Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bailando con O Sonoro Maxín

A música como arma de construción masiva

Desde Ourense, sempre con caldeiros de mestizaxe na súa música, os sons e mais os ritmos sen complexos de O Sonoro Maxín.

Desde Ourense, sempre con caldeiros de mestizaxe na súa música, os sons e mais os ritmos sen complexos de O Sonoro Maxín.

O Sonoro Maxín naceu en Ourense no verán de 2007 -consecuencia da xuntanza de músicos procedentes, sobre todo, de Lamatumbá e Cinnamon Gum- con toda a vontade de poñernos a bailar en cada torreiro no que cadremos con eles. Así da fe diso quen escribe estas liñas, alguén que non baila nin a balazos e que, non obstante, con eles foi mover o esquelete en máis dunha ocasión coma posuído dalgunha especie de "expediente x" ben descoñecido e aínda por estudar polos científicos e axentes do FBI ad hoc. O Sonoro Maxín está conformado, pois, por un conxunto de músicos que veñen doutras bandas anteriores e xa con moito palco e moi bo facer polo país adiante: os xa citados Lamatumbá e Cinnamon Gum pero asemade procedentes de Mutenrohi ou The Pigmalions e que dende a capital do Miño/Sil xa contaxiaran regalía e bo facer por moitos currunchos deste, noso, país. Porque acontece que no Sonoro, o reggae, a cumbia, o ska e caldeiros de mestizaxe sen nada de complexos, pero con toda a calidade, camiñan da man nunhas cancións nas que sobre todo destaca a vida e o costumismo máis poético e humano. "Da ghusto escoitalos" díxome unha señora amiga miña despois de pinchar unha canción deles nun programa de radio. Música para todas e todos sen diferenzas, ou exclusións, de ningún tipo. Nin idade, nin tamaño, nin orixe nin ningunha outra leria. Música para unir e querernos, para soñarmos e respectarnos. Cancións comprometidas co mundo, protestonas cando lle címpre e festeiras case sempre. Música para exorcizar as pantasmas ruíns do noso carón e deixarte aloumiñar por un mar de templanza.

Teño que confesar aquí e agora que sempre me prestaron moito, eles e mais a súa música, por todo iso que desprenden desde o palco e tamén cando cadras con ele abaixo. Din eles que reclamando sempre un espazo para bailar mellor. Reivindicando a música como "arma de construción masiva" frase ben fermosa e que todo o explica. Cancións xeitosas para combater a intolerancia que todo parece invadir ás veces, e máis nos últimos tempos. Ico nas voces e no acordeón; Abraham "El Niño" na guitarra; Xurxo Brea no baixo; Jaime Mateo na batería e percusións; Héctor Lourenzo na guitarra eléctrica e Xosé "Paio" nas percusións e no teclado son a alineación de luxo para O Sonoro Maxín nesta temporada que comeza e que para eles promete ser moi especial despois dun parón dun tempo sen tocar.

Mais en todo ese tempo tivemos os discos para escoitar e reescoitar: A onda sonora (chega do interior), (editado por Inquedanzas sonoras, 2012) e esoutro, que vén ser o último até a data, titulado Sete Dezasete, (Inquedanzas sonoras, 2017). Músicas para alén, ademais, de varias participacións en gravacións colectivas. Músicas recomendables para ser mellor ser humano e sobre todo para deixarte infectar por ese virus do baile que tanto solaz che vai dar. Dende esa rúa do perigo e con kilates de enerxía positiva a eito, non o dubides e achégate a eles: iso si, con tino non vaia ser que o "expediente x" entre ti e despois non fagas bo del.

Sanny: Loners Downtown

  • Escoitei por recomendación Loners Downtown o último traballo da cantautora viguesa Sanny no seu bandcamp. "Comin' Home" abre o e.p e xa pon enriba da mesa todas as cartas de presentación que necesitamos coñecer sobre o seu xeito de entender a música: temas directos, universais e profundamente trazados. Cancións nas que as sonoridades da súa guitarra acústica gobernan dando abeiro á voz precisa, espida e ben amarrada entre arpexios, harmónicas, melodías labradas e aparente sinxeleza rítmica. "We are Dust", "Gravestone Ballad", "Confession #6" ou a brillante "Loners Downtown", que dá título ao album, mostran unha cantautora que se deixa levar coma un peixe polas inmensas augas do folk americano. Sanny camiña por carreiros como aqueles "Saúdos desde Asbury Park" ou aqueles ouveos emocionais de Springsteen en "Nebraska". Como aquel Dylan de rebelde xuventude e língua e guitarra ben afiadas predicándonos o cambio dos tempos. Coma un inmenso Elliot Murphy acompañado do seu querido Olivier Duran escachando cada palco de tanta emoción. Incluso como aquela Joan Baez valente, activista, compositora e xeradora absoluta de ventos co seu xeito facer e poñer enriba de cada un de nós, aínda a día de hoxe, as súas cancións e a súa visión do mundo. Sirvan de guía, mais Sanny leva todo aquilo á súa personalidade nun exercicio de valentía e pericia que semella máis ben innato. O dito: voz, guitarra, algunha harmónica e algunha axuda na percusión para trazar cancións de corte universa. Agora seica anda de xira presentándose ao público polo país adiante. Non deberiamos de faltar a cita.

Compartir el artículo

stats