O Porriño prepárase para os días grandes das súas Festas do Cristo: “Si, somos festeiros e estamos orgullosos de selo!”
Máis dun mes e 100 actividades de programa refórzanse estes días para honrar ao patrón da vila
A casa consistorial celebrará este sábado o seu centenario co pregón a cargo de Juaniña, veciña da vila que tamén cumpre un século de vida
Concertos como os de Fillas de Cassandra e Milladoiro e orquestras do talle de Combo Dominicano, Galilea ou Panorama serán os encargados de pór ritmo ás festas
Non faltarán os monólogos de Arantxa Treus e Darío Mares, nin tampouco as actividades infantís, con Pancho Álvarez, Circo Chosco ou Pakolas
Presentación do programa das Festas do Cristo 2024. / Concello de O Porriño
O concello de O Porriño prepárase un ano máis para dar a benvida aos días grandes das Festas do Cristo 2024, unha das citas máis agardadas por veciños e visitantes da vila que xa está a inundar as súas rúas de concertos, monólogos, verbena, actividades infantís e moito, moito máis.
En total, un mes e máis de cen actividades de programa que estes días se reforzan coa chegada das xornadas grandes do Cristo. O Obxectivo? Honrar como merece ao patrón da vila, o Santísimo Cristo da Agonía, e celebrar a “identidade, raíces, e riqueza da nosa cultura e esa historia que nos trouxo ata aquí”, en palabras de Alejandro Lorenzo, alcalde da vila, que engade: “Cada ano, ao chegar este momento, síntome enormemente agradecido de poder compartir con todos vós esa alegría e ese espírito festivo que nos caracteriza. Porque si, somos festeiros e estamos orgullosos de selo!”.
“Cada ano, ao chegar este momento, síntome enormemente agradecido de poder compartir con todos vós esa alegría e ese espírito festivo que nos caracteriza. Porque si, somos festeiros e estamos orgullosos de selo!”
Desde música e deporte ata actos culturais e numerosas actividades infantís, falamos de máis de 100 propostas para todos os públicos, entre os que se atopan concertos estrelas como os de Fillas de Cassandra e o grupo folk Milladoiro, dous dos pratos fortes deste ano; e, por suposto, orquestras do talle de Combo Dominicano, Galilea ou Panorama, que porán ritmo á verbena.
Á música, súmanse espectáculos de baile, batalla e flashmob, e os monólogos a cargo de Arantxa Treus e Darío Mares, sen esquecer clásicos como o concurso Tes Talento, o festival Louro Valley, A Nocturna e, por suposto, a Festa dos Callos, que celebrará a súa XXXI edición pechando a axenda o vindeiro domingo como inmellorable broche de ouro ás festas.
Pola súa banda, a cativada e as familias poderán gozar dunha longa lista de actividades, que inclúen inchables, festa da escuma, circo, espectáculos de contacontos e maxia, concertos e un obradoiro musical impartido polo músico porriñés Pancho Álvarez. A compañía Circo Chosco ou Pakolas son algúns dos artistas que entreterán e sacarán o mellor sorriso aos máis pequenos da casa.
Un pregón centenario
Unha edición moi especial a de este 2024, na que o Concello conmemora os 100 anos da inauguración da Casa do Consistorial, adicando o seu pregón ás catro veciñas da vila que este ano tamén cumpren un século de vila: Bienvenida, Fermina, Elvira e Juana da Cruz, máis coñecida como “Juaniña”, e quen será a encargada da lectura.
Finalmente, na programación relixiosa salienta a misa solemne e a procesión do Santísimo Cristo da Agonía, este domingo 22 de setembro, nas que participarán a Coral Polifónica da Escola Municipal de Música, a Banda de Guerra da Brilat, a Escuadra de Gastadores, a Banda de Gaitas Os Coribantes e María Vidal.
As festas, xornada a xornada
Se este mesmo mércores, os máis cativos da casa poderán gozar do obradoiro musical de Pancho Álvarez; o xoves, a axenda musical e verbeneira quentará motores coa orquestra Combo Dominicano a partir das 20.00 h en Antonio Palacios. Unha xornada na que tamén está previsto o monólogo “Sexo débil, O Carallo!”, de Arantxa Treus, que se desenvolverá ás 20:00h na praza do Cristo.
O venres, chegará un dos grandes pratos fortes deste 2024 coa actuación de Fillas de Cassandra en Domingo Bueno ás 22.30 horas e, a continuación, verbena na praza central, que correrá a cargo da orquestra Galilea e Carlos Crespo e Kris K DJ.
O sábado, as festas serán inauguradas oficialmente coa lectura do pregón a cargo de Juaniña ás 12.00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, que virá seguido da actuación de Los Támega.
Ás 21.00 horas haberá concerto de Milladoiro en Domingo Bueno e, a continuación, verbena na praza Arquitecto Antonio Palacios con La Banda de Ayer.
A maiores, os máis pequenos da casa teñen unha cita co Circo Txosko ás 18.00 horas no Barrio de San Bieito.
Entre os actos destacados para o Domingo 22, non podían faltar á tradicional misa solemne coa Coral Polifónica da Escola Municipal de Música do Porriño, que terá lugar ás 12.00 horas e estará seguida da procesión do Santísimo Cristo da Agonía co acompañamento da Banda de Guerra da Brilat, Escuadra de Gastadores, Banda de Gaitas Os Coribantes e María Vidal.
Xa á noitiña, retornará a verbena coas orquestras Gran Parada e Kubo.
O luns, día no que terá lugar a misa solemne de campaña con Coro Parroquial ás 12.00 horas, Porriño recibirá ademais á orquestra Panorama en Domingo Bueno, e está previsto ademais o espectáculo infantil Pakolas, que terá lugar ás 19:00 h.
A presentación da XXXI Festa dos Callos na praza Arquitecto Antonio Palacios o martes ás 19.30 horas, deixará paso xa o mércores ao torneo de baloncesto. Están previstos, ademais, o monólogo de Darío Mares “Haberá que rirse” e o concerto de Rául Ben.
O xoves 26, está previsto o concerto de Rubén Simeó na praza Arquitecto Antonio Palacios; e, o venres 27, a Banda Ateneo Musical de Bembrive actuará na Praza do Cristo.
A axenda volverá intensificarse o sábado 28, coa Batalla de Baile, que terá lugar ás 11.00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios; e a sesión vermú con Argonat Band na praza do Cristo pola mañá.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas, o Auditorio exterior do Centro Cultural acollerá a Batalla de Galos; e ás 22.00 horas voltará a verbena a Domingo Bueno coa orquestra Royal Espectáculo e sesión DJ para finalizar.
Finalmente, o Domingo 29, as Festas do Cristo despediranse ata o ano que vén coa agardada celebración da XXXI Festa dos Callos por locais hosteleiros e o concerto da Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. Terá lugar tamén a final do concurso “Novos talentos musicais val da Louriña 2024. Tes Talento?” e a actuación do grupo América de Vigo a partir das 21.00 horas. Un broche de ouro xenial e moi gastronómico para as Festas do Cristo na vila do Louro.
Unhas festas do Cristo sen barreiras
O Concello do Porriño reforza a súa aposta pola inclusión cunhas Festas do Cristo sen barreiras e para todos e todas. Deste xeito e retomando a iniciativa do ano pasado, deseñáronse espazos e servizos que buscan garantir a participación de todas as persoas, independentemente da súa condición.
O `espazo´ sen ruído no recinto de atraccións, que o ano pasado se puxo en marcha un día, amplíase a todos os días das festas de 17:30 a 19:30.
Ademais, outra gran novidade é a inclusión dunha intérprete en lingua de signos que acompañará á pregoeira, Juana da Cruz “Juaniña” durante a lectura do pregón.
Así mesmo, habilitarase un espazo reservado en todos os eventos e concertos para persoas con diversidade funcional, garantindo que todos teñan a oportunidade de gozar da música e as actividades programadas.
Finalmente, desde a Concellería de Festexos mantén como nas dúas pasadas edicións, a súa determinación de que sexan unhas festas sen pirotecnia, para evitar tanto o estrés que supón aos animais como ás persoas con condicións de saúde que precisen dun ambiente tranquilo e libre de ruídos fortes.