Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrea Maceiras, en A Coruña. FOTO: J.Roller

"A literatura xuvenil está en auxe hoxe máis que nunca"

Andrea Maceiras - escritora. premio jules verne de narrativa

-Xa sei que a pregunta é tópica,pero o caso obriga: que hai de autobiografía en Europa Express

-Penso que Europa Express é a miña novela máis autobiográfica porque está baseada na miña experiencia viaxeira: eu fixen tres veces a viaxe de Interrail, que realizan os protagonistas da novela. De feito, para escribir a obra botei man dos meus diarios de viaxes, que me axudaron a evocar todas esas lembranzas. Ademais, a novela parte dunha paixón persoal: eu, ao igual que un dos protagonistas, colecciono postais. Gústanme especialmente aquelas nas que aparecen turistas despreocupados e alleos aos que, nese preciso instante, alguén está a tomarlles unha fotografía que despois se converterá nun souvenir. Sempre pensei que existía a posibilidade (remota, pero factible) de que algún día, regresando a un lugar que xa visitara, podería atoparme a min mesma nunha desas postais. E precisamente ese é o punto de partida de Europa Express: é o que lle acontece a un dos protagonistas (Nico) que, dez anos despois de visitar Bergen co seu grupo de amigos, volve á cidade norueguesa e compra unha postal na que incriblemente aparecen todos eles. Claro que, ademais, descobre na imaxe un feito totalmente insospeitado que o levará a indagar sobre o seu pasado...

-Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia?

-Calquera parecido premeditado coa realidade é pura coincidencia, pero a literatura sempre se alimenta de experiencias, sensacións e percepcións tomadas da realidade, así que o límite nestes casos adoita ser impreciso.

-Na primeira parte da novela, a cada personaxe dedícalle un capítulo para que os lectores coñezamos mellor ese personaxe. Por que decidiu estruturar así esta parte da historia?

-Eu quería escribir unha historia de intriga psicolóxica na que un mesmo feito se entendese de diferente maneira, dependendo da perspectiva desde a que fose narrado. E por iso decidín dar voz a cada un dos personaxes: para que eles mesmos puidesen ir revelando as distintas caras dun mesmo suceso, dunha mesma persoa. Iso fai que o lector ou lectora teña que ir recompoñendo as pezas e penso que tamén dá certa axilidade á novela, pois permite alternar distintos tipos de narración: máis profunda, máis seria, máis humorística, máis superficial...

-As personaxes son moi distintas entre si, malia compartir idade. Pode dicirse que o grupo, en si mesmo, representa as distintas variedades da xeración de xoves das que Vde. mesma forma parte?

-A miña idea era a de escribir unha novela máis ou menos atemporal e cun carácter universal, non a de reflectir a miña xeración. A novela está estruturada en dous tempos: o primeiro cando os personaxes son adolescentes e, dez anos despois, cando son adultos e xa teñen as súas vidas feitas. Creo que neste sentido non reflicte a realidade: moi poucos xoves da miña xeración que teñan entre vinte e cinco e trinta anos levan unha vida tan estable (con traballos definitivos e vivenda propia, por exemplo) como a que teñen os protagonistas do relato.

-Malia que, como dixemos, a personaxe central é o grupo, non cabe dúbida de que a trama xira sobre todo en torno a Xacobe, cuxa vocación é escritor. Xacobe é o "raro" do grupo. Hai que ser "raro/a" para que ter vocación de escritor?

-O feito de que Xacobe queira ser escritor non é máis que outra evidencia da súa profunda sensibilidade, un trazo que complementa a súa personalidade. Aí teríamos que entrar a debater que é o "raro" e que é o "normal". Supoño que haberá escritores raros e escritores non tan raros. Do que non teño dúbida é de que Xacobe estaría no primeiro grupo!

-Antes xa tiña gañado varios premios, pero que supuxo para Vde. gañar o Jules Verne?

-O premio Jules Verne supón para min un soño cumprido porque é un premio que dialoga co seu tempo: a literatura xuvenil está máis en auxe que nunca, abonda con dar unha ollada á carteleira de calquera cine. Ademais, supón un pulo moi importante para seguir adiante coa literatura. E outra cousa non menos relevante: implica difusión e visibilidade para a obra premiada, algo que non é nada doado de conseguir.

-Esta novela foi premiada no campo da Literatura Xuvenil, pero Vde. tamén cultiva a literatura para adultos e mais a literatura infantil. En cal destes xéneros se sente máis a gusto escribindo?

-Eu son moi feliz escribindo para o público adolescente, porque non hai outro tan sincero e fresco coma eles, e saco moito proveito dos encontros con estes lectores e lectoras que me enchen de enerxía e inspiración.

-De todos os xeitos, Europa Express

-Eu penso que, quizais pola miña formación filolóxica, estou afeita a ese afán de dividir e categorizar a literatura por épocas, movementos, etapas, etc. e que por iso o contemplo como algo natural: creo que parte da necesidade de clasificación e orde que ten o ser humano. Pero precisamente con Europa Express eu busquei transcender ese límite e crear unha historia que tivese como destinatario natural aos adolescentes, pero que puidese interesar a un público máis amplo. Creo que agora que xa asumimos que a literatura xuvenil existe e ten trazos que a singularizan, é o momento de deixar que siga a súa evolución natural: cada vez son máis os adultos que admiten ler e gozar con esta literatura e iso, evidentemente, é un feito que vai ter repercusión na mesma.

-Malia que a trama da historia que conta está "pechada", confésolle, como lectora, que sería interesante continuar esta historia, outros dez anos despois, cando as personaxes xa deixaron de ser xoves. Entra nos seus plans, de aquí a uns anos, retomar a vida destas personaxes (ou outras) e contar como lles vai?

-En principio concibín Europa Express como unha historia pechada, pero teño que confesar que lles collín bastante cariño aos personaxes e que non me importaría en absoluto escribir unha segunda parte se houbese lectores e lectoras dispostos a lela.

-Prepara algunha obra nova? Pode darnos algún adianto sobre de qué vai?

-Eu sempre estou con novos plans e proxectos en mente, xa sexa diante dun teclado, xa sexa dando voltas a unha idea na imaxinación; para min é algo natural, unha forma de vivir que me acompaña desde sempre. Pero nunca me gustou demasiado falar sobre os proxectos en fase embrionaria. Aínda que non me poño a escribir ata ter a idea totalmente construída, resúltame moi difícil explicala dun xeito adecuado durante esa parte do proceso. Supoño que porque o que parece marabilloso na mente nunca o é ao mesmo nivel cando chega ao papel e quizais porque, no fondo, escribir non é outra cousa que tratar de desvelar a realidade, o mundo e a nós mesmos.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.