O foro de Bustelos nun documento de 1740

Estivo gardado na Casa Grande de Vilar de Soutolongo e foi doado ao Concello de Lalín polo veciño Elías Rodríguez Villar

Panorámica da aldea de Bustelos.

Panorámica da aldea de Bustelos. / Daniel González Alén

Daniel González Alén

O pasado mes de outubro de 2023, a concelleira Begoña Blanco recibiu por correo un sobre contendo un documento orixinal do ano 1740, xunto cunha carta de dación do mesmo ao Concello de Lalín e un escrito achegando un cativo resume do seu contido, que remitía Elías Rodríguez Villar, un veciño de Bueu, nativo do lugar de Baxán en Botos (Lalín).

Panorámica da aldea de Bustelos.   | // D.G.A.

Un informante de Bustelos diante da vella casa de Bispo. A Casa de Carballo, onde se gardaba o documento doado. E (abaixo) a casa de Viñoa, morada de Francisco López Sotomayor. / .

En días posteriores o antigo documento, que leva por título na portada “Foro del lugar de Bustelos. Año de 1740”, composto por cinco folios manuscritos e cosidos, e dúas cuartillas tamén escritas a man, foinos entregado a nós para revisar o seu contido e o seu posible interese. Logo de proceder ao seu exame e estudo, entendemos que contén importante información referida ao aforamento das casas e terras do lugar de Bustelos, outorgado polo administrador dos Condes de Lemos, Francisco López de Sotomayor, daquela residente no lugar de Viñoa en Soutolongo, fillo do matrimonio formado por Ana López Valcarce desta casa con Alonso López Sotomayor, de familia fidalga de San Paio de Lodeiro, ambas da xurisdición de Deza.

Os documentos están compostos por cinco folios manuscritos e cosidos, e dúas cuartillas tamén escritas a man. |   // D.G.A.

Os documentos están compostos por cinco folios manuscritos e cosidos, e dúas cuartillas tamén escritas a man. | // D.G.A. / Daniel González Alén

En conversa telefónica co doante Elías Rodríguez Villar, sinalounos que o documento se gardaba na chamada casa de Carballo, no lugar de Vilar de Soutolongo, un grande casal que fora propiedade dos seus antepasados os Villar, familia de cregos e labregos podentes e agora dos empresarios Bernabé de Lalín. Estes Villar emparentaron cos Cuñarro de Baxán en Botos, que aquí teñen unha casa do século XIX e boas propiedades na contorna, agora propiedade da familia Iglesias de Lalín. Por outra parte, a casa dos López en Viñoa, onde residía o administrador dos Condes de Lemos, chega con reformas aos nosos días, mantendo unha capela dedicada á Inmaculada Concepción, aberta ao culto en 1841, a carón da que pode ollarse un centenario castiñeiro, amplo portal con cruz e pináculos barrocos no remate, balconada de escaleira e columnas, hórreo de cinco claros datado en 1828 con inscrición no penal e unha curiosa estrela de David gravada, todo rodeado de extensas propiedades que foron da casa e na actualidade se atopan repartidas entre as familias Zobra, Blanco e outras.

Un informante de Bustelos diante da vella casa de Bispo.  A Casa de Carballo, onde se gardaba o documento doado. E (abaixo) a casa de Viñoa, morada de Francisco López Sotomayor.  |  // D.G.A.

Un informante de Bustelos diante da vella casa de Bispo. A Casa de Carballo, onde se gardaba o documento doado. E (abaixo) a casa de Viñoa, morada de Francisco López Sotomayor. | // D.G.A. / Daniel González Alén

Sinopse

O 4 de decembro de 1740 Francisco López de Sotomayor, residente entón no lugar de Viñoa da parroquia de Soutolongo, afora en nome do Conde de Lemos de quen era administrador, o lugar e terras de Bustelos da parroquia de Vilatuxe, a Ignacio Bispo e a súa muller Felipa Bieites e os seus fillos Simón e Pedro, a metade desta propiedade e a outra metade a Ignacio Bértolo e Lorenzo Casado e as súas familias, fixando a renda a pagar anualmente en dez ferrados de pan centeo e dous cuartillos de manteiga, por cada metade. Compoñían o lugar seis casas, catro delas telladas e dúas colmadas, con prados, hortas, nabais, labradíos, montes e devesas, en termo redondo, tendo por lindes os montes e devesas pertencentes ao Mosteiro de Aciveiro, o Campo da Cubela, o río Moa, o Porto do Frade e os montes comunais do Candán.

O outorgamento, no que se detallan as condicións e obrigas polo miúdo, realízase mediante escritura pública realizada en Santo Tomé de Parada (Silleda) por Francisco de Castro, escribán maior de Lalín, na xurisdición de Deza, e asinada polas testemuñas que tamén se indican.

Non se mencionan a capela eclesiástica do San Bartolomeu, nin os muíños do regato local, dos que un deles, no lugar do Pedroselo, era propiedade do citado Simón Vispo, e figura no Catastro de Ensenada en 1752, ou a alvariza que debía ter este mesmo veciño para as seis colmeas que declara no referido Catastro, tamén neste lugar, e que poida que sexa unha das catro que existen na actualidade neste lugar de Bustelos. No interrogatorio de Ensenada figura o veciño Ignacio Vispo antes mencionado, co oficio de arrieiro.

Consideracións

Coidamos que o documento ten certo interese e debe ser gardado convenientemente en dependencias municipais, podendo ser lugar axeitado o arquivo que o Seminario de Estudos de Deza ten no Pazo de Liñares, onde estaría a disposición dos investigadores interesados.

A fin de recoñecer e agradecer a Elías Rodríguez Villar a doazón de xeito altruísta deste documento, coidamos de interese a súa publicación nos medios de comunicación da achega e do contido do documento.

[Nota: Informe para o Padroado Cultural de Lalín, da dación por parte de Elías Rodríguez Villar ao Concello de Lalín dun documento de 1740 referente ao aforamento do lugar de Bustelos, en Vilatuxe, outorgado a favor de varios veciños por Francisco López de Sotomayor, administrador do Conde de Lemos]