Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fachada principal do muíño papeleiro do río Xabriña (Ponte Dornes, Mondariz).

Na xénese do papel artesanal

Un muíño papeleiro no río Xabriña

Os muíños destinados á moenda de cereal (millo, centeo, trigo) son os maioritarios, pero non os únicos, nos ríos de noso. Investigadoes como Gayoso Carreira (1965) cuantificaron en 32 o número de enxeños dedicados á fabricación de pasta de papel en Galicia ao longo dos séculos XVIII e XIX.

A construción de muíños de papel en Galicia debeu ter lugar ao longo do século XIX fundamentalmente, de atendermos á mención que deles fai Lucas Labrada na súa Descripción económica del reyno de Galicia (1804), que coñeceu un único exemplar situado na parroquia de Arnois (A Estrada), que fora construído en 1793. A Labrada quizais lle falaran asemade do muíño de papel do Pazo do Faramello, situado á beira do río Tinto, na parroquia de Ribasar (Rois), que foi levantado en 1710 e funcionou ata comezos do século XX segundo Buxa, a moi meritoria Asociación Galega do Patrimonio Industrial.

O que hoxe estudamos aquí, coñecido como Muíño Papeleiro da Ponte Dornes (O Escobeiro; Mondariz), permanece inédito nas publicacións dedicadas ao estudo do patrimonio industrial. Situado nas coordenadas UTM 545240, 4674158, na marxe dereita do río Xabriña (afluente do Tea), a primeira referencia que temos da súa existencia procede dunha cita do xornalista Alejo Carrera publicada en FARO DE VIGO en 1954. Na crónica do que fora propietario do castelo do Sobroso, referida á procesionaria que padecía naquela altura o Pinus insignis, lemos "La multiplicación de esta especie aquí, en los últimos veinticinco años, ha sido fácil porque la utilísima aplicación de su celulosa nos hizo crear la esperanza de ver restablecida la fábrica de papel que aún en el siglo pasado funcionaba aquí, en una de las riberas de nuestro saudoso río Xabriña".

O topónimo Dornes procede da voz "dornas" (especie de barca formada por dous troncos ocos, separados paralelamente e unidos por medio de táboas) e fai referencia a unha antiga ponte de madeira xa desaparecida citada por Pascual Madoz (1845) que puido ser construída, entre outros propósitos, para dar servizo a este muíño papeleiro. Curiosamente este enxeño non aparece citado expresamente na obra do escritor, político e avogado pamplonés, quen en relación ás industria existente no río Xabriña informa: "sus aguas bañan por derecha ó izquierda la feligresia de que hablamos" (Santa Baia de Mondariz) "y dan impulso á distintos molinos harineros y artefactos". Sería o noso muíño de papel un deses "artefactos"? O Muíño Papeleiro da Ponte Dornes tamén está ausente do traballo publicado por Gonzalo Pagán en 2003, unha exhaustiva e metódica monografía dedicada a uns enxeños mecánicos que fixeron do río Xabriña un auténtico parque empresarial durante a Idade Moderna.

Hoxe, no emprazamento que nos ocupa, aínda se conservan as ruínas dunha edificación de planta rectangular labrada en cachotaría concertada cunhas dimensións de 20,5 m longo x 7,20 metros de ancho. A fachada principal que mira ao río (SW), presenta uns muros cun grosor considerable de entre 70-80 cm que, á altura dos vans que conectan visualmente coa corrente, queda reducido a 20 cm. Como é habitual, o contorno dos ocos de acceso e iluminación recibe as pezas graníticas mellor dimensionadas, destacando os peitorís ou antepeitos, que foron labrados nun único bloque de pedra en forma de paralelepípedo.

Da estrutura orixinal do muíño papeleiro recoñécese facilmente o espazo pechado que ocupou a gran roda vertical de propulsión, movida por un pequeno caudal do río procedente dunha calzada situada augas arriba que derivaba a auga a través da levada capital. Esta acea ou bruia, aloxada nunha cavidade rectangular de 7,20 m de longo por 1,20 cm de anchura e 3,20 m de altura máxima, situábase no lado Sur do muíño. Para accionala a "auga lévase por unha canle de madeira á bruia, situada na súa parte superior, aproveitándose a súa enerxía ó verquer tanxencialmente o seu chorro nas aletas que ten para facer moe-la roda do muíño" (Caamaño Suárez; 2003).

Estrutura e funcionamento

  • O funcionamento deste tipo de muíños foloeiros é semellante á dos batáns, aqueles enxeños que foron ideados para bater fortemente os tecidos mollados de la ou liño. A tratadística histórica, desde o T heatrum Machinarum Novum de Andream Böcklern (1661) ata a Encyclopédié de d'Alembert editada por Diderot (1751), ilustra o funcionamento dos "moulin a maillets" ou muíños papeleiros de mazo. Estes pisóns de madeira tiñan por obxecto machucar tiras de trapos ou incluso herbas (cáñamo, palla e herba), a materia prima dos muíños papeleiros antes da aparición da pasta xerada a partir da madeira, a propia da etapa contemporánea do papel continuo mecanizado, desenvolvida en Europa a partir de mediados do século XIX. Unha vez trituradas as herbas ou trapos en pías, a polpa resultante trasladábase a unhas tinas ou tallas, onde se mesturaba con colas e resinas, unhas substancias de recheo que aportaban consistencia á pasta de papel. De seguido, utilizando un molde ou marco de madeira dotado cunha malla, recollíase da tina unha fina capa de pasta que, unha vez escorrido, deixará formado un prego rectangular de papel que terá un grosor e tamaño fixado pola forma. De seguido os pregos de papel, separados por coiros, eran sometidos á presión dunha prensa vertical, onde eran esmagados en feixes ata perderen a meirande parte da auga. Finalmente as follas pendurábanse de forma individual en secadoiros instalados na parte máis elevada e ventilada do edificio. O proceso completo pódese ver ao vivo no Museu do Papel de Santa Maria da Feira (Portugal), no Museu Molí Paperer de Capellades (Barcelona) ou no Musée historique du papier (Auvergne, Francia).

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.