Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alén dos mitos

Propaganda e Historia

Alén dos mitos

Sostén un principio do mal xornalismo que a realidade non pode estragar unha boa reportaxe. Do mesmo xeito, unha superprodución cinematográfica non vai parar nos detalles de se o personaxe central, máis ca un heroe, era simplemente un psicópata ou un irresponsable. Trátase, polo demais, dunha situación que se agrava cando se trata dun conflito bélico ao que temos que engadir un factor ideolóxico, como sucedeu na Guerra Civil española ou na Segunda Guerra Mundial. No caso desta última, xa falamos aquí hai un tempo dalgunhas das causas -aparentemente non estratéxicas- que condicionaron a derrota do III Reich en 1945. Foi esta contenda -de cuxa fin agora conmemoramos setenta e cinco anos- tan ampla e tan complexa en tempo, espazo e belixerantes que non pode quedar reducida a un simple relato de vencedores e vencidos condensado nuns mitos de fácil dixestión.

Para situar a realidade histórica fronte a algúns deses mitos, Jean Lopez e Olivier Wiewiorka coordinaron un equipo para publicar Les mythes de la Seconde Guerre mondiale en 2017. Grazas ao éxito que tivo, a editorial decidiu facer un segundo volume. Dalgún xeito, fixeron un "axuste de contas" coa verdade histórica fronte a aquelas non-verdades creadas por uns e, interesadamente, sostidas ás veces polos seus adversarios.

No ámbito español, estase a resolver unha tarefa semellante verbo da Guerra Civil, tanto para revisar os mitos creados polos vencedores como aqueloutros contramitos sostidos por algúns antifranquistas. Neste senso cómpre salientar, entre outros, os ensaios La financiación de la guerra civil, de J. A. Sánchez Asiain; Los mitos del 18 de julio, obra coordinada por F. Sánchez Pérez; ou La otra cara del caudillo, de Á. Viñas. Pero aínda queda unha visión inmobilista (lembremos a entrada "Franco" no Diccionario Biográfico Español da RAH) e revisionista (P. Moa, J. Juaristi), incluso disfrazada de progresismo (La esfera de los libros). Especial responsabilidade tiveron as televisións públicas á hora de aportar claridade á revisión deses mitos. Poñamos dous exemplos ben distintos. A serie que TeleMadrid fixo en 2012, dirixida por A. Bullón de Mendoza e L. Togores, vinculados ao CEU, que lle deron unha visión católica conservadora (lexítima en calquera caso pero impropia nunha televisión pública). E fronte a tal proxecto, o documental "Operació Nikolai" (de D. Genovès e Ll. Ferri), sobre o asasinato de Andreu Nin, emitido por TV3 en 1992.

Pero na historia mundial recente tamén hai mitos que cómpre redefinir. Por exemplo -e a recente pandemia volveu situalos de actualidade- o da sanidade cubana e as brigadas médicas internacionalistas. Calquera que teña visitado Cuba -estiven hai vinte anos- poderá certificar que o nivel de hixiene pública é un auténtico desastre, ben lonxe da suposta excelencia da medicina solidaria. E de xeito semellante, a canonización revolucionaria de Ernesto "Che" Guevara, enviado por Fidel ao Congo e a Bolivia para que non lle fixese sombra.

Outro asunto que desde o xornalismo e a política progresistas non se acabou de entender foi o do golpe dado polo xeneral Wojciech Jaruzelski en 1981, fronte a ameaza do sindicato Solidariedade: a lei marcial en Polonia e a unificación na súa persoa do mando do exército e do partido comunista (POUP) foi unha decisión patriótica, un mal menor fronte a unha máis ca segura intervención soviética.

E ao fío destes feitos, o principal mito do século XX a desenmascarar é o do comunismo. Lonxe de querer facer realidade as propostas de Marx e Engels, os réximes comunistas non foron outra cousa -parafraseando a Lenin- que a fase superior do nacionalismo. Uns nacionalismos que adoptaron forma socialista fronte ao capitalismo dos colonizadores e imperialistas. Velaí a transformación estalinista da URSS nun novo imperio sen tsares; a China de Mao como resposta ás humillacións de Occidente e o Xapón; o Vietnam de Ho Chi Minh contra xaponeses, franceses e norteamericanos; ou a Cuba castrista contra a explotación da illa polas mafias.

Compartir el artículo

stats