No monte do Seixo conflúen primitivos camiños que cruzan a montaña e conducen á cima dun lugar poboado de lendas e de seres míticos. Outrora subían peregrinos de todo o noroeste peninsular para invocaren os favores das moitas deidades que aquí habitan. Este antigo santuario emprazado na cabeceira do val do río Lérez e do río Verdugo, na comarca pontevedresa de Terra de Montes, era o centro do mundo, o “umbilicus mundi” dos pobos prerromanos que moraron nestas terras. A erosión da auga, o vento e o xeo crearon penedos de caprichosas formas que aumentan o misterio deste monumento natural. O Seixo –e a Serra do Cando á que pertence– é un lugar máxico da Galicia encantada que aglutina recunchos de culto, restos megalíticos, pedras sacras, seres do máis aló e lendas asociadas como ningún outro na xeografía galega. Quizais só comparable a outro Olimpo galaico, o Pindo, o coloso granítico de Carnota.

Bautizada como a Montaña Máxica, ademais de misterio e ritual, a Serra do Cando ofrece magníficas panorámicas como as que se enxergan desde o Miradoiro das Tres Rías, que fai posible observar a mil metros de altitude as de Arousa, Pontevedra e Vigo. Ademais das súas vistas, son moitos os testemuños e lugares de devoción que esconden estas alturas. O conxunto máis coñecido é o de Porta do Alén –ou Portalén–, unha cadea de rocas graníticas cunha gran pedra a modo de dintel; é a porta dá entrada, di a lenda, ao outro mundo, onde se acudía a falar cos entes de ultratumba. É tamén un oráculo e conta a tradición que se se atravesa de leste a oeste –outras versións din que de norte a sur–, a dúbida ou pregunta que se expón é respondida. Hai que levar igualmente unha ofrenda en forma de pan ou de vela. A resposta vén dada polo vento que sopra entre as pedras. E é necesario ter coidado ao regresar porque, unha vez efectuado o rito, se non se volve por onde un entrou, corre o perigo de quedar para sempre no máis aló. Todo o que se revela nesoutra dimensión ten que quedar para un, pois pola contra córrese o risco de perder a voz.

Nas inmediacións está o Marco do Vento, un espectacular monólito de seis metros de altura que asoma por enriba do resto. Non é certa a súa orixe, pero hai quen asevera que non é obra de civilizacións antigas, senón construción romana co fin de marcar os límites. Sexa como sexa trátase dun gran menhir ao que se lle atribúen poderes máxicos e mesmo podería representar o punto central onde conflúen as forzas da terra e do universo. Do Seixo e as súas lendas son innumerables as publicacións e referencias –tanto en formato de papel como electrónico–, aínda que polo seu labor de anos no estudo e defensa desta serra destacan as de Carlos Solla (“Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica” e “Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas”, entre outras) ou as de Rafael Quintía ( “Deuses, mitos e ritos do Monte do Seixo”).

Nesta Montaña Máxica aínda se celebran dúas romarías, a da Cruz do Seixo, o día 24 de xullo, e a de Santa Mariña, o 28 do mesmo mes, cristianización de antigos rituais pagáns. Desde o altar o sacerdote bendí as terras ao pé do monte e pide que haxa boas colleitas. Os estudosos din que a silueta da Cruz do Seixo podería marcar o antigo altar rupestre, mentres que a capela sacraliza estas terras. A ermida, de planta cadrada, álzase no verdor da chaira, posiblemente rehabilitada sobre outra anterior, cun pequeno atrio pechado na entrada. Aínda que rodeada, como toda a montaña, polas siluetas dos aeroxeradores, mantén a súa forza simbólica. Polo demais, toda a serra está chea de pedras con significado. Desde ritos fertilizadores como a Laxe da Marisqueira a tradicións sanadoras como a da propia Cruz do Seixo, de augas que trae a choiva e queda nas súas oquedades.

Vista do Marco do Vento

Fotografía da capela de Santa Mariña.

Na terra e no ceo

Toda a Serra do Cando está chea de cimas con vistas, entre as que destacan o Outeiro do Couto. Á beira dunha pequena caseta-refuxio atópase este balcón de máis de mil metros (1.015), o punto máis alto da Montaña Máxica, que ofrece unha magnífica panorámica das comarcas. A Cruz do Seixo é outro miradoiro destes ceos sacros de Galicia. Os municipios que están aos pés do cordal ofrecen testemuños dos antigos poboamentos, quizais usuarios do santuario pétreo. E algo debían saber de pedras estes primitivos moradores porque Cerdedo-Cotobade, un dos concellos de Terras de Montes, ademais de albergar múltiples vestixios prehistóricos, é terra de canteiros e de petróglifos.

Na parroquia de San Xurxo de Sacos atópase o conxunto de maior envergadura, máis da metade dos gravados de Monte Arcela. Esta estación destaca polo seu tamaño, con preto de vinte rocas con deseños. Os motivos máis representados son as combinacións circulares e os cuadrúpedos. Está considerada, xunto con Fentáns, unha das estacións máis interesantes do noroeste peninsular. Os atractivos esténdense ao ceo porque en Forcarei, a case setecentos metros, nunhas condicións de excelente visibilidade atópase o observatorio astronómico.