fitur 2023

Poio, atractivo natural para FITUR

A vila estará presente no stand da Red de Pueblos Mágicos de España, do que Combarro forma parte

As secuoias americanas conforman o singular Bosque de Colón.

As secuoias americanas conforman o singular Bosque de Colón. / Cedida

Poio volve disfrutar da visibilidade como destino turístico na Feira Internacional de Turismo FITUR, celebrada en Madrid esta fin de semana (os días 18 a 22 de xaneiro), estando presente no stand da rede Pueblos Mágicos de España, e participa tamén nas campañas da Deputación de Pontevedra (Turismo Rías Baixas) e a Mancomunidade de O Salnés.

Ao igual que na edición de 2022, Poio participará, xunto a outras nove localidades galegas, nesta rede impulsada polo Instituto del Desarrollo Local y Estudios Sociables (IDL), co obxectivo de promover iniciativas para fomentar a actividade turística. Dentro deste programa, a liña de traballo da Concellería de Turismo busca poñer en valor os espazos naturais de Poio.

Entre eles atopamos espazos como a Illa de Tambo, que agocha un rico patrimonio histórico, cultural e ambiental, sendo a súa vez un interesante enclave natural para a observación de aves marinas (corvos mariños, garzas reais...).

Este ano, tal e como explican dende a Concellería de Turismo, a Illa será unha das protagonistas dentro do material promocional que Poio ofrecerá en FITUR, xunto a Casa Museo de Colón e o singular espazo do Bosque de Colón.

A illa de Tambo.

A illa de Tambo. / Cedida

O patrimonio natural, protagonista

“Estamos a falar de dous grandes atractivos non só desde o punto de vista turístico, senón tamén histórico, patrimonial e cultural e que, ademais, poden axudar a atraer a visitantes fóra da tempada do verán”, incide a tenente de Alcalde Silvia Díaz, que salienta a gran expectación que causaron as visitas guiadas á illa de Tambo, operativas desde agosto do ano pasado e nas que tomaron xa parte máis de 5.000 persoas, ben a través de inscricións individuais ou tomando parte en excursións organizadas por asociacións e colectivos.

Ademais, nos folletos informativos sobre a illa ofrécense datos de interese sobre a súa extensión, vexetación, fauna e restos arqueolóxicos, como a Ermida de San Miguel, o lazareto ou as instalacións militares.

Casa Museo Colón

Casa Museo Colón / Cedida

Con respecto á Casa Museo de Colón, Díaz salienta que as instalacións de Portosanto son “o escaparate e o centro de difusión da teoría da orixe galega do navegante”, algo que agora máis que nunca búscase poñer en valor, logo dos traballos de investigación e exhumación de restos que se levaron a cabo nos últimos meses no adro da igrexa de San Salvador para tratar de determinar a orixe do descubridor do continente americano.

Monte Castrove, agrupa un dos maiores bosques de secuoias vermellas californianas de toda Europa.

Entre os meses de abril e outubro desenvolvéronse numerosas actividades e iniciativas, pensadas para persoas de diferentes idades, que contaron con numerosa participación, ao tempo que se incrementaron de xeito notable as visitas á Casa Museo e ao Bosque de Colón.

Este bosque, situado nunha ladeira do Monte Castrove, agrupa unha das maiores extensións de secuoias vermellas californianas de toda Europa.

As rutas por todos estes enclaves naturais de Poio son outra das claves do seu plan como destino turístico, onde podes desfrutar de paseos entre muíños, regatos e fervenzas nas Rutas dos Muíños de Freixa e Samieira e as Fervenzas do Pereiro, e contemplar as espectaculares vistas desde o miradoiros (Campanario, Samiera, Raxó, Loureiro...).

A vistas dende o Monte Castrove.

A vistas dende o Monte Castrove. / Cedida

Participación en campañas promocionais

Por outra banda, a concelleira de Turismo participará no acto de presentación da campaña de promoción do destino Rías Baixas, promovida pola Deputación de Pontevedra.

Ademais, Silvia Díaz tamén asistirá ao acto no que se divulgará a campaña ‘Camiña comigo’ da Mancomunidade do Salnés, na que se promociona a Variante Espiritual do Camiño Portugués, da que forma parte Poio e que transcorre ao longo de emprazamentos emblemáticos como o Mosteiro de San Xoán, a ensenada da Reiboa e o Parque da Memoria ou o casco histórico de Combarro. 

A concelleira de Turismo incide na importancia de contar con protagonismo e visibilidade nunha cita como Fitur.