Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cidadán e partisano

100 anos de Luís Porteiro Garea e o Manifesto de Lugo

"Chi vive veramente non può non essere cittadino e partigiano".En todos os tempos, mesmo nos lonxíncuos, houbo quen puxo a humanidade por riba do humano. A defensa do plural desaloxa a sacralización do singular. Solidariedade e fraternidade como valores da sociedade.Porén, precisamos de novas explicacións ante o avance dun ultraliberalismo con sogas de esparto. "Se son libre, por que me obrigan a pagar impostos? Cadaquén busque a súa vida". Así unha longa ladaíña que pousa nalgúns miolos. Póñanlle os adxectivos que queiran mais velaí está como unha enorme sombra tridimensional de catro brazos.

A cita inicial é o antídoto a este andazo. Gramsci amou o saber (filósofo) e as palabras (filólogo) para dárnolas. É ben termos presente o poder que conteñen a sapiencia e mais as letras cando estas se poñen en marcha. De nada serven entre as paredes académicas nin nas redes sociais. Cidadán, no senso republicano, e partisano, no senso democrático.

Este traxe está feito á medida do Luís (ou Lois) Porteiro Garea. O seu nome aparece aquí, pois acudimos ao centenario do seu cabodano. Morrera vítima da gripe, o mal que fixo cativos os camposantos de Vigo (léase E o outono tinguiuse de loito de X. C. Abad).

O Porteiro foi unha mente lúcida. Doutor en Dereito, Catedrático da USC, o seu intelecto púxoo ao servizo do progreso do país. Foi o primeiro en ditar conferencia en lingua galega no paraninfo da USC: A transformación do Dereito civil pola Gran Guerra (1915): un acto de valentía cando todo era aldraxes ao idioma. Porén, a súa lápida, en Gafoi (Frades), está en castelán e reclama ser en galego, como correspondencia co defendido polo defunto.

Este é o cittadino Porteiro, tamén avogado e concelleiro agrarista. Servindo ao ben común, sen cobrar patacón, na causa dos Mártires de Nebra e obreiros da folga de 1917. Canto ao partigiano Porteiro, este apareceu de ganchete das Irmandades da Fala. Foron unha sacudida na conciencia da terra nai. El convocou persoas heterodoxas para fundar en Compostela a segunda das Irmandades. Axiña obtivo un recoñecemento social grazas á oratoria e ás súas ideas progresistas.

O programa electoral de Porteiro en 1918 foi a base do Manifesto de Lugo. Trátase dun texto fundamental na historia galega e, en particular, da esquerda. A igualdade da muller, o sufraxio universal, as medidas fiscais, o concepto de soberanía estética..., todo está aí como táboas bíblicas. Con ese cemento desenvolveuse o nacionalismo galego malia matices ideolóxicos vidos da dereita galeguista con Risco na proa.

Porteiro representou, consciente da loita democrática ante as canalladas das forzas reaccionarias, as Irmandades nas eleccións de 1918. Viviu en carne a anomalía dunha terra xostregada. Por un lado, os boicots aos mitins en galego por parte de elementos con excelente prosodia galega; polo outro, as agresións físicas e o atentado que sufriu por defender as clases populares. Perdeu o escano por mor do caciquismo caloteiro. Pro non o dobregaron malia poder retirarse pra vivir cómodo. Digno de admirar, tamén de imitar.

Como esquecer quen fixo vibrar a xustiza social e a cultura nosa nas ánforas dos peitos? Esta tarefa, paseniña, é imprescindible. O sumar en cada aldea e cidade, o levar coñecemento, o integrar persoas na toma de conciencia de ser quen somos, nin máis nin menos ca os outros. Por que renunciar a sermos nós?

Este é o meu retrato do cittadino e partigiano Porteiro Garea. A el dedicamos o artigo co fin de fomentar o saber e as letras. Para máis datos recomendamos Luís Porteiro Garea. O ideólogo do nacionalismo irmandinho (2009), de E. Vázquez Souza, de descarga libre en Internet; ou a biografía asinada por Cores Trasmonte en 2005. Ademais o Concello de Santiago publicou un libro en edición de M. A. Seixas e inaugurouse na Facultade de Dereito da USC un amplo vidro para que sexa espello dos futuros avogados, maxistradas e fiscais de Galiza.

Compartir el artículo

stats