Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xogando ás películas

Un espectáculo da compañía Vía 6

As actrices Daniela Rodas, Susana Álvarez e Celia González.

De ser outras as condicións económicas e socioculturais do país, este espectáculo que presentamos faría máis de 60 funcións por ano, e de sermos un país europeo en materia teatral, con compañías en cada teatro, estaría en cartel un par deles e o número de funcións pasaría seguramente de 300. Pero somos o que somos, vimos de onde vimos, e ninguén sabe por onde imos, que diría o Pedro Puy, que algo de responsabilidade tamén ha de ter na cuestión esta. Pois, amigo Pedro, lembrando aquela peza daqueloutro grupo chamado The Durruti Column, semella que "Tomorrow never comes", que tamén dicimos peza cando lle botamos un baile.

Falamos nós de Amor en 3D, primeira achega dunha compañía nova, neste caso a partir dun texto de José Luis Prieto Roca (Narón, 1967), que el mesmo dirixe. Unha vez máis, Prieto bota man desa visión cómica da realidade coa que fixeron carreira notable autores non menos notables, como Luis Mihura, ou os nosos Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, tamén das terras do Ferrol e do coro Toxos e Frores, no seu día autores e actores dos textos máis representados do teatro galego. Prieto aposta, xa que logo, sen ningún tipo de complexo, por un teatro abertamente comercial e para todos os públicos, que de todo ten que haber.

Un momento na representación de Amor en 3D.

A situación de partida é ben coñecida, e mesmo unha boa parte dos espectadores saberán mirarse nela. Cantas veces, de nenos ou nenas, non teremos xogado as películas? Cantas veces, na escola ou no instituto, non teremos feito unha parodia daquela película de moda, do grupo de música máis querido, ou dun fato de profesores e profesoras por razóns evidentes? Temos pois estas tres actrices que, cando a luz de sala se apaga e os focos se acenden, confesan que o espectáculo que teñen preparado non enche máis de medio cuartillo, polo que para darlle aos espectadores aquilo polo que pagaron, un litro e pico de diversión, van xogar ás películas, así, á vista de todos e todas, sen máis aquel que a simple vontade de xogar. Na escena irán aparecendo títulos ben coñecidos do público, como poden ser As pontes de Madison (1995), Notting Hill (1999) e Titanic (1997).

Mediante ese mecanismo simple de apelar á memoria emocional e ao imaxinario dos espectadores, a proposta funciona cun ritmo trepidante, tamén polo feito de vermos como as tres rapazas se valen das máis diversas artimañas expresivas para lle dar vida a todo un mundo de situacións, conflitos e personaxes, mesmo para discutir que papel lle acae máis a cada quen, pois, entre nós, quen non soñou con ser o Hugh Grant ou a Julia Roberts? Por ese camiño, gáñase o favor do espectador desde o primeiro aceno, pois tamén as persoas que son público están a xogar ás películas, mentres miran, lembrando os seus propios xogos.

Outra das claves do espectáculo consiste en saber recrear situacións cunha fonda carga emocional, mais cunha outra mirada, desde outra perspectiva, de xeito que aquilo que nos facía chorar no cine, ou na televisión, agora fai que riamos a cachón no teatro, facendo da hipérbole virtude. E nese xogo paródico, nese rexistro cómico propio dunha xuntanza de amigos, as posibilidades da rexouba aumentan pois até os tópicos máis adoitos teñen sentido e graza.

E despois dos tres primeiros arremedos chega o espectáculo que as tres rapazas tiñan encapelado, eses quince minutos nos que, en clave de teatro xestual, se recrea unha historia de amor entre unha moza e un mozo, e lembramos Romeo e Xulieta, coas liortas entre os seareiros do Celta e do Depor de por medio. Así a clave paródica vai desaparecendo a medida que agroma a traxedia dos estultos e a tonalidade cómica dos tres primeiros quintais tórnase reflexiva no derradeiro.

Se ben esta ruptura final pode coller por sorpresa ao espectador, e mesmo pode chegar a constituír un atranco na recepción global, ou mesmo unha chata para a valoración do conxunto, non deixa de se agradecer esa maneira en que se violenta, coa última escena, a cómoda contemplación das tres primeiras. Pois tampouco non é cousa de saír do teatro como se tal cousa.

Empanada

Compartir el artículo

stats