédios á Companhia Hortícola do Porto em 1898. A zona verde, con carreiros e espazos de descanso, posúe numerosas especies vexetais como texos, cipreses, tilos, choupos, faias ou carballos, entre moitos outros.

Lamego garda outros tesouros artísticos, despregados na súa catedral, igrexas, pazos ou quintas vinícolas. No punto máis alto da cidade, onde no século XII cumpría o seu papel de vixiante e defensor, sitúase o castelo, ao que se chega subindo pola Rua da Olaria.

Pedras con historia

Lamego é cidade milenaria, histórica e monumental, cuxa orixe pérdese no tempo. Entre as súas construcións de longo pasado atópase o seu castelo, clasificado Monumento Nacional, erixido a case seiscentos metros de altitude sobre un outeiro, adaptándose á morfoloxía do terreo. Da primitiva edificación pervive a torre da homenaxe do século XII, a parte da vella muralla e o alxibe, do século XIII. A atalaia, de vinte metros de altura, é de planta rectangular con tres pisos e porta elevada no segundo. Ten praza de armas en forma de hexágono irregular, con muralla e adarve.

A cidade do Douro Vinhateiro garda outras xoias como a Sé, outro Monumento Nacional románico na súa orixe que foi adquirindo variados estilos arquitectónicos a través dos séculos. Pola súa banda, entre os moitos e variados fondos que alberga o seu famoso museo rexional atópanse pinturas de Grão Vasco, tapices flamencos, arte sacra, mobiliario ou achados arqueolóxicos, ademais de escultura, ourivaría, debuxos e gravados. Atópase instalado no antigo pazo episcopal, que conserva a súa grandeza arquitectónica. É un dos máis esplendorosos edificios brasonados de Lamego, con ampla fachada volta cara ao santuario de Nossa Senhora dos Remédios. En 1917 instalouse o Museo de Lamego, grazas ao traballo notable desenvolto polo artista lamecense João Amaral, que aquí reuniu a súa colección.



Fonte.

Chafariz

Vista desde o alto do santuario, coa cidade ao fondo.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats