Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pasaron sen chamar

Pasaron sen chamar

Contou Vigo con grandes visitantes de sona internacional que, precedidos pola súa fama, puxeron patas arriba a vida social da cidade cando, polas circunstancias que fose, tiveron a ben aparecer polos nosos peiraos, rúas e prazas. Tal foi o caso de Gardel, Marconi ou, sen ir máis lonxe, o mesmo Jules Verne. Pero o que esta fin de semana ten alborotados a todos os vernianos do lugar non é ningunha desas visitas, senón a conmemoración doutra non menos fantástica, tanto en sentido literal como, sobre todo, literario: os 150 anos da chegada do Nautilus. E, sinceramente, esas son as curiosidades que máis me pracen. Porque, do mesmo xeito que aconteceu co capitán Nemo, que aquel 18 de febreiro de 1868 entrou na ría sen chamar a atención de ninguén, Vigo contou coa visita doutros personaxes igualmente ilustres que, malia todo, pasaron ao noso carón sen que ningún veciño reparase neles.

Así, en 1921 calquera podería dar con Ernest Hemingway paseando polo porto da cidade, impresionado tanto pola rudeza dos mariñeiros vigueses como polo tamaño das súas capturas (alguén está pensando en O vello e o mar?). O autor de París era unha festa tampouco debeu de aburrirse en Vigo, xa que, tal como deixou apuntado, non daba comprendido como podía ser tan barato aquel viño do país que tanto lle prestaba. "Vigo -escribiría-, este si que é un sitio para un macho!"

Máis lixeiro de testosterona, pero non por elo menos interesante, é estoutro comentario que un dos pasaxeiros do Cap Polonio, un luxoso transatlántico que o 9 de marzo de 1925 se atopaba en Vigo facendo escala entre Hamburgo e Bos Aires, anotaría no seu diario logo de contemplar o solpor tras as illas Cíes: "Riqueza de cores e posta de sol en Vigo, incomparable". Malia non faltarlle razón, igual o que fai máis interesante a descrición é o feito de que o seu autor fose Albert Einstein.

Capítulo á parte merecería a miña visitante favorita: en 1916, Mata Hari non só foi unha das hóspedes habituais do hotel Continental, senón que, entre paseo e paseo polos actuais xardíns de Montero Ríos, mesmo chegou a negociar a liberación de cen mil soldados rusos, cobrándoos, iso si, a dez francos por cabeza.

Como vemos, a nosa historia tamén está tecida de visitas. Á fin e ao cabo, xa o capitán Nemo llo advertiu ao profesor Aronnax, hai agora século e medio: estamos en Vigo, e só de vostede depende que poidamos coñecer os seus segredos.

Compartir el artículo

stats