Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel María nas táboas

Polos vieiros dunha arte popular

Barriga Verde e a Morte.

Na súa magnífica Etnografía: Cultura espiritual, incluída no primeiro volume da Historia de Galiza, publicado en Bos Aires en 1962, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco ofrece abundante información para poder reconstruír, sequera de forma tentativa, o que puido ser un teatro popular de expresión galega, moi vinculado ás festas cíclicas, quer no ano agrario quer do ano cristiá, moitas delas aínda cun notable acento pagán. Un teatro no que tiñan especial acollida parrafeos, autos, entremeses, sermóns satíricos, monólogos e outras formas propias da dramática popular de transmisión oral, e que foron amplamente cultivadas no primeiro cuartel do século XX, con autores tan populares como Euxenio Charlón, Manuel Sánchez Hermida ou Xavier Prado Lameiro, desde agrupacións folclóricas como Toxos e Frores de Ferrol ou De Ruada de Ourense, nos seus cadros de declamación. Polo si ou polo non, eles foron os autores máis representados nos anos vinte e trinta do século pasado onda nós.

Cando bastantes anos despois Eduardo Blanco-Amor publique Teatro pra a xente (1974), continuando coa súa procura dun teatro popular galego iniciada en Bos Aires, esa será a tradición que invoque, con pezas de idéntica feitura como A melosa Blandina ou A tía Lambida. Unha tradición que tamén explora con enorme éxito Ricardo Carballo Calero na peza A farsa das zocas (1971), obra notable igualmente debedora desa dimensión satírica e burlesca tan presente na dramática popular, e moi representada en centros educativos nos anos setenta e oitenta.

E un dos autores que con maior afouteza se vai dedicar á recreación desa vella tradición escénica e literaria, é, sen dúbida algunha, Manuel María, o poeta ao que a Academia Galega dedicou o ano das Letras Galegas neste 2016. Pois certamente o denominado poeta da Terra Chá, publicou un monllo de pezas dramáticas con esa raizame popular, algunhas delas moi representadas en centros educativos de toda Galicia nos anos oitenta e noventa, e falamos de títulos ben coñecidos como Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1979).

Manuel María Fernández Teixeiro publica en diferentes medios, Auto do taberneiro (1957), Auto do labrego (1961), Auto do mariñeiro (1961), Auto da costureira (1973) ou Auto do maio esmaiolado (1982); un conxunto de "autos" á maneira de Gil Vicente, nos que tamén aparece, de forma directa ou aqueloutrada, a vella antinomía, tan querida a autores como Manuel Lugrís Freire, entre as xentes do país e as chegadas de fóra, ou entre as camadas populares e os seus inimigos, sendo un trazo diferencial do xénero. Prén estamos ante un teatro de cerna política, como aquel que nos anos trinta na España en guerra se chamou de axitación e propaganda, e para o que Rafael Dieste escribiu varias pezas en castelán, algunha na tradición dos entremeses de Miguel de Cervantes.

Tal vez a peza que de maneira máis requintada veén recoller esa rica tradición teatral popular, sexa Barriga verde (1968), un personaxe moi popular na posguerra, que fora creado por José Silvent Martínez (1886-1970), pioneiro do teatro de marionetas en Galicia; velaí un texto no que aparecen reflectidas algunhas das escenas máis populares dos espectáculos de Silvent, e que o noso poeta contemplara de neno nas terras de Lugo. Un creador moi esquecido ao que o grupo Viravolta de Lalín leva anos reivindicando con diferentes iniciativas, entre elas a reconstrución da súa peripecia vital e artística ou da barraca de feira na que mostraba as súas notables creacións escénicas.

En 2003, editada por Miguel Anxo Mato Fondo, a Universidade da Coruña foi publicar u a peza Edipo, que fora premiada en 1960 en Bos Aires, e na que na mellor tradición da época, cando os clásicos gregos se utilizaban para recrear conflitos daquel presente, atopamos un Edipo que abandonado de todos loita pola súa liberdade fronte á maldade de Creonte, na compaña da súa filla Antígona, naquela altura representante dos valores tribais e comunitarios fronte á opresión nacional.

Así, pai e filla convértense nun símbolo da liberdade, se ben no texto abrolla a tonalidade maniquea propia da lectura binaria da realidade tan explotada antes e agora. Unha tonalidade por veces necesaria.

A razón instrumental

  • Xoán González Millán figura entre os investigadores da nosa cultura que máis e mellor analizou as dinámicas do campo literario galego, especialmente no que atinxe á súa configuración e ás forzas que en determinados momentos tentaron e tentan impoñer un determinado modelo, como ocorre agora por exemplo no eido da produción audiovisual, tan abeirada ao neo-enxebrismo. Foi el quen falou de nacionalismo literario e de literatura nacional, para mostrar as diferenzas que poden existir entre unha literatura que serve de ferramenta na loita nacional e outra que tendo plena autonomía fronte a esa circunstancia histórica se converte en simple obxecto literario, sen outra finalidade que a de ser literatura. Curiosamente un dos primeiros textos literarios galegos que mellor cadra neste perfil foi Alén (1921), peza de Xaime Quintanilla.A obra dramática de Manuel María hai que lela necesariamente desde os parámetros e presupostos do nacionalismo literario e teatral, como un exercicio de axitación e propaganda contra os males dun tempo en que nin había liberdades, senón unha férrea ditadura, nin a lingua nosa se podía utilizar como lingua de seu. Tempos en que a cultura galega ou estaba prohibida, ou era marxinada ou desprezada, ao se manifestar nunha lingua de labregos, de mariñeiros ou de costureiras, xentes ás que Manuel María nos seus autos quixo devolver a dignidade, como tamén quixo levantar acta literaria do gran Barriga Verde, do mestre Silvent. Grazas, Manuel.

Compartir el artículo

stats