Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fotogramas de A criada

Kim Ki-Young, autor de culto

Fotogramas de A criada

Fotogramas de A criada

Como pode ser que ninguén escoitase falar de Hanyeo ( A criada) antes de que Bong Joon-ho a dese a coñecer como unha obra mestra do cinema? Se existise unha cronoloxía do esclarecemento, con toda seguridade, esta andadura arrancaría durante o período de asfixia económica e intelectual da Corea dos anos 60. Unha auténtica máquina de destrución masiva, causante de que boa parte do patrimonio cinematográfico do país desaparecese da nosa retina para sempre.

Dos trinta e dous filmes realizados por Kim Ki-Young (1919-1998, Seúl) -aquel laringólogo que un bo día decidiu trocar a bata branca de médico pola claqueta de director- tan só vinte e dous lograron chegar intactos até os nosos días. Responsábeis foron os sombreireiros e os químicos. Contumaces defensores do aproveitamento de todo o que puidese ser reutilizado, os primeiros tiveron a singular idea de usar películas de celuloide para fortalecer os bordos dos chapeus que lles vendían aos labregos. Mais cando nos anos 70, por mor do descenso do campesiñado, a demanda baixou, apareceron entón os químicos para extraeren a prata dos negativos. E foi deste xeito, desatino tras desatino, que aproximadamente un 70 por cento dos filmes feitos na década dos 60 desapareceron, irremisibelmente.

Que Hanyeo non rematase como pulseira ou chapu-palheta supuxo case un milagre. Un deses accidentes do destino en que o que parecía un obstáculo (a falta de financiamento gobernamental) acababa sendo a súa salvación. Entre outras cousas, porque o orixinal permaneceu sempre na casa do cineasta que, xunto coa súa propia muller, constituían os únicos produtores da fita. Non obstante, e debido á perda de dúas latas, houbo que esperar até ben entrado 1990 para que alguén atopase unha copia completa nos almacéns do Consello de cinematografía coreano. Unha única contrariedade agregábase naquel momento á ledicia da descuberta: os subtítulos en inglés ocupaban un terzo do espazo e non se podían eliminar, así que houbo que raspalos e restauralos fotograma a fotograma. Por fin, en maio de 2008, o filme estreábase como primicia, para asombro do público europeo, no Festival de Cannes. "Resulta incríbel. Non só atopar un verdadeiro artista chamado Kim Ki-Young, senón descubrir por casualidade a arte a través das súas obras", escribía Jean M. Frodon, editor xefe de Cahiers du cinéma.

Non deixaba de ser curioso o distintas que podían ser as reaccións nuns e noutros países. O estupor violento transformábase en perplexidade. Mentres o público coreano insultaba e ameazaba a súa protagonista, Myeong-sook, ao berro de: "Acabade con esa zorra! Matádea!", as produtoras rexeitaban ofrecer ningún outro papel á actriz que a encarnaba, Lee Eun-Shim.

Hanyeo comeza na sala de estar do profesor de música Kim Dong-Sik (Kim Jun-Kyu), que nese momento está a ler no xornal a noticia dun home que namorou da criada. Acompáñano a súa esposa embarazada e os seus dous fillos. En principio, todo semella harmonioso. Mais, a través das fendas desa felicidade penetra lentamente o odio da súa perversa alumna, Myeong-sook.Despois do colapso, por exceso de traballo, da súa muller, o inxenuo profesor ofrécelle á pupila traballar como criada no piso novo. Ela acepta de inmediato. A partir de aí o espectador será testemuña forzosa (moitas escenas, aínda a día de hoxe, son capaces de estremecer e escandalizar) de todo o que esta feliz familia está en disposición de soportar. Chegando ao límite de aceptar, en presenza dos fillos, que o marido durma na cama da serventa.

O director desta obra de culto, Kim Ki-Young, apareceu morto xunto á súa muller nun inexplicábel incendio dous días antes de asistir como invitado ao Festival de Berlín. AseguraVba que cada vez que se lle facía a autopsia á natureza humana, o que fluía fóra era sangue negro.

Plaudite, amici!

  • Transcorreron moitos séculos desde que os fillos de Coré cantaron aquilo de "Pobos todos, batede as mans, aclamade a Deus con voz de xúbilo", (Salmos 47:1). Así a todo, os seres humanos seguimos a realizar ese movemento ancestral cada xornada para mostrar a nosa admiración e, especialmente nestes días de confinamento, gratitude. Pouco se coñece das súas orixes, mais sabemos que onde adquiriu o seu verdadeiro papel foi no teatro romano, cando o protagonista, ao final da representación, berraba: "Valete et plaudite!" ("Adeus e aplauso!") e o público, previamente aleccionado e remunerado, respondía aplaudindo. A. Solzhenitsyn relata no seu Arquipélago Gulag como, durante unha convención do Partido Comunista da Urss, presidida polo xefe supremo Iosif Stalin, os asistentes se levantaron para aplaudilo, sen que ningún deles, logo de dez minutos de ininterrompido aplauso, fose quen de parar. Até que, finalmente, o director dunha fábrica de papel decidiu sentarse, deste xeito, rematar a aclamación. Foi arrestado tras concluír a sesión. O cinismo e as turbulencias políticas dos últimos anos non parecen ter axudado a que mostremos os nosos afectos de xeito espontáneo. Así a todo, o clamor que escoitamos estes días ás oito da tarde ten a forza dun salmo ofrendado aos heroes da Sanidade. Bravo.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats