Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do mundo pechado ao universo infinito

Historia da ciencia (IV)

Debuxo de Leronardo da Vinci.

No transcurso dos séculos XV e XVI Europa asiste a un verdadeiro renacemento económico, social e político que fixo posible unha revolución científica, principalmente nos eidos da medicina, a xeografía e a cartografía e a astronomía.

Os avances xeográficos e cartográficos: A necesidade de expansión dos reinos de Portugal e Castela son a razón dos notables progresos que en materia xeográfica e cartográfica se realizaron ao longo dos séculos XV e XVI. O Imago mundi (1410) de Pierre d'Ailly (1351-1420), un xeógrafo francés que influíu na concepción xeográfica de Colón, sentou as bases deste novo saber seguido logo por Fra Mauro (1385-1460), o máis importante cosmógrafo do século, quen cartografou a totalidade do mundo coñecido no mapamundi que executou por orde do rei Afonso V de Portugal entre 1447 e 1449. Estes novos saberes culminaron, logo da chegada de Colón a América, da man de Mercator (1512-1594), o introdutor da proxección cilíndrica. Paralelamente, prodúcese un notable avance na navegación (carabela) e nas técnicas de localización (compás e astrolabio).

A revolución copernicana: Malia que Aristarco de Samos defendeu o heliocentrismo no século III a. C., a cosmoloxía do tempo de Copérnico (1473-1543), era a aristotélico-ptolomaica, que sostiña como evidente que a Terra ocupa o centro do universo, que cada planeta está situado sobre unha circunferencia que ten o seu centro noutra circunferencia maior centrada na Terra e que as estrelas permanecen fixas nunha esfera celeste. Fronte a ese sistema, Copérnico defendeu en Sobre as revolucións das esferas celestes (1543) o seguinte: os movementos celestes son uniformes, eternos e circulares ou compostos de diversos ciclos; o centro do universo se atopa preto do Sol; Mercurio, Venus, a Terra (que ademais do movemento de translación posúe o movemento de rotación e de declinación) e a Lúa, Marte, Xúpiter e Saturno, por esa orde, orbitan arredor do Sol; a distancia existente entre a Terra e o Sol é menor que a existente entre a Terra e as estrelas; as estrelas permanecen fixas e non orbitan arredor do Sol.

Copérnico, era consciente de que o seu sistema contradicía a interpretación defendida pola Igrexa, polo que apelou á dignidade de Deus, que esixía harmonía, orde e beldade no universo, o sistema copernicano foi duramente combatido pola Igrexa, que condenou a Giordano Bruno (1549-1600), defensor do heliocentrismo copernicano e do universo infinito, a morrer na fogueira.

A medicina renacentista: A medicina moderna xorde grazas á introdución do método experimental, principalmente a disección e o exame dos corpos, que permite deixar atrás os coñecementos herdados de Hipócrates e Galeno. Nesta nova andaina salienta Andrea Vessalio (1514-1564), autor do tratado Sobre a fabricación do corpo humano (1543), no que establece os fundamentos científicos da anatomía; Colombo (1510-1556), quen describiu a circulación pulmonar; Amato Lusitano (1511-1568), a función das válvulas venosas; Servet (1511-1553), quen foi condenado a morte por describir a circulación pulmonar nun libro de teoloxía; ou Fallopio (1523-1562) e Eustachi (1510-1574), a quen debemos importantes descricións do oído, da vaxina e do corazón humanos ou detallados estudos sobre o funcionamento do ril e outros órganos. Así mesmo, avánzase no estudo e diagnóstico das enfermidades humanas da man de García de Orta (1501-1568), quen describiu varias enfermidades (cólera...), e, grazas aos traballos de Ambroise Paré (1509-1590), desenvolveuse a cirurxía.

En fin, unha serie de avances científicos que fixeron posible o despegue científico de Europa no século XVII, no que as principais figuras da ciencia foron Galileo, Newton, Harvey, Boyle e Descartes.

O xenio renacentista de Leonardo da Vinci

  • Nacido na Toscana, Leonardo da Vinci (1452-1519), malia que é recoñecido principalmente como pintor -salientando entre as súas obras A Gioconda, A Virxe das rochas ou A derradeira cea-, tamén foi un importante home de ciencia, enxeñeiro e inventor, alén de ser escultor, arquitecto, urbanista, músico, poeta, filósofo e escritor, polo que é considerado o representante prototípico do home de espírito universal renacentista. No ámbito da anatomía, Leonardo foi un profundo observador do corpo humano, que reproduciu en numerosos debuxos de gran detalle anatómico e describiu dun xeito moi preciso, aínda que nalgúns aspectos reproduciu erros conceptuais propios da súa época; neste sentido, algunhas das súas principais contribucións foron sobre o feto, o útero, o esqueleto e o corpo humano en xeral. Como anatomista tamén se fixou no voo das aves ou a anatomía dos cabalos. Tamén realizou estudos sobre a luz e a óptica, hidroloxía ou mesmo alquimia e metalurxia, sempre seguindo unha mesma estratexia: a descrición e a ilustración dos feitos. Finalmente, Leonardo da Vinci foi enxeñeiro -proxectou unha ponte construída no ano 2006-, arquitecto, urbanista -deseñou a cidade ideal-, e inventor, salientando entre os seus inventos os aparellos voadores, as máquinas de guerra e as máquinas téxtiles.

Compartir el artículo

stats