A distinción póstuma ao artista Paco Lareo

Destacou pola súa entusiasta colaboración desinteresada e altruísta con institucións, asociacións, empresas e particulares

Paco Lareo indica ao cantautor Joaquín Sabina onde ten que firmar co estadullo, tamén obra súa, logo de ser investido comendador da Feira do Cocido.

Paco Lareo indica ao cantautor Joaquín Sabina onde ten que firmar co estadullo, tamén obra súa, logo de ser investido comendador da Feira do Cocido. / BERNABÉ

Daniel González Alén

Ao cumprirse o décimo aniversario do pasamento de Francisco Lareo Morao (Piloño, Vila de Cruces, 1938-2012), artista polifacético, fundador da Casa Museo A Solaina de Piloño e impulsor e colaborador en numerosas iniciativas culturais da comarca de Deza e mesmo de Galicia, este cronista, a petición do Alcalde-Presidente do Concello de Lalín, elaborou o seguinte informe a fin de que poida servir de base e tido en conta para un expediente para outorgar unha distinción a título póstumo, a favor do devandito dinamizador cultural e artista plástico, de entre as que figuran no Regulamento de Honras do Concello de Lalín:

Méritos

Cinguíndonos o seu labor cultural no ámbito do Concello de Lalín, Francisco Lareo Morado máis coñecido polo seu nome artístico e familiar de “Paco Lareo”, destacou pola súa entusiasta colaboración con institucións, asociacións, empresas e particulares, actuando na maioría dos casos de xeito desinteresado e altruísta.

Foi destacado colaborador en numerosas celebracións da Feira do Cocido, correndo co cartel anunciador de 1992. Seis anos máis tarde, encargouse do deseño do Testiño, artística peza de cerámica que vén sendo agasallo institucional dos Premios Álvaro Cunqueiro de Gastronomía e Xornalismo Gastronómico, dende a súa creación en 1998. Na grande festa gastronómica lalinense tamén colaborou exercendo de escribán oficial da Encomenda do Cocido, desde a súa creación, en 2000, ata un ano antes do seu falecemento, en 2012.

Lareo foi autor do anagrama do Padroado Cultural de Lalín, doutro para o Seminario de Estudos de Deza, no que tamén colaborou coa publicación de varios traballos no anuario Descubrindo, e, por encarga, realizou o do CEIP Xesús Golmar.

Outras obras do artista Paco Lareo

Pola súa Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño, creada no ano 1995, pasaron ducias de artistas plásticos de Lalín e comarca, realizando cursos e exposicións, sendo numerosos artistas de tódolos campos os que participaron na intensa e proveitosa actividade cultural realizada nas instalacións desta Fundación en Piloño.

O Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, ten acollido numerosas exposicións de pintura e escultura, con obras das Xuntanza Obradoiro Internacional de Artes Plásticas, que vén realizando a Fundación anualmente, dende décadas atrás, a última co número XV e o título Unha pincelada a Paco, inaugurouse o 4 de novembro de 2022.

Homenaxes

No ano 2015 dedicóuselle a Paco Lareo a XII Bienal Internacional de Lalín “Pintor Laxeiro” editándose un libro recollendo as obras expostas e referencias a súa vida e obra. Máis recentemente, en agosto do ano 2022, a Fundación que leva o seu nome e preside a súa irmá, Carmen Lareo, ofreceu unha exposición no Museo Municipal Ramón Mª Aller de Lalín, co título Quentiños da Forxa, mostrando algunhas das valiosas obras de arte que garda a Fundación, entre elas varios cadros de Laxeiro, Sucasas, Álvaro Negro, Manolo Moldes, Antón Lamazares, Paío, Paco Pestana, Quintana Martelo e Fondevila, que logo percorreron outras cinco localidades situadas no Camiño de Inverno.

Finalmente, en novembro do 2022, no mesmo Museo Municipal de Lalín, inaugurouse outra exposición que, co título O Berro, incluía máis dunha vintena pinturas e esculturas de Paco Lareo, realizadas entre 1980 e 2010, que posteriormente pode contemplarse noutras localidades da comarca de Deza, onde o polifacético artista deixou fonda pegada.

Recoñecemento

Corresponde ao Concello de Lalín outorgar unha axeitada distinción a título póstumo, a favor do dinamizador cultural e artista plástico Francisco Lareo Morao, de entre as que figuran no seu Regulamento de Honras. Coidamos que unha distinción merecida e atinada, podería ser a de Fillo Adoptivo de Lalín, por canto Lareo, malia súa vinculación co noso municipio, é nativo do de Vila de Cruces, onde no ano 2013 se lle dedicou unha céntrica praza que preside unha das súas creacións escultóricas. A outros persoeiros con menor merecemento otorgóuselles esa distinción no pasado. De non estimarse así, podería dedicárselle un espazo publico, unha placa nun parque, unha sala de exposicións ou a que por unanimidade da corporación municipal, a ser posible, se estime máis convinte.