José Manuel Bouzas Blanco | Escritor

“Esta será sempre a miña novela maldita, sen importar cantos libros escriba no futuro”

“Nela expóñome, falo sobre anécdotas persoais, os meus medos, as miñas luces e sombras”

Bouzas nunha das súas visitas á costa galega.

Bouzas nunha das súas visitas á costa galega. / nerea couceiro

nerea couceiro

José Manuel Bouzas Blanco teno claro: “eu non son escritor”. Porén, hoxe presenta no MOME da Estrada ás 21.00 horas o seu segundo libro. Trátase da novela autobiográfica “La estación de las horas muertas”, unha obra na que este veciño estradense coñecido tamén por ser o secretario do premio Reimóndez Portela. Graduouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Compostela e foi sempre un apaixoado da literatura, do teatro e da música. Destas cousas e moitas outras máis fala no seu novo traballo, sobre o cal conversa con FARO nesta entrevista.

– Cónteme un pouco sobre esta nova novela. De que trata?

–É un xiro total, algo completamente distinto ao que presentei anteriormente. Trátase dunha novela autobiográfica que xurde a raíz dun reto que me presentou a miña anterior editorial e que ao principio desbotei. Nela comparto moitas anécdotas da miña vida, os meus medos...

–Di que ao principio non estaba seguro. Que lle fixo decidirse?

–Efectivamente. Antes pensaba que este xénero estaba reservado a persoeiros, xente con fama, e preguntábame que podía ter de especial a miña vida. Logo de darlle moitas voltas decidín atreverme e lanceime ao baleiro sen rede.

–Que é o mellor e o peor de escribir sobre un mesmo?

–Pois o mellor é que lembras moitas cousas de ti mesmo que tiñas esquecidas, dalgún xeito é como redescubrir a túa vida. O peor son as dúbidas e o medo a que despois de lelo a xente vaia a xulgarte, pois ao fin e ao cabo trátase dunha exposición moi grande. Mais cando tes 60 anos ves a vida doutro xeito, para min xa non importa tanto o que pense a xente, senón como me sinto eu e ser fiel a min mesmo

– Nalgún momento dubidou á hora de introducir algún evento da súa vida?

–Non. No momento no que din o paso souben que se o facía sería para contar a verdade. Se quixese vender unha historia inventada faría ficción. Por iso digo que é unha novela moi valente, porque supuxo moito valor espirme ante os demais e mostrar as miñas luces e as miñas sombras.

–Fáleme dalgunha das anécdotas que introduce no libro.

–Non quixen desvelar nada ata agora pero podo dicirche que hai momentos de moita bágoa e momentos de escachar á risa. Falo de meu pai, da súa morte e a de miña nai e miña tía, as dúas mulleres que máis quixen e quero na vida. Eses son capítulos que aínda agora, se leo, me removen por dentro. Pero despois conto lembranzas de cando pasaba épocas na casa de meus avós paternos e me consentían ata o punto de que miña avoa deixábame mexar nos seus zocos e nunca me berraba. Eu fun moi traste de pequeno. Outra das historias que narro é a de cando metín o gato na cociña de ferro... cousas que dan ese toque de comedia.

–Polo que di, este é un libro moi especial para vostede. Diría que é o máis importante da súa traxectoria?

–Din que todos os escritores teñen un libro maldito. Eu non me considero escritor, pois non vivo disto nin aspiro a facelo. Mais confeso que publique os libros que publique no futuro, esta será para sempre a miña novela maldita, e quen a lea entenderá o porque desta afirmación.

–Para rematar, fáleme un pouco sobre o seu proceso creativo. Ten algunha rutina cando se trata de escribir?

-En absoluto. Como xa dixen antes, eu non son escritor. Para min isto é, como o teatro, un hobbie. Un moi caro, por certo (risas). Por iso, escribo cando me visitan as musas, podo pasar un día enteiro facéndoo, ou despertar no medio da noite e poñerme a ñerme co bloc de notas, e despois pasar un mes enteiro sen avanzar.

“Hoxe haberá xente que saia sorprendida”

–Hoxe presenta o libro no MOME. Pódenos adiantar un pouco sobre o acto?

–Podo dicir que non levarei o libro para vender alí. Quero estar rodeado de amigos e seres queridos sen que ninguén se sinta no compromiso de ter que mercar o libro. Quen queira lelo pode conseguilo a partir de mañá na librería Faro por 12 euros. O que si é que debo confesar que agocho un as baixo a manga.

–Significa iso que vai haber sorpresas?

–Non quero desvelar ata o propio acto, pero adianto que vai ser moi emotivo. Persoas que xa non están con nós estarán presentes de algunha forma alí conmigo. Penso que haberá xente que veña pensando que simplemente é a presentación dun libro e sairá sorprendida. En parte teño ganas de que chegue o momento e pase, se che son sincero atópome algo nervioso. Ao fin e ao cabo é a presentación do meu fillo. Un fillo inesperado, que non por iso é menos querido.

Suscríbete para seguir leyendo