Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Animais de fantasía

De criaturas mitolóxicas e cohesión grupal

Pegaso: o engado dos animais fantásticos e mitolóxicos.

Cando se compren vinte e cinco anos de Jurassic Park, a película de Steven Spielberg sobre unha eventual clonación de saurios antediluvianos, a paixón polos animais fantásticos está máis viva que nunca. Abonda con consultar os nenos, incluso os de tres ou catro anos, polas súas preferencias á hora de traballar un tema na clase e entre elas haberá animais imaxinarios ou pasados (dinosauros, unicornios) por riba de animais exóticos ou outros asuntos reais.

Todas as culturas imaxinaron, en cadansúa mitoloxía, animais excepcionais, quer como vaga lembranza de tempos pasados, quer como magnificación de seres cotiáns, pero sempre cunha vontade de unificación grupal fronte aos medos colectivos. Dous foron os medios habituais: o bosque e mais a auga; en pobos de alta montaña, os cumios. Sempre, ámbitos descoñecidos.

Sería prolixo enumeralos e para iso remitimos a calquera entrada relativa á criptozooloxía (disciplina non plenamente científica) pero sinalemos, fóra de Europa, animais mitolóxicos na América precolombina: quetzacóatl, wendigo, mapinguari, ogopogo; en Asia: os diversos dragóns, o makara hindú, o orang pendek de Sumatra, o kitsune xaponés, o ieti tibetano; na Nova Zelanda maorí: o opaleye; en África: o mokéle-mbembe e o emela-ntonka dos pigmeos.

No noso entorno, as mitoloxías foron ricas en animais imaxinarios, especialmente a grega: a Hidra de Lerna (a serpente multicéfala morta por Hércules), o Basilisco (a serpente que mataba coa ollada), o Carneiro de Ouro (en cuxa procura foron Xasón e os argonautas, e desde 1430, condecoración establecida pola casa de Borgoña e continuada pola monarquía española como "Toisón de Ouro"), os pegasos, e os animais mesturados de dúas ou máis especies (grifón, quimeras), algúns individualizados (como o Can Cérbero: gardador das portas do Hades, hoxe sinónimo dos gardarredes de fútbol) e as combinacións de humano e animal (centauros, harpías, sereas, o Minotauro, a Ave Fénix).

A eses temos que engadir aínda o Leviatán (o monstro mariño identificado co Diaño na tradición bíblica), os animais das mitoloxías escandinavas (o huargo, o hébrido, o kraken) e celtas (desde o kelpie e o afang ata o coñecido Nessie, o monstro do lago Ness en Escocia). E entre nós, temos o fenómeno do lobishome ou licántropo, figura lendaria común a moitas culturas.

E se tivemos que destacar un animal fantástico de éxito, non habería outro como o unicornio, o cabalo branco con patas de antílope, barbas de chibo e un corno longo na fronte. Alleo ás mitoloxías antigas, xa aparecía citado polo escritor grego Ctesias despois da súa viaxe á India, e nalgunhas das traducións do Libro dos Números da Biblia. Pero acadou a súa dimensión global na Europa medieval cando se estableceu que os unicornios so podían seren domesticados por doncelas virxes, nun paralelismo coa figura de María para dar paso ao tema do amor casto con Petrarca e o seu Triunfo da castidade. Un éxito que está a recuperar nos nosos días como arquetipo de animal inocente e simpático, ideal para os nenos.

Así, fronte a aqueles animais que nunca existiron, a literatura e, especialmente, o cine recrearon animais reais dunha dimensión xigantesca: desde King Kong, o megagorila inventado en 1933, ata o mito de Moby Dick, a balea xigante imaxinada por Herman Melville (1851), contra a que loita o capitán Ahab despois que o monstro lle arrincase a súa perna de marfil, que en cine foi representado por Gregory Peck con dirección de John Huston (1956).

Pero volvendo a Jurassic Park, coa perda definitiva dos medos que espertaban os animais mitolóxicos polos avances científicos, estes foron aproveitados -precisamente- para renovar o xénero. E daquela apareceu a idea de clonar os grandes réptiles do pasado a partir do seu ADN: a súa vinganza estaba servida. E se hai tres anos chegou a secuela Jurassic World, agora temos unha réplica, J urassic World 2, dirixida por J. A Bayona. Seguiremos a ver dinosauros.

Compartir el artículo

stats