Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vattimo e o Big Data

A verdade non é unha suma de datos

Os datos non enganan. Fronte a semellante afirmación, hai dúas alternativas: fe inquebrantábel ou disolvernos nunha Posmodernidad eterna. Isto último é o que temos. Nunca máis unha certeza: nin a da sublimación do sagrado nin a da dignidade do heroe. Estaremos condenados? Ou será que sempre fomos provisionais, sen que nada alcanzara carácter substantivo real, e chegou o tempo de tomar conciencia de que a ontoloxía do ser e as súas permanentes verdades só foron ficción terapéutica? Algo disto revélase hoxe intuitivamente, nesta realidade diversa que a tecnoloxía constrúe transmutando os límites do que pensabamos perentorio. Non hai unha soa historia. As historias son múltiples e temporais, como o ser.

Aqueles que negaban a autenticidade da posmodernidade, agora falan dela como quen lembra unha resaca xuvenil. Pero seguen sen ver "o fondo sen fondo" do seu centro. Pensar o tempo que vivimos, traumatiza. Estamos ancorados nesta realidade do todo vale, do pastiche, das aparencias e da disolución do rigor. "Espero morrer antes de que rebente todo" afirmou recentemente o filosofo Gianni Vattimo. É necesario escoitalo porque as palabras multiplican o seus sentidos preto da morte. Cómo vencer a tentación interpretativa cando o emisor é quen inventou aquilo de non hai feitos, só interpretacións.

E interpretamos que non hai centro que nos centre e será por iso que o filósofo nos arrebola o desexo heideggeriano de que só un Deus pode salvarnos. Porque a modernidade, que se atreveu a deixarnos sen divinidade, con esa teima de atenuar os límites, aniñou a súa propia destrución que aínda está presente. Existe a posibilidade de que algunha versión de nós mesmos ocupe esa centralidade que a modernidade socavou? Xa non lembramos os indignados, eles só conseguiron diluírse no sistema que pretendían cambiar. Repetitivamente, a indignación o único que afianzou foi a observación de que nada cambia nada. Un bucle, ou tal vez deberíamos dicir un simulacro, que nos arrea a casa despois de berrar toda a noite unha consigna revolucionaria no concerto para volver renovados ao traballo ao día seguinte. Xa sabemos que os simulacros non redimen pero consolan. Eventos restauradores do sistema, como o da crise económica, moi efectivos para restaurar a sociedade xusto antes da conquista de dereitos.

Nada máis exemplificador de que dinamitamos os límites que observar como os políticos de dereitas e esquerdas reclaman a autoría dunha mesma política, son simpáticos, case melloran aos comediantes. Como alternativa a instalarse no centro da nosa existencia, e como dunha verdade caída do ceo se tratase, preséntanse "os datos" como reserva de alta obxectividade. Ciencia!, claro. Pero de aquela ciencia revolucionaria do século XVII, que cuestionou o centro sagrado da fe, só queda a fragancia porque hoxe, a ciencia, despois de promover algunha que outra catástrofe, é escenario tecnocrático. Nin a razón nin a observación conservan a súa tradicional autoridade ética.

En calquera caso, os datos preséntanse como garantes do absoluto. Aínda é necesario lembrar que toda verdade está atravesada pola subxectividade da nosa percepción e reflexión? Os datos procésanse e analízanse e esta elaboración está cargada de subxectividade e, como tal, posúen intencionalidade. Non é posíbel anular a nosa participación aínda que se presenten os datos como entidades neutrais.

Nós somos a voz dos datos. "A realidade non é unha suma de datos, é un tecido de interpretacións", di Vattimo. Tal vez deberíamos dicir, ante esta onda de presentar os datos como paradigma da pureza, que a realidade é unha suma de datos veladamente intencionados a unha interpretación. O relevante desta gran cantidade de datos que hoxe se procesan de forma inmediata para controlar a nosa conduta consumista ou política, entre outras, non é a cantidade de información, nin o feito de poder facelo, senón as decisións sobre qué facer con esta tecnoloxía. Unha dimensión ética dos seus alcances. Pero non parece que os nosos representantes estean interesados en preguntarnos sobre esta cuestión.

Compartir el artículo

stats