A Mámoa da Cima da Arcela, un ben arqueolóxico protexido

Descartamos exercer ningunha acción civil ou penal contra promotores e executores das irregularidades. Ao contrario, reiterámoslles a nosa total disposición a colaborar para reverter o xacemento ao seu estado orixinal

Vista aérea da Mámoa da 
Cima da Arcela, unha vez 
limpa e sinalizada.

Vista aérea da Mámoa da Cima da Arcela, unha vez limpa e sinalizada. / Manuel Blanco Villar*

Manuel Blanco Villar*

Comprobamos cunha inmensa tristura que a Mámoa da Cima da Arcela, cuxa Memoria final de prospección arquelóxica e catalogación, promovida pola Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón foi entregada polos arqueólogos á Dirección Xeral do Patrimonio o 18 de outubro do 2019, figurando no rexistro de bens protexidos pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia co código de identificación GA36024158, acaba de ser parcialmente danada, pola execución de varios buracos, destinados a acometer unha plantación de árbores, que afectan a parte da súa coiraza, destapando chantos do posible corredor de entrada e pasando con maquinaria pesada sobre a zona dos previsibles ortostatos e a cámara funeraria, sendo anulados posteriormente na parte afectada do túmulo e as súas inmediacións.

Pegadas do paso de maquinaria pesada sobre o túmulo.

Pegadas do paso de maquinaria pesada sobre o túmulo. / Manuel Blanco Villar*

Queremos significar que esta mámoa, ao igual que a do Coto do Santo da Pedra, está situada nunha parcela do Monte Comunal de Doade, en posesión dos veciños de varios lugares da parroquia, excepto Nogueira, que ten monte propio ao outro lado da pista, dende tempo inmemorial, está incluída no gran proxecto plurianual destinado a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da parroquia, promovido polo Museo Casa do Patrón, que comezou coa prospección e catalogación das mámoas e petróglifos da parroquia de Doade no 2019, continuou co deseño, sinalización mediante frechas e paneis informativos, así como limpeza (Mámoa da Arcela incluída) da Ruta da Prehistoria de Doade que une estes elementos prehistóricos co Castro do Penedo, situado no centro da parroquia no ano 2020, e rematará coa inminente escavación de polo menos un dos túmulos existentes, actuacións que, por unha banda protexerán o noso patrimonio, e por outra, fomentarán a súa difusión entre os milleiros de turistas anuais que nos visitan.

Buratos anulados no borde da coiraza.

Buratos anulados no borde da coiraza. / Manuel Blanco Villar*

Postos en contacto coa directiva da Comunidade de Propietarios de San Martiño-Nogueira, entidade promotora da plantación, manifestan que están a realizar a preceptiva comunicación a Patrimonio a través dun arqueólogo para paliar no posible os efectos desta desafortunada actuación, baixo a súa promesa de non retomar os traballos ata ter a correspondente delimitación do perímetro da zona de protección que non poderán plantar e da autorización da Dirección Xeral do Patrimonio de Galicia, feito que momentaneamente nos tranquiliza.

Chantos dun posible corredor de entrada.

Chantos dun posible corredor de entrada. / Manuel Blanco Villar*

Aínda que quen lles escribe foi sempre un arduo defensor da plantación de árbores, sobre todo autóctonos, tendo plantado persoalmente e animado aos veciños a plantar varios milleiros de exemplares ao longo de moitos anos, insto ás empresas que se dedican a esta nobre labor, así como ao correspondente organismo supervisor das mesmas, a que sexan máis coidadosos á hora de realizar as inversións, absténdose de canalizar o diñeiro dos demais (sexa privado ou público, como coido que é o caso), para destinalo a un verdadeiro pedregal, que segundo a testemuña dos veciños máis vellos de Doade, profundos coñecedores desta paraxe, será dunha escasa produtividade, e menos aínda usalo para destruír (supoñemos que sen mala fe) un patrimonio milenario e único como o desta parroquia, que grazas á sabedoría dos nosos devanceiros permaneceu case intacto durante varios milleiros de anos, e agora coa colaboración de todos, é un dos máis documentados e coñecidos da Galicia interior, do que todos nós deberiamos sentir ben orgullosos.

Así as cousas, aínda que non é de recibo alegar o descoñecemento da existencia da mámoa ao comezo das obras, cando resultaba ben visible a limpeza manual do túmulo e a súa contorna, estando sinalizada con frechas en varios puntos da ruta e un amplo panel informativo in situ, ademais da publicación dos resultados das prospeccións e propostas de catalogacións realizadas no seu día en prensa, redes sociais, TVG, libros editados, presentacións públicas no museo, estando ademais protexida por Patrimonio dende hai case catro anos, continuamos confiando na boa fe, o sentido común e a boa veciñanza dos comuneiros do Monte de Nogueira, e a día de hoxe, descartamos exercer ningunha acción civil ou penal contra promotores e executores das irregularidades cometidas. Polo contrario, lles reiteramos dende aquí é a nosa total disposición para asesorar e mesmo colaborar desinteresadamente en todo o que precisen para reverter o xacemento ao seu estado orixinal o antes posible, reparando os danos ocasionados ao Patrimonio Público, e os requirimos formal e publicamente a axustarse no adiante á normativa establecida para esta materia na vixente Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Finalmente, como presidente da asociación promotora, é a miña obriga garantir aos centos de socios e colaboradores da mesma, e tamén á gran cantidade de visitantes que percorren a Ruta da Prehistoria de Doade que continuaremos cumprindo escrupulosamente o compromiso adquirido na execución do proxecto, que inclúe o mantemento e conservación dos elementos prehistóricos sobre os que actuemos, cuxo deterioro por este tipo de actos podería supoñer, ademais da responsabilidade derivada duns danos quizais irreversibles e difíciles de valorar, unha considerable inversión económica, que moi a pesar noso, nos veriamos obrigados a reclamar aos seus responsables por todos os medios legais ao noso alcance, que, debido á complexidade e elevado custo dos traballos que provocarían, de seguro serán superiores aos potenciais beneficios previstos co plantío ou calquera outro xeito de explotación da zona afectada.

A conservación do patrimonio arqueolóxico é obriga de todos e cada un de nós, porque é propiedade de todos!

*Presidente Casa do Patrón