Entrevista | Felipe-Senén López Gómez Historiador da cultura galega

“O monumento que fai Asorey a Loriga é unha das obras máis representativas do século XX”

“Ao final da súa vida o último monumento e dos poucos ao que asiste a súa inauguración e o adicado ao astrónomo Aller Ulloa”

Felipe-Senén López ofreceu onte no Museo de Lalín unha conferencia sobre Asorey.

Felipe-Senén López ofreceu onte no Museo de Lalín unha conferencia sobre Asorey. / Bernabé/Javier Lalín

As Xornadas Conmemorativas do Seminario de Estudos de Deza (SED) dedicadas a persoeiros ilustres continuaron onte cunha sesión centrada na figura do escultor cambadés Francisco Asorey González. O historiador da cultura galega Felipe-Senén López Gómez (O Carballiño, 1948) foi o encargado de dirixir o evento no Museo de Lalín.

–Atendendo á trascendencia artística, onde colocaría as dúas obras que Asorey ten en Lalín?

–En dous momentos moi importantes. Un é na época de eclosión do propio artista cando ten taller en Santa Clara, en Santiago, nos momentos nos que recibe premios a nivel estatal como son os anos 30. Nesa época fai o grandioso monumento ao aviador Loriga, que tivo un accidente tráxico un 18 de xullo do ano 1927. A partir de aí, Lalín sabe moi ben a quén solicitar ese monumento e nin máis nin menos que a un artista tan recoñecido como é Asorey. Pero logo mesmo, ao final da súa vida o último monumento e dos poucos ao que asiste a súa inauguración é o adicado ao astrónomo Aller Ulloa do ano 1959. No ano 61, con 72 anos, morre Asorey precisamente víctima da silicose, de tragar tanto polvo e tanto traballo e de tanta escultura. Asorey era unha persoa moi do seu traballo e moi introvertida, e ao único lugar ao que vai é a Lalín. O monumento ao astrónomo Aller Ulloa, aparte do simbolismo vencellado á xeometría e ao cosmos, é como un menhir onde se expresan todas as tendencias do escultor: o amor polas pedras e esa idea que vai da terra ao ceo, esa idea de caos cosmos camiño por medio que ademais está no monumento ao aviador Joaquín Loriga, que é o avión encapotado pero ao mesmo tempo é un cruceiro polo sentido ascensional. Lalín soubo entendelo porque é unha cidade de encrucillada onde se xuntan o popular co tradional, coa intelectulidade, coa nobleza e iso Asorey retrátao moi ben.

–Din as malas linguas que Asorey foi un home con mal carácter?

–Hai algo diso. Arredor das gandes figuras créanse moitos mitos, e algo típico. ‘Polas obras conocerémolo’ é un dito tan marxista como cristiano, pero o que se ve nas obras de Asorey é unha grande dignidade de canto significa a tradición. Entón, eu diría que é unha persoa dos profesionais que profesan, moi adicado ao seu. Non lle gostaba perder o tempo, era moi pragmático. Igual que sabe aproveitar a materia prima, que son as pedras ou a madeira, aproveita o seu tempo. Entón, ás veces confúndense a introversión e a profesionalidade con ese mundo de huraño e esas cousas que se din. Parece ser que sen dúbida Asorey tiña os seus segredos especialmente na policromía da madeira e que era moi reservado. Con todo, todas as declaracións que hai daquela Xeración Nós, do seu íntimo amigo e paisano que era o cambadés Cabanillas, case diviniza a figura de Asorey. Era unha divinización mutua, cun gran sentido de amor por Galicia en canto significa os bos e xenerosos, a interacción da paisaxe coa paisanaxe, que é unha cousa moi de Asorey. Os seus monumentos teñen un entorno natural porque xa digo que son como un cruceiro. E mira ti a súa humildade que o monumento que fai, por exemplo a Loriga, é o avión encapotado como un cruceiro e no centro está Loriga, que era como un heroe, que podería estar con medallas, cos símbolos militates e a súa gorra. Non, a Loriga vísteo do seu traballo porque leva o mono de piloto e leva na súa man a hélice do martirio. Todo cargado de simbolismo. É un monumento xa dentro do movemento moderno de moitísimas rupturas. Está clasificado incluso internacionalmente como unha das obras máis representativas do século XX.

–Aínda existen historiadores da arte que seguen a chamalo o Rodin galego, é ou non esaxerado?

–Son cousas sempre moi relativas. Hai que subiñar que na obra de Asorey hai dúas permanentes. Unha é o Mestre Mateo e Compostela, ese mundo tan cristiano e da arte cristiana.Hai que dicir que nestes creadores da Xeración Nós había dous elementos moi importantes como o mundo céltico, as tradicións e os mitos, pero ao mesmo tempo o mundo cristián. Este é un país moi cristián con cruceiros, mosteiros, igrexas e romerías. Ese mundo de Santiago levábao moi dentro Asorey. Pero tamén é unha persoa que está no mundo internacional e naquel século XX un referente que racha cos temas relixiosos, que recolle o mundo popular e o mundo de ambiente sen dúbida é Rodin. Eu diría que en Asorey está Santiago, o Mestre Mateo, como en todos os grandes escultores un referente a Miguel Ángel e sen dúbida a Rodin, pero tamén hai outros escultores como Ivan Mestrovic, un grandísimo escultor da antiga Iugoslavia da escola expresionista. Asorey era unha persoa moi culta, moi preparada e moi metida na historia e na cultura e incluso no ambiente sociopolítico e cultural de Galicia como tamén está moi metido na arte universal. A nivel mundial foi un referente nesta idea que as súas esculturas teñen de árbore, son como un cruceiro, parten da terra e ao final convértense nunha cruz ou nunha estrela. O Santo Cristo do Corcovado de Río de Xaneiro está inspirado en temas que tratou Asorey, o cristo cos brazos abertos, en forma de cruceiro, era un tema moi vencellado a Asorey.

–Semella que adicarlle o Día das Artes Galegas chega con demora.

–Cando se fala de que a Asorey non tivo o recoñecemento como debería hai que dicir que depende dos momentos. Na época da República Lalín sempre tivo unha cultura importante. Véxase ao astrónomo Aller Ulloa, véxase Laxeiro, véxase Colmeiro, que é das terras do Deza, recentemente Sucasas ou Lamazares. Tamén o mundo empresarial. A Coruña, que é unha cidade portuaria e aberta ao mundo encargoulle o monumento a Curros Enríquez, que é un altar da patria, outra vez con esta idea piramidal de terra e logo arriba o mundo da esperanza, da alborada. A cultura galega está sempre amenazada polaa aculturación, que é a degradación e o esperpento. As veces incluso na televisión promociónase un humor escatoloxíco e burdo. Pero hai unha cultura dentro do estilo de Asorey como é na mesma pauta arquitectónica o arquitecto Antonio Palacios. Ambos beben da materia prima de Galicia.

Suscríbete para seguir leyendo