Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Falando de bibliotecas

A biblioteca “Xosé Neiras Vilas” de Vigo. fdv

Quero abrir a fiestra e non son quen. Semella que está atoada. Ao mellor quere inconscientemente que non reciba eses aires de fascismo que sopran no aire, por desgraza, moi vivos. Decido non abrila e darlle as costas. Soa na sala Jethro Tull, coa frauta engaiolante do xenial Ian Anderson. Levo días gozando dos seus discos. Daquela, ollo os andeis dunha parte da miña biblioteca. E repito en voz alta: Biblioteca, biblioteca. Que palabra tan evocadora! Ao longo dos anos a biblioteca e o seu concepto foron medrando cunha forza ben grande na miña visión do mundo que me rodea. Gocei, día a día, facendo “a miña biblioteca”.

No colexio, aló polos anos setenta, sentín a necesidade de que houbese unha biblioteca que lle dese sentido ao meu labor. Non había nada e tiña que solucionalo. Tras darlle moitas voltas, púxenme mans á obra e comecei a pedir libros -como un esmoleiro- a amigos libreiros, a resignados comerciais e, con moito esforzo, a mercar algúns títulos co obxectivo de pór en marcha un proxecto sólido, aínda que de futuro incerto. Primeiro, nunha aula baleira, colocabamos os libros sobre mesas que sobraban. Máis adiante foise conseguindo que houbese un moble cuns andeis e sentímonos felices. Quen? Pois un grupo de alumnos e alumnas e mais eu. Só nós. Así foi medrando a biblioteca do centro, levada integramente por un alumnado voluntario baixo a miña supervisión. Cada libro que acadabamos era un motivo de festa. Da man da biblioteca de centro, naceu a biblioteca de aula. Aquilo foi un milagre. Libros ao alcance de todos. Co tempo, recollín esta experiencia nun libro da colección Andel editado en 1989 pola Xunta de Galicia e titulado O libro na escola: bibliotecas escolares e de aula, que se converteu nunha pequena guía para moitos docentes. Pero o proxecto chegou máis aló: sen agardalo, fun convidado pola Facultade de Biblioteconomía de Granada para que o expuxese nesa institución académica. Un proxecto bibliotecario levado exclusivamente por rapaces e rapazas. Algo moi orixinal que foi moi valorado na exposición. A biblioteca seguiu -e segue- medrando, grazas ao esforzo dalgunha persoa.

Direi tamén de pasada, que nun dos momentos máis noxentos e surrealistas da miña vida, o servizo militar, puiden alomenos paliar esa insensatez coa miña achega á creación da biblioteca no cuartel. Si, un grupo de soldados, baixo a dirección dun capitán (unha illa naquel sen sentido) comezamos a fichar, catalogar, elixir, expurgar libros coa finalidade de crear, naquel mundo tan triste coma irracional, un punto de cultura. Alí fun bibliotecario e aproveitei para ler libros que alí atopei e outros que mercaba en Zaragoza, cando saía de permiso. A biblioteca, naquela situación, permitiume ser máis libre nuns intres nos que estaba afogado.

Porque non o podemos esquecer: a biblioteca é un espazo de liberdade, de saída a universos descoñecidos que nos van permitir integrarnos na parte máis rica dun mundo que se rompe en anacos demasiadas veces. Porque unha biblioteca é o lugar da memoria, onde podemos acceder ao pensamento de tantos autores e autoras que foron deixando o seu pouso literario, científico, filosófico, artístico, pedagóxico… para que os demais puidésemos beber desa auga “de manantial sereno”, que dicía Machado, e así acalmar a nosa sede de coñecemento, de desfrute e de formación persoal. Nas bibliotecas atópase todo un mundo de sentimentos. E non debemos esquecer a pegada de seres que teñen o don de gardar, coma un tesouro, a memoria viva do que sentiron. Eses son os poetas, entre outros, e o seu espírito latexa entre os andeis para que o poidamos descubrir. Non é pouco, dende logo.

Ao longo da miña vida visitei moitísimas bibliotecas públicas. Axiña comprendín que o labor desempeñado por bibliotecarias (e bibliotecarios) era -e segue a ser-exemplar. Sentinme moi identificado co esforzo desas persoas que aman fondamente os libros e tamén os usuarios e usuarias das bibliotecas. Logo me decatei de que non sempre o seu traballo era valorado dabondo e souben das circunstancias adversas nas que con certa frecuencia estaban a traballar. Loitando contra todo, en especial pola falta de recursos, non se desanimaban porque crían profundamente no labor que realizaban. Notei moito agarimo e responsabilidade arredor dos libros. Moita vida lle daban a ese espazo máxico e, ademais, valorei a función social que estaban a desenvolver. Un labor impagable, insisto, non sempre recoñecido.

Coma homenaxe a todas e todos eles sirvan as palabras que me dixo feliz unha bibliotecaria exemplar e loitadora a prol das bibliotecas, Ánxeles Roca, hoxe xubilada, cando vía que fillos e fillas de antigos usuarios, que tiñan a biblioteca como segunda casa, entraban tamén nela co paso do tempo. “Comprobas entón que aquel contaxio polo libro e a lectura que trataches transmitir permanece no tempo”.

Sabias e emocionadas as palabras da miña amiga. Ese é o milagre.

Ese é obxectivo: contaxio, paixón e agarimo.

Compartir el artículo

stats