Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fermoso volume

Desde a materia á mancha

Fermoso volume

Comento hoxe un libro precioso, Enteiramente pintado, de Berta Cáccamo. En todos os sentidos. En primeiro lugar, como obxecto material, a edición de Chan da Pólvora (como nos ten tan acostumados a editora que dirixe Antón Lopo) resulta magnífica: a coidadosa encadernación, a nitidez das fotografías, o tacto do papel? converten esta pequena obra nunha pequena xoia. En segundo lugar, polo seu contido espiritual: reúne sentimentos e constitúe unha homenaxe. Deste xeito, o texto inicial de Xosé María Álvarez Cáccamo revela o doloroso amor dun irmán que, en maio de 2018, sofre a sacudida da defunción de Berta Cáccamo e, entón, inicia o arduo e afectuoso labor de rexistrar a produción da pintora xunto coa documentación adicional que a complementa e que a esclarece.

O volume, portanto, acolle nas súas páxinas o máis significativo da súa actividade artística: cadros de disruptivo xeometrismo, material en proceso de composición, proxectos que combinan a súa vitalidade e o seu rigor como forzas complementarias. De aí que o primeiro estudo, Revelacións afectivas, de Juan de Nieves, se erixa nun excelente medio para comprender a dimensión emocional das creacións da nosa artista, quen afirmou que a pintura é un instrumento para coñecer e plasmar a poesía que se hospeda no mundo.

Como sinala lucidamente Carlos L. Bernárdez, no traballo máis intenso e máis profundamente hermenéutico, "Moradas mentais. A pintura de Berta Cáccamo desde a materia á mancha," o proceso creativo, na nosa autora, é visto como un suceso en expansión. A partir de aí a súa análise percorre os distintos estadios ou etapas compositivas, desentrañando a súa liña evolutiva. Comezando pola énfase na liña e na cor, pasando polos debuxos de trazo espeso, polo ascetismo pictórico para devir en cadros inzados de paixón e reflexión que converxen nun lirismo peculiar, que podemos definir como a íntima alianza da representación coa expresión.

Libro absolutamente esencial para comprender a totalidade dunha artista ineludíbel.

CÁCCAMO, Berta, Enteiramente pintado, Chan da Pólvora, Santiago, 2019, PVP. 19 ?

Compartir el artículo

stats