Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Penuria e ledicia

Quebradiza fermosura

Penuria e ledicia

Comento Onde nacen as hedras de Ana Varela (Narón, 1978),VI Premio de Poesía López Abente. Trátase dunha poesía que, paseniñamente, vai describindo un tempo e un lugar, pretéritos. Aquí esta palabra condensa dous conceptos: pasados e perdidos.

Distribuídos en catro partes ("os sinais", "o oráculo", "a fenda" e "o oco"), a autora deseña, entón, un ámbito de penuria e ledicia, o fogar en que unha nena vén imaxinar o seu mundo: "sobre a mesa de noite o tesouro/unha buguina grande como a man dun mariñeiro agocha/o buxán da espera". Na figura da cuncha presentimos, xa que logo, unha rapaza ollando o buraco espiral da súa agarda. Non percibimos en ningún caso unha infancia idílica. Ben ao contrario, durante esa tenra idade aparecen elementos que inquietan, escenas, ruídos, presenzas que anuncian feitos tráxicos, como na peza doente que relata o sacrificio dos gatos que acaban de nacer: "pola primavera paren as gatas, séntense os laios apagados na terra/en ladaíña".

Esa tensión que se percibe vai in crescendo ao longo do poemario,. Faino a través de leves indicios, de sinais que deixan entrever decote o desamparo, velaí: "repetía mentalmente as palabras para che dicir, unha a unha. reproduzo a sonoridade antes de que se volvan de asfalto entre os magnolios". A estación que empapa de tristura a maioría das pezas é a invernal: "a calor estenderá a infección latente do inverno".

Finalmente atopamos a primeira fenda no vivir da protagonista. Unha breve sección en que se albisca, con delicado furor, algún abuso, algunha profanación dolorosa: "aquí a noite é vermella e fica só o encanto do que rompeu". Un sufrimento que fragmenta e segmenta a profundidade da carne: "mentres o corpo oco recorda aínda a simetría das metades".

As composicións ulteriores reviven a defunción dun familiar, o extenuado baleiro dos que fican, a casa que se deteriora, o desordenado xardín, o fogar destruído: "porque a nudez do granito é violenta/deixarei a hedra medrar sobre os muros para vestir as ruínas". Así culmina este libro fermoso e quebradizo, completo de evocadora beleza.

VARELA, Ana, Onde nacen as hedras, Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP. 11, 87 ?

Compartir el artículo

stats