Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Domingo Villar Escritor

“Ambientar a acción en Vigo foi unha terapia contra a morriña”

"Dixéronme que esta era unha novela negra en cores, e coido que é unha definición bastante axeitada"

Domingo Villar. María Villar

Ollos de auga (Editorial Galaxia) vén ser a primeira novela de Domingo Villar, guionista de televisión e cinema e crítico gastronómico. Un texto na procura da renovación do “xénero negro” desde o humor e mais a crítica social.

Por que elixiu a novela policial para estrearse no eido literario? 

O policial é un xénero como calquera outro. Hai unha cousa que dicía Borges e que ten bastante graza: que o problema da novela negra é que non ten o prestixio do aborrecemento. Entón, parece que o que é agradable de ler non ten mérito, e eu penso que non é así. A novela policial pode aportar todo o que aporta calquera xénero. A calidade literaria pode tela ou non, pero o mesmo lle pasa a unha novela de corte intimista ou a un poemario. A novela negra, polo feito de ser tal, non é algo que fagan uns individuos estraños que, como non chegan á “gran literatura”, van e escriben isto. Pero non se trata de algo que descrubrise eu. Luis Cernuda, Jorge Luis Borges, Dashiell Hammett, Edgar Allan Poe, Chesterton… hai exemplos fantásticos de xente que escribiu literatura negra. Claro, eu non me poño á súa altura, pero son mostras suficientes como para non consideralo un xénero menor. De todos os xeitos, a miña non é xustamente unha novela negra. Alguén que a leu díxome que era unha novela negra... “en cores”, e creo que é unha definición bastante axeitada, xa que hai unha intriga, pero é máis ou menos festiva, penso.

Cales son os seus referentes, os seus autores preferidos, dentro do xénero?

 Dos actuais, gústanme moito, por exemplo, Andrea Camilleri, James Elroy ou Vázquez Montalbán, aínda que o pobre xa non vai escribir máis. E tamén me gustan os clásicos: Dashiell Hammett, Chesterton, algunhas cousas de Borges que poden ser consideradas como novelas policiais… Pero tamén leo outras cousas que non o son, claro. Gústame moito Cunqueiro, por exemplo.

Falaba de Camilleri e, de feito, na presentación de Ollos de auga comparóuselle con el ou tamén con Henning Mankell, dous autores “que renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade”…

 É que a novela negra che permite estar un pouco agochado detrás de diver- sas personaxes e, dende elas, tratar, non de arranxar, porque non vas arranxar nada, pero si de, polo menos, levantar a voz contra aquilo que non che gusta. Iso penso que é lexítimo, e calquera que se ve envolto nun proceso creativo fai tal, aínda que sexa dun xeito inconsciente. O propósito fundamental, dende logo, non é a crítica social, mais que está presente... diso non me cabe dúbida. Pero tanto no meu traballo como no dun poeta.

Cal é a influencia do labor como guionista na súa escrita?

Penso que pode influír, por riba de todo, na elaboración dos diálogos e ta- mén, probablemente, nas elipses temporais, xa que un minuto de televisión é moi caro e tendes a falar do que é verdadeiramente importante e a ir máis “ao grao.” Aínda que a literatura esixe doutro modo de elaboración, de monólogos interiores, de descripcións máis detalladas -porque, por suposto, non contas coa axuda da imaxe, coido que esa axilidade, sobre todo nos diálogos, é a in-fluencia máis importante do audiovisual na miña escrita. Pero son cousas diferentes, e tampouco creo que sexa tanta

Vigo é unha protagonista máis dentro da novela. Por que decidiu ambientala precisamente nesta cidade?

Eu son de Vigo, é onde pasei a miña nenez e a miña mocidade, aínda que agora viva en Madrid. E escribir dela permíteme estar de volta, mergullarme no seu ambiente, estar presente nas tabernas, nas rúas, nos cheiros.. tan dife- rentes da cidade na que habito. Por iso a elixín, porque era un xeito de estar na casa sen estar realmente, unha especie de terapia contra a morriña.

O inspector Caldas segue o ronsel de moitos protagonistas de novela policial: un tipo calado, solitario, que se guía polas s intuicións. Por que caracterizou ao heroe desta maneira?

 Consideralo un heroe é un pouco excesivo. Creo que non é tal, senón un tipo corrente, a quen lle gusta o viño, a súa taberna, a súa cidade, e que non está de acordo con algunhas cousas. Unhas son alleas a el, como os crimes e as inxustizas nas que poida estar inmiscuido, e outras si que son inherentes ao seu devir como, por exemplo, a responsabilidade da paternidade ou a perda dos seres queridos... todas esas cousas que, antes ou despois, nos acaban sucedendo a todos.

Ao inspector Caldas gústalle o viño e vostede introduce así unha temática da que coñece bastante, como crítico gastronómico que é...

Tampouco creo que “crítico gastronómico” sexa o máis axeitado. Eu son afeccionado á gastronomía e ao viño. Tal semella que, fóra de aos touros, todas as demais afeccións viñesen ser de “segunda división.” Eu si que dedico parte do meu esforzo e do meu tempo á cociña; ademais, a miña familia está vinculada ao mundo do viño, polo que é algo que coñezo ben.

 Na novela hai lugar para o humor, sobre todo grazas á personaxe do axenté Estévez, un zaragozano que non entende a ambigüidade nin a retranca do carácter galego…

 É que nós temos unha especie de defensa, de omertà un tanto imposta xeneticamente, que é esa ambigüidade, unha especie de lei do silencio que, claro, se es policía e te ves envolto niso, a pouco impetuoso que sexas, perdes os nervios. E iso é o que lle pasa a el.

 Unha curiosidade: por que titula os capítulos cunha palabra e as súas correspondentes definicións?

 Cada palabra, ou a meirande parte delas, ten un significado amplo e outro estreito. E o estreito está presente no texto, así que é unha especie de xogo co lector, para que busque a palabra agochada no capítulo. E logo, unha vez que tes lida a novela, o significado amplo ten certo sentido tamén.

 Ollos de auga publícase simultaneamente en Galaxia e Siruela. Como se sinte por ter conseguido isto?

Pois tremendamente orgulloso de que dúas editoriais senlleiras, unha en Galicia e outra en España, estiveran interesadas pola novela, que quixeran publicar ao tempo e confiaran tanto nun individuo que nunca dera nada ao prelo ata o momento. Hai tamén interese por publicar noutras linguas, entre elas o italiano.

Que proxectos futuros literarios ten?

 Estou traballando noutra peripecia do inspector Caldas, que tamén terá como universo esta Galicia da que estou eu tan lonxe.

Compartir el artículo

stats