Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ao feliz e real parto da nosa raíña

Noticia de Salvador Francisco Roel

Ao feliz e real parto da nosa raíña

Calquera persoa que se achegue ás páxinas do estudo Etnografía: Cultura espiritual (1962), incluído no proxecto Historia de Galicia, que dirixiu Ramón Otero Pedrayo, e do que é autor Vicente Martínez-Risco e Agüero, tomará conciencia da importancia que tivo en Galicia un teatro popular asentado nunha literatura igualmente popular, que se concretaba en autos, desafíos, entremeses, loas, e dos que achega bastantes testemuños, seguramente moitos deles xa perdidos na actualidade. Outro tanto acontece se reparamos nas novas que presenta Pablo Pérez Constanti nas súas Notas Viejas Galicianas, publicadas en Vigo anos antes, e nas que igualmente dá conta das moitas e moi diversas representacións teatrais que se organizaban en Galicia con ocasión de festas e outras celebracións.

Sendo así, non é un desatino manter a hipótese de que nos (mal)chamados Séculos Escuros as representacións teatrais e as composicións dramáticas na nosa lingua foron máis habituais do que semellan acreditar as probas empíricas que certifican a súa existencia, moi especialmente cando por probas entendemos os propios textos, para alén das novas recollidas aquí e acolá. A hipótese é máis que plausible, en efecto, e irase validando na medida en que esas probas se vaian presentando. Felizmente cada certo tempo saen do prelo textos que permiten certificar a viabilidade da dita hipótese. Do que non hai dúbida, como mostran os moitos traballos que cabería incluír nunha bibliografía do teatro en Galicia, aínda por facer, é que neste país o teatro foi unha actividade artística e profesional especialmente relevante desde a Idade Media.

Un deses textos vén de ser recuperado polo profesor Julio González Montañés quen desde hai varias décadas se ocupa de investigar o teatro en Galicia nos séculos XVI, XVII e XVIII, con resultados certamente notables e que mostran a pegada da práctica teatral en diferentes escenarios, sexa nos concellos, sexa polos gremios ou en espazos educativos, coma os colexios da Compañía. E así, documentando e investigando esa praxe escénica, vanse encontrando textos, entre eles algúns escritos en lingua galega, co que vai mostrando e demostrando que o Entremés famoso sobre da pesca no río Miño, de Feixó de Araúxo, de 1671, non é un illote nun océano de pouquidade, senón un máis dos entremeses que se compuxeron en Galicia.

A ese corpus sumamos pois o denominado Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, escrito por Salvador Francisco Roel en 1707 e representado ese mesmo ano na cidade da Coruña con motivo das celebracións que se organizaron no Reino de Galicia como agasallo á Coroa con motivo do nacemento do primeiro fillo de Filipe de Borbón, dito o quinto, e María Luísa de Saboia. A peza acaba de ser publicada por Laiovento nunha edición que vai acompañada de interesantes estudos de González Montañés e dos tamén profesores Ramón Mariño Paz e Anxo Angueira. Traballos que serven para situar o texto no seu contexto, afondar no estudo da nosa lingua nunha perspectiva histórica, ou analizar a súa importancia nese corpus crecente de literatura nosa que certificaría que nos Séculos Escuros hai máis luz da que se estimaba.

En efecto, os profesores González Montañés e Angueira insisten en que este e outros textos esixen unha necesaria reformulación historiográfica dos chamados Séculos Escuros, se ben non deixe de ser certo que coa chegada ao poder de Fernando de Aragón e Isabel de Castela, a nosa lingua foi esmorecendo, e pasou a ser fala de camadas populares. Pois coa lingua literaria pasou o mesmo que coas oliveiras, que algunha quedou pero a maioría foron arrincadas como castigo. A tradición teatral en Galicia mantívose, e velaí temos algúns autos que se representan con motivo de festas cíclicas como as do Maio. Entre eles, o de Laza, no que se recrea o sacrifico de Abraham, malia que a lingua galega se fose substituíndo pola de Castela.

Porén, traballos coma este serven para chamar a atención sobre o moito que queda por facer na recuperación desa tradición. Vai sendo hora de que Galicia recupere un Centro de Documentación Teatral que poida desenvolver programas de investigación orientados a inventariar, manter e divulgar o noso patrimonio, e velaquí temos unha boa mostra do que cómpre facer. Parabéns pola descuberta e pola edición.

O entremés

  • Trátase dun texto escrito en octosílabos con rima asonante nos pares, e dividido en dúas grandes escenas, que conteñen un total de catrocentos oitenta e dous versos, e poucos e moi breves indicadores de acción. Nesta interveñen tres personaxes masculinos, Afonso, Christobo e Alberte, e tres femininos, Cathaliña, Irena e Marta. Como argumento central a celebración do nacemento do fillo do rei Filipe, malia que aquí e acolá aparezan comentarios sobre a guerra que tiña lugar en Europa por mor da sucesión do rei Carlos II, entre o sector borbónico e o sector do arquiduque de Austria. Na leria que manteñen os personaxes, primeiro serán os homes e logo xa toda a compaña xunta, aparecen outros motivos, como poida ser a importancia e a necesidade da educación, os padecementos que a guerra causa aos máis humildes e a vida destes, ou a visión dos outros, neste caso do inimigo natural dos galegos naquela altura, é dicir, dos portugueses, pois nesa guerra Portugal tenta invadir Galicia en varias ocasións. Agroma así unha visión estereotipada e un tanto negativa do portugués, fronte á figura do galego, humilde, valente e nobre de corazón. Propón o profesor Angueira que tal vez fose unha tentativa de construír un personaxe diferente ao que habitaba en moitas comedias da época, nas que se nos presentaba con valores ben negativos, tanto en Castela coma en Portugal. Seguramente, unha idea moi atinada e mellor razoada.

Compartir el artículo

stats