Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alarma nuclear

A rapaza xaponesa Sadako Sasaki. Á dereita, escultura na súa honra en Seattle. Faro

En setembro de 2013 tivo lugar unha Asemblea para sensibilizar sobre a ameaza que as armas nucleares representan para a humanidade e concienciar sobre a necesidade do desarme. Para tal fin, instaurouse o 26 de setembro o Día Internacional para a Eliminación Total das Armas nucleares. No ano 1946 A ONU estableceu coma un dos obxectivos principais das Nacións Unidas o desarme nuclear. Desde entón, déronse unha serie de acontecementos que foron nesta dirección: no ano 1963 asínase un Tratado que prohibe as probas de armas nucleares na atmosfera, no espazo ultraterrestre e submarino; no 1967 os gobernos latinoamericanos negocian un Tratado para prohibir armas destas características en América Latina e o Caribe; no 1985 o Pacífico Sur convértese na segunda zona libre de armas nucleares; no 1991 Sudáfrica renuncia voluntariamente ao seu programa de armas nucleares; no 1992 Bielorrusia, Kazajstán e Ucrania renuncian voluntariamente ás armas nucleares no seu poder tras a disolución da Unión Soviética... Porén, na actualidade a ONU informa de que existen no mundo arredor de 13.080 armas nucleares. Xunto ao de EEUU, Rusia posúe o maior arsenal nuclear do mundo. Hai tan só unhas semanas, despois do encontro entre Vladimir Putin e Emmanuel Macron, o presidente ruso advertiu do seu potente arsenal nuclear: “se estoupa unha guerra non haberá vencedores. Non lles dará tempo nin a pestanexar”. Neste escenario, Ucrania amenceu hai uns días invadida por Rusia. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou unha resolución condenando a agresión rusa no momento en que as tropas de Putin intensificaron os bombardeos.

O 6 de agosto de 1945 o escuadrón aéreo Enola Gay, que voaba baixo as ordes do comandante Paul W. Tibbets, lanzou a bomba atómica (coñecida en petit comité coma Little Boy), sobre Hiroshima. Corenta e cinco segundos despois produciuse o estoupido. Bob Caron, artilleiro da metralladora de cola do Enola Gay, cando viu o resplandor e o fungo xigante que quedou para sempre na memoria colectiva, dixo en voz alta: “Meu Deus, que é o que acabamos de facer?” O que acababan de facer repetiuse o 9 de agosto en Nagasaki. Arrasaron dúas cidades. As bombas atómicas deixaron máis de douscentos mil mortos. Moitas persoas perderon a vida no momento do impacto, outras anos despois, a causa da radiación.

A rapaza xaponesa Sadako Sasaki.

A rapaza xaponesa Sadako Sasaki.

Hai unha palabra coa que se define en Xapón os superviventes ás bombas atómicas: Hibakhusha. A hibakusha máis coñecida talvez sexa Sadako Sasaki. Tiña doce anos cando estoupou a primeira bomba atómica. Tempo despois foille detectada unha leucemia que desenvolveu como consecuencia da radiación. Durante o seu ingreso nun hospital de Xapón visitouna unha amiga que lle falou da crenza popular de que aquela persoa que conseguise reunir mil grúas de papel podía pedir un desexo que lle sería concedido. No tempo en que estivo internada, Sadako fixo centos e centos de origami coa esperanza de que os deuses cumprisen o seu desexo: curarse. Sadako faleceu en outubro de 1955 e foi enterrada xunto con mil aves de papel. No Parque da Paz, en Hiroshima, hai un monumento na súa honra cun lema que di: “Este é o noso berro, esta é a nosa pregaria: paz no mundo”.

Compartir el artículo

stats