Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coñecermos a Rosalía

Con rigor e con amor

Coñecermos a Rosalía

Para coñecer a vida e a obra de Rosalía de Castro, a profesora e investigadora Vitoria Álvarez Ruiz de Ojeda foi, sen dúbida, unha estudosa imprescindible, unha figura que indagou con perspicacia nos arquivos e que nos deixou unha obra na que se combina unha prosa precisa, a paixón pola verdade que a levou a revisar todos os tópicos, e a máis alta esixencia no uso da racionalidade, como se observa en traballos adicados ás orixes de Rosalía ou ás actividades teatrais da autora de Follas novas. O seu rigor serve para guiarnos con seguridade polo mundo da poeta, para estudar o contexto no que escribe, o estilo, a lingua.Esta alta capacidade de uso da intelixencia e da crítica xa está presente nun traballo inédito que sae á luz con prólogo de Antón Santamarina e limiar de Xesús Alonso Montero, de quen agardamos que algún día publique a Obra completa da investigadora falecida nun momento de plena madurez intelectual. O libro recolle o primeiro traballo de Victoria Álvarez sobre Rosalía e foi a súa memoria de licenciatura, pero as súas teses sobre o criterio lingüísticos da poeta, as causas das súas vacilacións, a importancia da naturalidade e do galego occidental nos versos manteñen toda a vixencia . As interferencias do castelán, os dialectalismos e hiperenxebrismos son estudados con inestimable paixón científica.

A publicación é un facsímile da obra orixinal, de cálida e fermosa factura. Nela Alonso Montero destaca o perfeccionismo intelectual da autora, o rigor e o amor polo traballo ben feito. Relaciona o noso académico a Vitoria Álvarez con María Rosa Lida pola entrega obsesiva nas súas pescudas. Pola fiabilidade dos seus análises, pola claridade e o amplo campo dos seus intereses lémbranme a min a Rafael Lapesa ou a Lázaro Carreter.

ÁLVAREZ RUIZ DE OJEDA, Mª.V. Sobre a lingua galega de Rosalía de Castro, Galaxia, Vigo, 2020, P.V.P. 19 ?

Compartir el artículo

stats