A festa “con máis pluma”de Galicia

O Galo de Curral enche os restaurantes de Vila de Cruces nunha xornada con menos afluencia que en edicións anteriores nos eventos da Praza Juan Carlos I

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

“Esta debe de ser a festa con máis pluma de Galicia, e estou referíndome ao Galo, porque se non, teríades que facer a Gala de Eurovisión”. Foron un dos moitos momentos de risas que espertou o pregón da televisiva Eva Iglesias na Festa do Galo de Curral, que onte cumpriu 29 anos pero tamén a meta de encher de reservas varios dos restaurantes e esgotar as 350 racións da degustación. Foron medio cento menos de racións que o ano pasado, e tratouse dunha decisión acertada, porque tamén había menos público na Praza Juan Carlos I que nas anteriores edicións.

Eva Iglesias e o cantante David Civera foron os protagonistas da mañá, pero non os únicos reclamos: unhas vinte motos antigas de Veteranas do Deza estaban expostas ao pé da carpa da praza, e preto tamén había unha exposición de galos vivos. O Arco de Merza, Vai-Nela de Salgueiros e a tuna da Facultade de Dereito, que trala súa actuación deu boa conta dun menú a base de galo nun local do casco urbano, encargáronse de banda sonora para un público máis ben maduro.

Case sen presencia da oposición

Durante os actos da mañá, a representación política quedou cingida aos tres concelleiros do goberno de Xuntos e a membros do BNG, que non estiveron sentados na primeira fila. A tensión electoral desta campaña en Vila de Cruces ata formou parte do pregón, no que Eva Iglesias calculou que si había cinco candidatos á Álcaldía , Cruces estaba “como na Isla de las Tentaciones, pero non escollades ó máis tonto”. Preguntou, tamén, se había 5 partidos para case 5.000 habitantes, quén quedaba libre para criar os galos. E como ocorre en calquer concello en periodo electoral tamén en Rianxo, onde naceu Iglesias “asfaltaron unha fochanca que levaba cinco anos alí, por asfaltar, ata lle asfaltaron os dentes á miña avoa”.

A popular cantante e humorista quixo agradecerlle a Cruces que o seu nome se engada a unha lista de pregoeiros na que están Roberto Vilar, Os Tonechos, Santiago Segura ou Norma Duval. E antes de rematar, quixo recalcar a importancia da muller indicando que “Aquí haberá moito galo de curral, pero lembrade que somos as galiñas as que poñemos os ovos”.

Festival de bandas

David Civera tomou o relevo de Eva Iglesias, agradecéndolle a organización que volvese contar con el para amenizar a cita gastronómica. Pola tarde, o 29º Festival de Bandas de Galicia contou coas formacións de Vilatuxe, a Artística de Merza e a Unión Musical Ponteledesma.