Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A derradeira legalidade

Méndez Ferrín é a derradeira persoa que que ostenta unha representación da legalidade republicana

Castelao, na presidencia do Consello de Galiza.

Se a memoria devén fiel, no remate da súa homenaxe no ano 2009, X. L. Méndez Ferrín afirmaba de si mesmo: "eu non son máis ca un que camiña entre vós". Sentenza que nos lembra aqueloutra empregada polo seu compañeiro de angueiras vitais e militantes, o X.M. Beiras, que parafrasea a de Eça de Queirós: "eu apenas sou um cidadão da Póvoa de Varzim".

Ambos, Ferrín e Beiras, teñen a disposición pública a súa produción intelectual e práctica social. Sexan máis da vosa simpatía. Sexan menos da vosa admiración. Velaí está a tarefa perante os ollos de quen queiran mirar. De aquén e alén murallas. As declaracións que fan transportan outro peso que non temos calquera de nós. Chamémoslle a este peso "capital simbólico". Porque tras das palabras acumúlanse moreas de anos de experiencia e traballo, de recoñecementos públicos e currículos vizosos.

X. L. Méndez Ferrín. // Ricardo Grobas

Ferrín pasea polo Vigo das Camelias escarlatas. Crúzase no ir e vir de persoas que sosteñen o seu pasado e, que nun mosaico granítico, compoñen parte do noso propio pasado. Memoria comunal. Ao xeito dunha colmea camilojoseceliana, cada día misturámonos con xente que teñen cadanseu relato da vida. Non os coñecemos. Hoxe, nesta crónica do FARO DA CULTURA deterémonos no Consello de Galiza e no día en que nomearon o seu delegado na Terra.

Castelao promoveu a constitución dunha sorte de Goberno no exilio (Consello de Galiza) coa mente posta na reinstauración da legalidade republicana trala queda do feixismo en Europa (España, Italia e a Alemaña nazi). Sería o intre de desenvolver o Estatuto galego e conformar un poder autónomo. O mesmo modelo dos gobernos vasco e catalán.

Pero os Aliados déronlle as costas á República. Atila mantívose no poder. Ante este golpe na esperanza, o Consello de Galiza, presidido por Castelao e despois por Alonso Ríos, quixo soster a memoria e a loita democráticas. Aínda que as condicións fosen contrarias e o éxito do Consello fose cativo.Daquela, no Bos Aires de 1968 atopámonos cos Xogos Frorais do Idioma Galego, que tiñan de "manteendor" o escritor X. L. Méndez Ferrín. Alí Ferrín mantivo unha xuntanza co Consello de Galiza e informounos das actividades clandestinas dos partidos antifeixistas, nomeadamente da UPG na cal militaba.

Na acta do Consello de Galiza do día 9 de setembro dese mesmo ano lemos: "Pondo fecho á xuntanza, o señor Antón Alonso Ríos manifesta que na xuntanza precedente do Consello escoitou o informe da UPG apresentado polo irmán Fuentes e tomou coñecimento da propaganda de aición que propón dito partido, resolvéndose encarregar a Méndez Ferrín a constitución da delegación do Consello de Galiza na Terra".

Tralos tirapuxas entre os galeguistas do interior co Consello de Galiza (pódense ler na correspondencia entre Piñeiro, Penzol e Castelao), agora os exiliados tomaban a UPG como organización afín. Ben é certo que xa en 1961 Carlos Velo e Luís Soto (despois militantes da UPG) formaban parte da delegación do Consello de Galiza en México, logo dunha primeira recepción negativa á proposta de Castelao en 1944. E non esquezamos tampouco o Antón Moreda no traballo de reorganización do nacionalismo.

Que nós saibamos, Ferrín é a derradeira persoa que ostenta unha representación da legalidade republicana emanada do Consello de Galiza. Mais aínda hoxe precisamos unha investigación e estudo arredor desta institución do exilio galego para coñecermos mellor o relato común conformado pola vida de tantos anónimos. Anónimos que se cruzan no cotián das nosas rúas e avenidas, nas prazas e lugares coma Peniche. Para botar o pecho, convidamos dende aquí a Ferrín a que nos relate profusamente aquela viaxe a Bos Aires e o seu encontro co Consello de Galiza. Como se recuperase esa memoria do fondo dos espellos.

Compartir el artículo

stats