Cerdedo-Cotobade presenta o seu programa Concilia Verán con tres ludotecas infantís

REDACCIÓN

Cerdedo-Cotobade presentou o programa “Concilia Verán 2023”, unha iniciativa para facilitar a conciliación laboral e familiar que se desenvolverá a través da posta en marcha de tres ludotecas, en Carballedo, Tenorio e Cerdedo, durante os meses de xullo e agosto para nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

Deste xeito, o goberno local continúa con este plan de conciliación, considerado como pioneiro e un dos máis avanzados de Galicia, para que siga a manter a súa liña crecente atendendo á gran demanda que se ven detectando nas pasadas edicións e que fai que máis de 150 nenos e beneficien desta iniciativa ao longo destes meses de verán.

Manterase o esquema de actividades que se viñan prestando con tres ludotecas en Carballedo, Tenorio e Cerdedo entre xullo e agosto que terán as súas prazas limitadas e cun prezo por neno e mes de 40 euros (non fraccionables). O obxectivo é poder atender a máis de 150 rapaces promovendo a súa formación e lecer e facilitando a vida laboral dos seus pais.

As ludotecas, teñen aberto o seu prazo de matrícula ata o 21 de xuño.