O sector artesán ten un capítulo importante na historia de Galicia. É un arte fundamental que tivo unha incidencia moi positiva na economía da nosa terra durante moitos séculos.

A Asociación Galega de Artesáns adícase, sobre todo, a promocionar a artesanía en Galicia e levan dende 1983 funcionando de xeito activo e cunha oficina aberta na Coruña. Na actualidade agrupa arredor de 300 artesáns de diversos oficios en toda Galicia, integrados en obradoiros dunha ou dúas persoas, aínda que nalgúns traballan entre tres e 10 persoas.

O seu obxectivo é a defensa e promoción das actividades artesanais en todas as súas vertentes, pero moi en especial nos aspectos de carácter profesional. A asociación procura mellorar as condicións do exercicio dos oficios artesanais e colabora, ademais, no seu progreso.

O seu funcionamento foi esencial para promover a Lei de Artesanía de Galicia en 1992, que creou o marco de regulamento da artesanía, alicerce do Centro Galego da Artesanía e do Deseño que, baixo titularidade pública, xestiona as actividades, as axudas e os intereses do sector.

Todo isto tradúcese en accións concretas: organizan feiras, proporcionan información a potenciais clientes, promoven encontros profesionais, propoñen accións de desenvolvemento ás distintas administracións, e asesoran aos socios sobre todo tipo de xestións.

Artesanía na era dixital

Na actualidade, este sector ten que facer frente aos obstáculos que trae consigo a era dixital. Malia que a relación histórica da artesanía e as novas tecnoloxías foi antagónica, os negocios que souberon e conseguiron afrontala manteñen agora unha convivencia sa, ou polo menos así o explica Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns, que pon como exemplo a sinatura dixital das gaitas Seivane. Esta famosa casa utiliza os avances tecnolóxicos para deixar a rúbrica nas súas pezas: unha maneira de adaptar a artesanía á modernidade sen perder a esencia propia do oficio de lutier.

Outro exemplo de convivencia puidera ser o deseño de maquetas, planos ou calquera outro traballo de precisión previo aos procesos puramente artesáns e que non fixeron máis que mellorar e perfeccionar as obras.

No seu día tamén se creou unha ferramenta web Obradoiros Abertos. Unha novidade que permitía acceder de forma inmediata a información sobre artesanía en calquera zona de Galicia. Esta ferramenta non só localizaba obradoiros, tendas e puntos de interese nun radio de 300 kilómetros, tamén indentificaba a posición no mapa e trazaba unha ruta ata o destino.