Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ben axeitada aventura

Entre o amor e o respecto

Ben axeitada aventura

O recoñecemento da traxectoria literaria de Ledicia Costas vén nesta ocasión do xurado do Premio Lazarillo-2015 de Creación Literaria que acordou concederlle o galardón á obra Jules Verne ou a vida secreta das mulleres planta e que Xerais vén de publicar na súa colección "Fóra de Xogo."

A autora deseña unha magnífica novela de aventuras na que o insigne Jules Verne ocupa un papel importante. Tanto é así que, baseándose en datos históricos reais, artella unha historia onde é difícil discernir entre realidade, ficción e fantasía.

As mulleres planta cosntitúen o vínculo que entremesturan as vidas dos personaxes que interveñen na novela. O boticario Philipot, a súa muller Melisa e a súa neta Violeta gardan un importante segredo que consideran único, por iso o encargo que lle fai o novelista dun bálsamo de naurilium e menta fai sospeitar o experto en plantas que o seu segredo non é tan secreto.

Ao longo dos vinte e un capítulos que conforman a historia asistimos ao desenvolvemento duns acontecementos que, tendo como marco xeográfico a cidade de Vigo e personalidades representativas da sociedade olívica do século XIX, atrapan a atención do lector que se ve cautivado polo misterio que pecha a natureza, pola forza da temática que irrompe no imaxinario colectivo, pola maxia das palabras que nos trasladan a mundos marabillosos e polo simbolismo que evocan as imaxes empregadas.

Pola súa parte, o ambiente de calma tensa creado dende o inicio discorre paralelo ao desexo de atopar unha solución para a doenza da avoa Melisa e polo camiño vai alentando o percorrido con retallos dunhas vidas que teñen na súa base o amor e o respecto.

O xogo que se establece entre os humanos e as plantas resulta moi substancioso, porque achega á natureza cualidades propias das persoas e aos individuos impresións xamais experimentadas. Así, da mesma forma que as plantas están expostas a factores bióticos e abióticos cos cales co-evolucionan, as persoas vense tan condicionadas polo medio que ata confunden con el, nunha especie de simbiose que abre a posibilidade a novas formas de vida, existentes agora na ficción e quen sabe se nun futuro tamén na realidade.

COSTAS, Ledicia, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats