Dende 10 euros por unha planta ou un doce ata máis de 500 por un acio de uvas. Este ano os porriñeses, e os centos de devotos, fieis e veciños da contorna, quedaron sen a tradicional poxa de San Bieito na cal a expectación está sempre posta na "loita" por ver como se desenvolve e quen se queda finalmente coas uvas do santo, adxudicada sempre dende fai moitos anos á mesma familia, a cuxa oferta ninguén sube.

A crise sanitaria xerada polo Covid-19 tinguiu unha das festas grandes da vila do Louro que non puideron celebrarse como sempre se fixo. Con todo, dende o Concello argallaron unha serie de eventos e presentaron un programa "cun formato máis reducido e axeitado aos protocolos sanitarios obrigados polo coronavirus, no que atinxe ao tipo de espectáculos que se poden ofrecer e ao aforo restrinxido".

Así as actividades celebráronse ao longo da fin de semana pasada e o luns 13, festividade local. Actuaron a arpista Marta Quintana, o grupo Xardín desordenado e o dúo Lagoa Folk, proxectouse o filme "O que arde" e como novidade este ano organizouse unha visita guiada ao cultivo de vimbieiras de Julia de la Cal, quen logo protagonizou un relatorio sobre a cestería: tramas de vimbios, achega á cestería, conversa, visionado de documental e produción final do conxunto escultórico.

O broche de ouro ás Festas de San Bieito puxéronos os fogos de artificio que iluminaron de cor durante uns minutos o ceo escuro e despexado do Val da Louriña.

Programación de verán

A axenda cultural de verán continúa hoxe mesmo no Porriño. Así, ás 21.00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, o dúo DeLIS, formado por Irma Bau e Irina Veselova, ofrecerá un concerto con capacidade limitada a cen cadeiras.

E para o vindeiro sábado 25 de xullo está programado o I Encontro de Músicas Ibéricas "Unha volta polo medio" do Grupo Tradicional Os Penediños de Atios. Será a partir das 22.00 horas, no centro cultural Os Penediños de Atios.