Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tigres como poemas

Viaxe aos versos de Xela

Tigres como poemas

Comento a Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) e confeso que, desde que a coñecín no instituto do Calvario, onde estudamos, sempre me suscitou interese o seu quefacer literario. Primeiro chamou a miña atención con Denuncia do equilibrio (1986). A pesar da serena dozura que manaba da súa personalidade, axiña comprobei que dentro do seu ser aniñaba o indignado xerme da insatisfacción, da rebeldía ontolóxica, da ansia de se liberar do consabido e do establecido. Cando o fulgor deste inconformismo brillaba e se facía verbo, o verso manumitido alcanzaba o cimo da súa escrita: "non sei que fago cando me escribo/que convirto a noite en escadas de abrazos/e de lonxe os meus regresos desexístense". Eis a figura expresiva máis sorprendente (por elección e por predilección) da nosa poeta: a metábase, a transcategorización gramatical (tamén María Mariño profesou ese estraño fascinio pola distorsión verbal).

Talvez o mundo que creou nesta obra, poboada de agudos desasosegos e de sentires contraditorios (a iracundia e a tenrura de mans dadas), sexa tamén froito da desobediencia. De igual modo, os escenarios poemáticos (rúas do extrarradio, locais nocturnos, terreos degradados polo desemprego e pola droga) converteron a súa figura en pioneira da Contracultura, xunto con Lois Pereiro. Porén, a seguinte entrega, Tigres coma cabalos (1990), supuxo unha nova experimentación ao iren os poemas xunto ás fotografías do seu marido establecendo un diálogo entre a representación gráfica e o texto escrito. Non dubido en subliñar que o volume posterior, Darío a diario (1996), resulta sinceramente entrañábel. Se na obra anterior a nosa autora espiu o seu corpo para as fotos, agora as composicións desvisten a súa alma. Toneladas de afecto e de delicadeza inundan o poemario.

En 2003 publica Intempériome, que considero o mellor da súa pluma. De novo o quebro gramatical, a ruptura do sentido, son os recursos que utiliza para plasmar a ánima quebradiza. Mais agora as pezas son máis breves e, tamén, máis perennemente intensas: "A unidade componse./Da desorde". E nestas ironías da gramática, que tamén son as ironías da existencia, a escritora vai depregando dúbidas que se cincelan fermosamente: "Porque contraes débedas/cos pasos que enlazas".

O libro complétase cun mangado de poemas inéditos e dispersos e cun competente prólogo de María Xesús Pereira Nogueira, que foi a encargada da edición (ben anotada). Compete agora ao lector degustar a valía destes textos.

ARIAS, Xela, Poesía reunida (1982-2004), Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP. 21 ?

Compartir el artículo

stats