Unha estradense no trono galego

A xornalista Laura Filloy Martínez debulla e divulga, especialmente pensando nas novas xeracións e de xeito moi ameno, a historia do Reino de Galicia

A estradense Laura Filloy Martínez, construíndo a tarta de filloas para explicar a evolución da lingua.

A estradense Laura Filloy Martínez, construíndo a tarta de filloas para explicar a evolución da lingua. / GCiencia

Ana Cela

Ana Cela

“Louro, corpulento, elocuente, misericordioso, xeneroso… sabedes de quen estou falando, non? Non, non é o teu crush. É Alfonso VIII, o coñecido como o Rei Peregrino e denominado como Alfonso IX pola historiografía española”. Despois destas verbas os signos de interrogación e o cantar dos grilos rodean á estradense Laura Filloy Martínez. “¿Non, non? ¿Non sabes de quen falo?”. Máis interrogantes. “Foi fundador da cidade da Coruña”. Máis grilos. “Convocou as Cortes de León, as primeiras cortes de Europa”. A mesma banda sonora chea de dúbidas. “Tampouco. Vale, entón queda aquí porque temos moito de que falar”. Así comeza o primeiro episodio de Dicionario da Galicia Histórica. Un reino do A ao Z, un proxecto audiovisual desenvolvido por GCiencia –portal especializado de xornalismo científico en galego– coa fin de divulgar, dun xeito rigoroso pero moi ameno, a historia do Reino de Galicia.

Coa xornalista da Estrada Laura Filloy e a arousana Alba Tomé como condutoras do espazo, a iniciativa aposta por YouTube e TikTok como principais ferramentas para chegar ao público novo, con especial atención aos menores de 25 anos. Malia esta preferencia, o proxecto non descoida outras canles de difusión nin tampouco outra audiencia, publicando o contido tamén noutras redes sociais –caso de Instagram– e acompañando os vídeos de reportaxes en profundidade. Gciencia publica dous contidos semanais, abordando personaxes da talla de Alfonso VIII e Inés de Castro, a fala, o sistema monetario medieval, a súa arquitectura ou a situación da muller, entre outros.

“O obxectivo é achegar a historia do Reino de Galicia á xente máis nova nun formato ameno”, explica Filloy Martínez. “Nos vídeos buscamos conectar o pasado co presente para facer máis compresible o que ás veces non aparece nos libros de texto. E logo, sobre todo, divulgar; nun mundo sobresaturado de información ofrecer contidos breves, con información condensada e contrastada”, sinala.

O formato é absolutamente fresco. Ata o de agora, a xornalista estradense divulgou sobre as figuras de Alfonso VIII, Inés de Castro e a fala no Reino de Galicia, en vídeos que enganchan e achegan a historia co aderezo dese contar cómico que permiten as novas tecnoloxías mesturadas coa retranca patria. O guión, escrito pola propia Filloy, está salpicando de clips, emoticonos, imaxes e gifs, que buscan a interacción con espectador, axudan a captar e manter a atención, alixeiran o contido e permiten asimilalo de xeito máis sinxelo.A montaxe é obra de Elena Martín, colaboradora de GCiencia.

No primeiro dos episodios, en pouco máis de tres minutos a figura de Alfonso XIII queda escolmada nos seus 42 anos de goberno e na súa teima por percorrer co Camiño de Santiago, o que lle valeu o sobrenome de “o rei peregrino”. De feito, morreu percorrendo a senda xacobea e durante o seu mandato acadouse un dos maiores fluxos de peregrinos da historia. “Foi importantísimo, pero importantísimo, para Galicia porque fomentou o desenvolvemento urbano na Idade Media. E iso que significa? Pois que sitios como A Coruña, Monforte de Lemos ou Baiona naceron como espazo urbano en pleno medievo”, di Filloy Martínez. Ademais de falar da importancia da convocatoria das Cortes de León, deixa espazo para un pouco de salseo ou, coma di no vídeo, de gossip-gossip. “Casou dúas veces, unha con Teresa e outra con Berenguela, e os dous matrimonios -os dous- foron disoltos pola igrexa. Sabes por que? Porque eran primos”.

Unha estradense no trono galego

Un clip do vídeo sobre Inés de Castro. / GCiencia

O vídeo sobre Inés de Castro comeza con versos de Rosalía na súa honra. Tras baixar a música e aclarar que se trata “da nosa Rosalía, Rosalía de Castro”, a xornalista estradense pasa da raíña indiscutible das letras galegas á “amante en vida e raíña despois de morta”. “Con 20 anos convértese na dama de Constanza Manuel, futura raíña de Portugal. Pero claro, o infante don Pedro, futuro rei Pedro I, queda namorado ipso facto de Inés, á que alcumaban pescozo de garza pola súa beleza. Uns din que eran amantes. Outros que comezaron a súa historia de amor despois de que morrera Constanza. Quen sabe? (...) O caso é que estaban namorados. De feito, tiveron tres fillos e todo apunta a que casaron. Pero un ano despois do matrimonio... Inés morre asasinada... Por mandato do seu sogro!" , vai narrando a peza, que reserva o máis chocante para o tramo final: “Di a lenda que Pedro, consternado, manda colocar o cadáver de dona Inés no trono para que toda a Corte a recoñeza como raíña e lle bique a man. Si, a man do cadáver. Excentricidades de ricos, supoño”.

Os capítulos saen os martes e mércores. No último publicado por Laura Filloy Martínez apórtase unha comparativa moi ben traída e aínda máis gráfica entre a fala e unha tarta de filloas, de xeito que a primeira delas sería o sutrato (linguas previas á chegada dos romanos); a segunda o estrato (o latín) e a terceira o superestrato (influencias posteriores ao latín).

Suscríbete para seguir leyendo