Fotos con historia para o Entroido de Poio
A Concellería de Cultura impulsa unha programación adaptada a situación actual, que se centrará na historia e no comercio local
A presentación do cartel durante o anuncio do Entroido en Poio, que garda moitas sorpresas / Concello de Poio
A Concellería de Cultura, en colaboración coa Asociación Empresarial EnPoio e a Asociación Cultural Ronsel, aposta por ofrecer un Entroido distinto, adaptado á situación sanitaria pero mantendo o seu caracter de festa e animación.
Trátase dunha proposta alternativa que sae adiante logo de dous anos consecutivos de eventos cancelados, coma os tradicionais enterros e desfiles, debido á situación sanitaria. “Confiamos en que o vindeiro ano a situación volva á normalidade e nos permita volver gozar dunha festa tan arraigada no noso concello como realmente merece”, conclúe Raquel Rodríguez.
Para a edil, que dirixe a área de cultura do Concello de Poio, o Entroido supón unha das celebracións máis emblemáticas e tradicionais do municipio, e por iso búscase que a edición de 2022 "misture tradición e novas tecnoloxías, de cara animar á cidadanía a disfrazarse e a disfrutar de forma segura".
O cartel de actividades do Entroido 2022 de Poio / Concello de Poio
Festexos locais e virtuais
A historia será unha das grandes protagonistas na iniciativa deste ano. O Concello habilitará en diferentes locais, establecementos comerciais e de hostalería, unha mostra de fotos antigas composta por paneis e pósters nos que se rememorarán edicións pasadas do Entroido, remontándose ata os anos 80. O arquivo municipal cederá preto de 300 fotografías que permanecerán expostas ata o 14 de marzo.
Non poden faltar os concursos de disfraces, aínda que sexan de xeito virtual. Por iso, na fin de semana dos días 26 e 27 a Asociación EnPoio impulsará un certame onde os tres mellores poderán conseguir premios en metálico para gastar en comercios asociados á iniciativa. Pola súa banda, entre os días 7 e 12 de marzo, a veciñanza de Poio poderá participar no concurso de Viúv@s e Choqueir@s da Asociación Ronsel, con tres premios tamén para os mellores disfraces en distintas categorías: infantil, individual e familiar.
Os disfraces poden convertirse en movementos importantes, coma o reciclaxe / Concello de Poio
Nun Entroido de festexos restrinxidos ao ámbito e formato dixital, a principal novidade é a celebración de 'Seica na Seca... Hai Entroido!' que este ano consistirá nunha xornada de obradoiros e animación musical a cargo de Javi Solla. Terá lugar o domingo 27 de febreiro, en horario de tarde, e especialmente enfocado para toda a familia. No caso de mal tempo, a concelleira de Cultura comunicou a intención de habilitar unha carpa, atendendo ás medidas de aforo e seguridade marcadas polas autoridades sanitarias no momento actual.
Porque en Poio, o Entroido continúa para toda a familia.