“Cerdedo no tempo”, unha exposición imaxinada

Acolléndonos ao recurso da prolepse, organizamos unha mostra en 2036, con motivo do bicentenario da fundación do concello

Fotografía de Xosé Gil para a revista “Vida gallega” en 1923.

Fotografía de Xosé Gil para a revista “Vida gallega” en 1923. / Cedida

Calros Solla

No ano 2036, cumpríndose o bicentenario da fundación do concello de Cerdedo, o xornalista Manuel Gago, numerario do Consello da Cultura Galega e experimentado organizador de eventos deste teor, promoveu e propiciou a exposición Cerdedo no tempo. O conxunto expositivo, que tiña como fin “reivindicar a cultura rural como compoñente clave da identidade da Galiza”, ocupou, na antiga capital cerdedesa, as instalacións do CCC e estivo aberta ao público dende o 10 de novembro de 2036 até o 20 de xaneiro de 2037.

A iniciativa gozara do favor do tecido asociativo e da xente do común –as autoridades locais non disimularon os seus receos–. Colleitou numerosos parabéns e recoñecementos, considerándose a mostra “unha oportunidade de afondar no Cerdedo máis coñecido e de descubrir os aspectos esquecidos ou descoñecidos dende moi diversas perspectivas: os fitos históricos e os mitos, o desenvolvemento urbanístico, a economía e a industria, o lecer ou a cultura”.

Prefilatelia, plica xudicial remitida dende Cerdedo a Compostela.

Prefilatelia, plica xudicial remitida dende Cerdedo a Compostela. / C.S.

Visitei a exposición Cerdedo no Tempo o 14 de decembro de 2036 e, entre os albos escolmados para cada un dos períodos históricos do desaparecido municipio, gardo memoria perdurábel dos seguintes:

Espazo e fundación

O público, así entrar pola porta, era recibido por un MUPI oval de grandes dimensións. Dotado de pantalla táctil e dunha aplicación de busca microtoponímica e visores, o aparello convidaba a esculcar o territorio cerdedés a través do mapa de Domingos Fontán (1845), dos mapas topográficos (IGN) e dos voos ortofotográficos (dende 1945). Os asistentes tiñan ao seu dispor lentes de realidade virtual para requintar a escudriña.

Mercurio (Monte do Seixo).

Mercurio (Monte do Seixo). / C.S.

Encarreirando o avance, dúas pantallas de 85 polgadas reproducían en bucle unha ampla colección de imaxes de Cerdedo, salientándose nunha reportaxe, os valores naturais (outeiros, valgadas, cursos de auga, arboredos autóctonos, pradarías, terras de labor...); e na outra, os bens patrimoniais (templos, cruceiros, pontes, canastros, muíños, corredoiras, mámoas, petróglifos, castros...) e culturais (ciclos festivos). O fondo musical convidaba á fala moderada e á introversión.

A seguir, unha maqueta que se atiña aos límites do antigo concello (extinto en 2016) axudaba a situar no espazo con precisión os atractivos escolmados nas pantallas da recepción, grazas a un sistema de premas e indicadores luminosos.

Os Santos de Porteliña, en Tomonde.

Os Santos de Porteliña, en Tomonde. / C.S.

Encadrando a maqueta, uns paneis vinílicos enfrontaban parellas de fotografías, xogando á comparanza entre o “antes” e o “agora”. Entre elas, as dúas que o fotógrafo Xosé Gil tomou de Cerdedo a comezos do século XX, aparecidas no nº 237 da revista Vida Gallega (6-11-1923), as fotografías máis antigas que se coñecen da localidade.

Nun mostrador vitrina anexo, ordenábase a documentación referente á reforma administrativa e división territorial de Javier de Burgos (1833) e á institución dos novos concellos (1835-6). Así mesmo, constaban os expedientes dos proxectos de fusión co concello de Forcarei (1841 e 1868), da segregación da parroquia de Castrelo (1872), da incorporación da aldea do Serrapio (1897) e da solicitude de agregación a Cerdedo por parte das parroquias forcareiesas de Presqueiras (1952). Tamén, unha mostra de prefilatelia “Galicia-Cerdedo”, presente nunha plica xudicial enviada de Cerdedo a Compostela cara a 1817 (cedida polo Museo das Raposeiras).

Prehistoria e romanización

Un panel retroiluminado amosaba un debuxo en sección da mámoa de Covas (Folgoso). Complementando o panel, alzados en cadanseu pedestal ortoédrico e gorecidos en urna cúbica transparente, o idoliño funerario achado no sitio da necrópole megalítica do Castriño (Quireza), o machado neolítico atopado entre a cachotaría dun pardiñeiro de Fraguas (Tomonde), amuleto identificado polos naturais como “pedra feita”, “pedra do trono” ou “chispa”; e o Lar Vial ou Mercurio atopado en 2000 no monte do Seixo, nas inmediacións do camiño real de cara ao Ribeiro (pezas cedidas polo Museo das Raposeiras).

Inscrición da sancristía da Igrexa de Quireza anotada por Castro Sampedro Folgar.

Inscrición da sancristía da Igrexa de Quireza anotada por Castro Sampedro Folgar. / C.S.

Unha recreación en resina, a tamaño natural e moi realista, do Santo da Porteliña macho (Tomonde). De fondo, unha gran fotografía en cor da parella de santiños, a canda un esquema dos procesos de erguemento e derruba, arbitrados polo pobo en función das necesidades meteorolóxicas.

No chan, ocupando unha posición central, dous paneis retroiluminados reproducían, a escala, un negativo dos petróglifos I e II da Laxa das Filloeiras, e outro negativo da Laxa da Romaxe II (Pedre), descubertos en 2012 e 2015 polo colectivo Capitán Gosende.

Nun andel accesíbel, dous libros encol de senllos atrís, abertos por páxinas centrais: a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009) e O legado dos homes pequenos (2017).

Dous paneis retroiluminados mostraban fotogramas LiDAR do xacemento dos Castros (Quireza) e do castro das Cercas (Parada). Flanqueando os paneis, alzados en cadansúa peaña cilíndrica, o fragmento dun pé de muíño de man vinculado ao castro de Arén (Cerdedo) (cedido polo Museo da Pedra local) e o pé de muíño de man localizado na Cerrada das Mámoas (monte do Sangal, Cerdedo) (cedido polo Museo de Pontevedra).

Fotograma LiDAR do castro das Cercas, Parada.

Fotograma LiDAR do castro das Cercas, Parada. / FdV

Expostos nun mostrador vitrina, a tégula con dixitalización e os ímbrices de Filgueira (Castro), de época romana (cedidos polo seu descubridor-propietario).

En vinilo de gran formato, un debuxo de Ana Santiso, recreaba a mítica Torre dos Mouros, fortaleza de cuarzo branco e cristal a cabalo da foz do río Lérez, residencia de dona Ghurina, soberana da mourindade.

Conxunto etnográfico de Pontapedre, debuxo de A. Portela Paz.

Conxunto etnográfico de Pontapedre, debuxo de A. Portela Paz. / Cedida

En vinilo de tamaño semellante, un debuxo de NanVaz reproducía o mito da Moura casadeira do Castro Grande (peneda do monte do Seixo), o mito da galiña dos pitos de ouro e o da Besta Branca. Como complemento, contidos en dúas pequenas urnas de seguranza, o peite de ouro do tesouro de Caldas (cedido polo Museo de Pontevedra) e un medallón de prata coa figura dun cabalo, atopado por un particular de xeito fortuíto nas inmediacións da devandita peneda (que o cedeu xentilmente).

Idade Media

Nun mostrador vitrina exhibíase o pergameo orixinal da cesión á mitra compostelá do reguengo de Montes, asinado en 1176 por Fernando II, rei da Galiza. Acompañando, o libro El monasterio de Aciveiro do crego galeguista A. Rodríguez Fraiz (1973). Ao lado, encol dun pedestal ortoédrico, erguíase unha das ameas da fortaleza do castro de Montes (Presqueiras), residencia dos xuíces meiriños (cedida por un veciño, que a gardaba na súa casa); e unhas cantas moedas da época, descubertas no sitio por un particular (que as cedeu amabelmente).

Fragmento conservado da pía de Cavenca, en Cerdedo.

Fragmento conservado da pía de Cavenca, en Cerdedo. / C.S.

Fronte ao expositor anterior, un vinilo retroiluminado de gran tamaño mostraba catro fotografías de J. Soto e J. L. Oubiña das pontes de Santo Antonio e A Cavadosa (Cerdedo), Pedre e Parada. Á roda delas, fotografías en detalle das marcas de canteiro riscadas nos intradorsos da Pontapedre; e da inscrición fundacional riscada nun peitoril da ponte de Cerdedo.

Na seguinte estación, un debuxo a escala de Ramiro Barros do casal das Cortellas de Pedre, aldea medieval. Ao carón, unha pantalla de televisión emitía en bucle unha curtametraxe de animación (stop-motion) protagonizada pola bandida Pepa a Loba (séc. XIX). A Loba e a súa gavela celebraban escusados parlamentos nos pardiñeiros das Cortellas. O filme, dirixido polo cineasta Fernando Cortizo, titulábase “Aprobado polas Cortellas de Pedre!”.

Reproducción a escala do gravado rupestre Laxa da Romaxe, realizado por J. Bieites.

Reproducción a escala do gravado rupestre Laxa da Romaxe, realizado por J. Bieites. / Cedida

Unha peaña ortoédrica alzaba a escultura en pedra dunha Virxe das Dores. A imaxe, que fora atopada en 1961 no resío da igrexa de San Xoán de Cerdedo, é contemporánea á sancristía do templo. Como elemento complementario, unha lámina do padre Gaite na que se bosquexaba a planta da parroquial de Cerdedo (cedida polo Museo de Pontevedra). Noutra peaña de base rectangular, pousaba o fragmento conservado da pía bautismal do San Salvador de Cavenca, antiga parroquial, coa descrición feita por Bouza Brey, quen nela reparou en 1939.

Reprodución en resina, a tamaño real, do lintel da sancristía da parroquial de Quireza (San Tomé) e do lintel da portada da parroquial de Tomonde (Santa Mariña) coas súas respectivas inscricións. Ao pé, os apuntamentos orixinais tomados das mesmas por Casto Sampedro Folgar (cedidas polo Museo de Pontevedra).

Un debuxo de Héitor Picallo, de grandes dimensións, recreaba o padroeiro san Xoán Bautista acurrando o dragón no fraguizal do Embigo do Becho, mito fundacional da parroquia de Cerdedo.